O Tribunal Constitucional acepta o recurso do PP e suspende a votación no Senado para a reforma da súa propia renovación

Sede do Tribunal Constitucional CC-BY K3T0

A maioría conservadora do Tribunal Constitucional paraliza a votación das emendas para a súa propia renovación con seis votos fronte a cinco pasadas as dez da noite despois de non apartar aos dous maxistrados con mandato caducado que pedían recusar Unidas Podemos e PSOE

Situación insólita para a política do Estado español. O pleno do Tribunal Constitucional (TC) acepta as medidas cautelarísimas do recurso do Partido Popular para suspender a votación –que se ía producir este xoves– no Senado da proposición de lei aprobada o pasado venres no Congreso para desbloquear o TC. A maioría conservadora do TC paraliza a votación das emendas para a súa propia renovación con seis votos fronte a cinco nunha resolución comunicada pasadas as dez da noite.

A Fiscalía do Constitucional pronunciouse previamente este luns manifestándose en contra de aceptar medidas cautelarísimas como as que pide o Partido Popular no seu recurso para lograr a paralización da votación no Senado da proposición de lei aprobada no Congreso que contén as modificacións que permitirían desbloquear o Tribunal Constitucional, con varios maxistrados co mandato caducado a esta altura.

Alberto Núñez Feijóo no Senado CC-BY-SA PP

Unidas Podemos e PSOE presentaran recursos solicitando apartar da votación ao presidente do Constitucional, Pedro González Trevijano, e ao maxistrado Antonio Narváez, posto que o seu mandato caducou hai medio ano. Pero a maioría conservadora do pleno rexeitou recusalos neste momento, unha votación na que eles mesmos participaron, pese a que lles afecta directamente a renovación proposta para o alto tribunal. A votación resolveuse tamén por seis contra cinco, tería paralizado o avance do recurso presentado pola formación de Alberto Núñez Feijóo se non chegan a participar estes dous membros. 

Un pleno que estivo reunido desde a mañá deste luns, despois de aprazar a decisión o pasado xoves, o que permitiu que o Congreso aprobase o venres estas emendas propostas polo Goberno para modificar o Código Penal. En concreto, a coalición PSOE e Unidas Podemos busca unha rebaixa de tres quintos a maioría simple  no límite necesario para que o goberno dos xuíces poida nomear os dous maxistrados do tribunal de garantías que lle corresponden, para o que hai que alterar a a Lei Orgánica do Poder Xudicial. Por outra banda, tocan a Lei do Constitucional para permitir que o Goberno ou o Consello do Poder Xudicial poidan renovar en solitario cando algunha das dúas partes non realice a súa proposta.

Este asunto garda estreita relación co bloqueo do Consejo General del Poder Judicial que se mantén pola falta de acordo entre os principais partidos do Estado desde hai xa catro anos. Pola súa banda, o pleno do CGPJ ten prevista unha sesión extraordinaria para este martes, ás 17.00 horas, para debater o nomeamento dos dous maxistrados do Tribunal Constitucional cuxa designación corresponde ao órgano de goberno dos xuíces. 

Pedro González Trevijano, presidente do TC © Tribunal Constitucional

A orde do día incluirá a proposta de nomeamento como membros do tribunal de garantías dos maxistrados do Tribunal Supremo César Tolosa Tribiño e Pablo María Lucas Murillo da Cova, así como a de "aqueles outros candidatos que poderán propoñer os vogais ata o mesmo momento do inicio da sesión, de conformidade coa regra 4ª do procedemento aprobado polo Pleno extraordinario do 8 de setembro de 2022", sinalan.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.