A reforma da lexislación en materia de interrupción voluntaria do embarazo que o Goberno central axita dende que tomou posesión estivo presente por dúas ocasións este mércores no Parlamento de Galicia, unha a instancias do BNG e outra, do PSdeG. Mentres, no exterior da Cámara, unha concentración reivindicaba a "liberdade" das mulleres para tomaren a decisión de seren ou non nais no hemiciclo a deputada nacionalista Carme Adán defendía unha iniciativa coa que pretendía que o lexislativo reclamase "que se manteña" a lei de prazos de 2006, "que non se financien grupos antiabortistas con cartos públicos" e que "se dea formación aos profesionais" da sanidade nesta materia. Por extensión, Adán reclamaba que o PP galego tomase posición no debate aberto polo Ministerio de Xustiza. E fíxoo gabando un dos grupos que instan o ministro, Alberto Ruiz-Gallardón, a executar xa un recorte no dereito ao aborto: a Red Madre.
A encargada de defender a posición do partido da dereita foi a deputada Julia Rodríguez, molesta polo "marcado carácter ideolóxico" das intervencións da oposición e tamén por que Adán cuestione o financiamento dos grupos antiabortistas, concretamente da mencionada Red Madre, que recibe achegas da Xunta en virtude dunha iniciativa lexislativa popular aprobada en solitario polo PP en 2009, xusto despois de recuperar a maioría absoluta na Cámara. Rodríguez non ve lexítimo que o Bloque en particular e a oposición en xeral "cuestione a quen ofrece apoio a quen quere continuar co seu embarazo". Por iso "aproveita" a sede parlamentaria "para facer un recoñecemento a esas persoas que desinteresadamente apoian as mulleres que queren ser nais".
A deputada do PP aproveitou o debate para "facer un recoñecemento" á plataforma impulsada polo Foro Español de la Familia
Ademais de gabar o colectivo impulsado polo Foro Español de la Familia -o presidente do Foro, Benigno Blanco, secretario de Estado con Aznar, é vicepresidente da Fundación Red Madre- Rodríguez tamén expuxo a doutrina do PP galego sobre a interrupción voluntaria do embarazo. As mulleres, di, teñen "facultade de decisión no que tinxe á maternidade, tanto para decidir ser nais como para todo o contrario", pero "tendo claro" que "nos atopamos ante outro interese en conflito, o dereito á vida do concibido, que tampouco é relegable". Para a conservadora a actual lexislación sobre o aborto fai que "o dereito á vida do nasciturus" estea "en conflito" cos dereitos da muller e por iso, di, cómpre reformar a norma. Ademais, afirma en resposta a Adán, é "certo" o "dato" que amosan os valados propagandísticos do colectivo antiabortista Derecho a la vida, segundo a cal cada día "morren 300 nenos" a causa do aborto.
Carme Adán: "Nin a Igrexa, nin o PP nin a Red Madre van decidir por nós"
"Segundo o Código Civil", lembra a voceira do BNG, considérase "figura humana" o acabado de nacer que "viviese 24 horas enteiramente desprendido do seo materno". "Neste planeta cada día morren, segundo esta definición, 10.000 nenos e nenas de fame". Ademais, subliña, "segundo Unicef", só en Galicia "a pobreza infantil duplicou nos últimos anos". "Parece que iso non preocupa nos valados publicitarios" destes colectivos, ilustra, para lamentar o aliñamento do PP con estas plataformas. "Cada un debe exercer as súas conviccións, non estamos xulgando a ninguén" pero cousa distinta, di, é que estes grupos reciban "cartos públicos".
Coa súa postura, reprocha Carme Adán, o PP está a secundar a quen "acusa" as mulleres que aboratna de "cometer un asasinato, cando non o é". "Queren impoñer a moral católica a todas as mulleres", abonda a nacionalista, quen luciu durante o debate unha camisola co lema Nós decidimos. "Nin a Igrexa, nin o PP nin a Red Madre van decidir por nós", conclúe.