O popular defende o seu dereito a ser senador por designación do Parlamento de Galicia lembrando que o PP apoiou propostas similares de PSdeG e BNG pero obvia que no segundo caso os populares boicotearon a votación, aínda que implicou non apoiar a elección de Manuel Fraga
O aínda presidente da Xunta en funcións, Alberto Núñez Feijóo, limitouse este martes, en plena primeira sesión do pleno de investidura de Alfonso Rueda, a criticar nas redes sociais a decisión do Goberno de España de cesar a máxima responsable dos servizos de intelixencia, o CNI, pola denominada crise do Pegasus, o acceso de implicacións aínda non aclaradas a teléfonos móbiles de políticos. Pero este mércores, xa sen roubarlle tanto protagonismo ao seu sucesor á fronte da Xunta, Feijóo, como presidente estatal do PP, convocou de urxencia aos medios de comunicación na sede do partido en Santiago para cargar contra Pedro Sánchez.
Foi unha comparecencia nun escenario habilitado ao efecto na sede do PP galego pero con decoración estatal na que acabou tendo que pronunciarse, para o seu desgusto, sobre a nova lei do aborto que quere impulsar o executivo estatal para evitar calquera efecto do recurso de inconstitucionalidade contra a lei actual que ten formulado o PP. Un pronunciamento no que non deixou clara a súa postura persoal sobre a cuestión.
Feijóo comezou acusando a Sánchez de vivir nun “esperpento que non cesa”, erosionar os alicerces da democracia, renderse ás esixencias dos seus socios e ser “o peor goberno da democracia española”. Na quenda de preguntas varios medios de comunicación preguntáronlle pola súa postura a respecto da nova lei do aborto que o Goberno de España quere impulsar para que, se o Tribunal Constitucional atende o recurso que o PP formulou contra a norma actual, dita resolución non teña efectos prácticos. As dúas primeiras preguntas foron obviadas por Feijóo, que só tras a terceira acusou veladamente aos medios de comunicación que as facían de seguir unha axenda informativa marcada polo Goberno de España para distraer a atención do que el considera máis importante e que identifica co interese xeral da cidadanía.
“Comprendo cal é a actualidade que o Goberno quere marcar, pero se eu non respondo á actualidade dos españois simplemente estou facendo de comentarista das suxestións mediáticas do Goberno”, dixo, para engadir que “non estamos falando dun tema pasaxeiro senón da crise das institucións en España”. Só tras a terceira pregunta ao respecto Feijóo acabou dicindo algo a respecto da nova lei do aborto, pero limitouse a relatar o feito ata agora polo PP, asegurando que o executivo de José Luis Rodríguez Zapatero mudara o suposto “consenso” previo sobre a cuestión cunha lei que foi recorrida polos daquela responsables populares. Porén, rexeitou ofrecer a súa postura persoal e remitiu ao seu grupo parlamentario en Madrid a decisión do PP sobre a norma que agora queira tramitar o Goberno de España.
Feijóo tamén foi preguntado polas críticas de BNG e PSdeG ao seu próximo nomeamento como senador por designación do Parlamento de Galicia a proposta do PP para poder confrontar nas Cortes Xerais con Pedro Sánchez. O popular defendeu o seu dereito a ese posto lembrando que no pasado os populares apoiaron a designación de senadores correspondentes ás cotas de PSdeG e BNG.
Feijóo citou expresamente os casos do socialista Xoaquín Fernández Leiceaga e o nacionalista Xosé Manuel Pérez Bouza, pero obviando unha circunstancia significativa do segundo caso. En 2008 o PP realmente non apoiou a elección de Pérez Bouza en protesta por considerar que eles mesmos debían ter máis representación, o que supuxo que Manuel Fraga, que era designado na mesma terna, fose elixido senador sen o voto a favor do PP. [O camiño de Feijóo ao Senado xa o fixo Fraga sen o voto a prol do PP].