O DOG publica este venres os orzamentos da Xunta para 2023 -cun récord de 12.600 millóns grazas a maiores ingresos de impostos estatais- e a súa lei de acompañamento -coa que muda outras 34 leis de todo tipo-. No espazo Orzamentos 2023 fomos contando nos dous últimos meses as principais medidas das novas normas.
Fálase
Este xoves morreu aos 82 anos Edson Arantes do Nascimento, Pelé, referente mundial do fútbol que tamén tivo as súas conexións galegas. A principal, a través de Santiago Formoso, que xogou canda el no Cosmos de Nova York. O documental Alén do Cosmos (2016) contou a súa historia. Na imaxe, tirada do documental, Santiago Formoso con Pelé. O xogador tivo tamén unha ligazón empresarial co noso país, a través dunha marca de pantalóns vaqueiros xunto a Manoel Soto, alcalde de Vigo de 1979 a 1991.
O Consello da Xunta autoriza a sinatura do convenio co Concello de Lugo e o Goberno de España para a construción da estación intermodal da cidade. O complexo situarase no actual emprazamento da estación ferroviaria e á Xunta correspóndelle a construción da nova terminal de autobuses e mais executar a obra dun novo aparcadoiro subterráneo, proxectado polo Adif. O custo total da intermodal lucense rolda os 50 millóns de euros e está cofinanciado polas tres administracións, que prevén concretar unha achega de fondos FEDER da UE "nos primeiros meses de 2023". No vídeo, elaborado polo Adif, recreación da futura intermodal de Lugo. A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, considera unha "boa nova" a aprobación e espera que "poidamos asinar en breve o convenio", se ben lembra que "se o PP non paralizase en 2012 a adxudicación, posiblemente agora xa estariamos gozando desa nova infraestrutura"
Os buses interurbanos galegos manterán o desconto do 50% no novo ano. O Goberno de España e a Xunta manterán as súas achegas respectivas do 30% e o 20%. A medida aplícase tamén ao transporte da ría de Vigo e o tren de vía estreita na área de Ferrol. A Xunta publica este xoves no DOG a orde coa que se suma á prórroga desa medida decidida polo Estado no marco das súas novas decisións ante a crise de prezos. [Imaxe: Monbus]
📺 O BNG comparte a mensaxe de fin de ano da súa portavoz nacional, Ana Pontón, gravada na cociña da súa casa familiar en Chorente (Sarria). Dende alí, Pontón sinala que "cada ano volvo a esta cociña, porque desde as raíces somos capaces de avanzar e, por iso, a pesar das dificultades, teño confianza no futuro, porque teño confianza en Galiza e en todos e todas vós", afirma.
O PP de Feijóo advirte de que manterá o bloqueo do Consello Xeral do Poder Xudicial alegando "escravitude moral" de Pedro Sánchez con ERC e EH-Bildu. O órgano de goberno da xudicatura leva co mandato caducado dende 2018, ano no que os populares perderon o Goberno de España e dende o que se negan a participar na renovación, que precisa dunha maioría reforzada na que son imprescindibles. [Imaxe: © PP]
O Estado subvencionará máis da metade da suba prevista na peaxe da AP-9 pola inflación e a compensación de obras pasadas. A medida forma parte do decreto lei anunciado por Pedro Sánchez co que o Goberno do Estado limita a suba das peaxes nas autoestradas ao 4%, e engádese aos arredor de 70 millóns que os Orzamentos Xerais do Estado para 2023 xa inclúen para subvencionar os descontos xerais desta mesma autoestrada. O decreto lei aprobado este martes no Consello de Ministros para facerlle fronte ás consecuencias económicas e sociais derivadas da guerra na Ucraína tamén inclúe a subvención do 4% da suba prevista na peaxe da AP-53.
👉Ampliamos as informacións:
Logran retirar o autobús sinistrado que caeu ao río Lérez o pasado día 24 causando sete mortes, con dúas persoas feridas. Un gindastre conseguiu retirar o vehículo [na imaxe © Maica Larriba] desde a ponte de Pedre (Cerdedo-Cotobade) tras ser estabilizado e pousouno de novo na estrada. Houbo que interromper o tráfico na N-541, que será restablecido cando a estrutura do guindastre sexa retirada, segundo confirmaron ao 112 Galicia os membros da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Cerdedo-Cotobade.
O pleno extraordinario do Consejo General del Poder Judicial (CGPJ) aproba o nomeamento dos xuíces César Tolosa e María Luisa Segoviano para o Tribunal Constitucional. Ambos foron propostos pola parte conservadora e saíron escollidos por unanimidade do pleno do órgano de goberno dos xuíces, no medio dunha crise institucional derivada das últimas decisións do Constitucional sobre as propostas do Goberno do Estado para desbloquear a súa renovación. [Na imaxe @PoderJudicial Rafael Mozo, presidente do CGPJ]
César Tolosa Tribiño é maxistrado da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Supremo dende 2014 e presidente da mesma dende 2020. María Luisa Segoviano foi nomeada en 2006 maxistrada da Sala Cuarta do Tribunal Supremo, da que se converteu en presidenta en outubro de 2020, sendo a primeira muller en presidir unha sala do alto tribunal.
Manuel Rivas, distinguido polo Ministerio de Cultura coa Medalla de Ouro ao Mérito nas Belas Artes, un recoñecemento que neste ano recibirán 33 persoas e entidades, entre elas Karra Elejalde, Rosa Montero, María Jiménez ou Víctor Manuel. Entre os galardoados figura tamén o produtor musical ferrolán Jesús López Jerez, presidente de Universal Music Latin.