Golpe de Feijóo ao Estado constitucional

  • Editorial
Representantes dos poderes do Estado, dos partidos e de varias autonomías, entre elas Galicia, no acto polo Día da Constitución ante o Congreso dos Deputados, o 6 de decembro de 2022 CC-BY-SA Xunta

Mentres a cidadanía permanecía máis atenta aos preparativos das festas do Nadal e ao Mundial de Qatar, o 15 de decembro asistimos abraiados a un momento tan histórico como inquietante, de imprevisibles consecuencias.

O día anterior, o 14 de decembro, o Partido Popular interpuña un recurso de amparo perante o Tribunal Constitucional contra dúas emendas do PSOE e Unidas Podemos, as número 61 e 62, presentadas á Proposición de Ley Orgánica de transposición de directivas europeas y otras disposiciones para la adaptación de la legislación penal al ordenamiento de la Unión Europea, y reforma de los delitos contra la integridad moral, desórdenes públicos y contrabando de armas de doble uso

Mediante estas emendas, os grupos parlamentares que sosteñen o Goberno de España pretenden modificar a mecánica de votación do CGPJ para nomear os dous maxistrados do Tribunal Constitucional que o competen por virtude do artigo 159 da Constitución, así como o requisito de cobertura simultánea das vacantes dos maxistrados do Tribunal Constitucional, cuxa competencia a Constitución atribúe a distintos órganos. 

Trátase así de evitar a coñecida situación de bloqueo da renovación pendente do CGPJ (desde hai catro anos) e do Tribunal Constitucional desde hai seis meses, inducida polos representantes nomeados polo Partido Popular no CGPJ. 

O escrito de interposición do recurso de amparo presentado polo Grupo Popular inclúe unha solicitude de medidas cautelarísimas de suspensión da tramitación parlamentar das emendas (a sesión de votación no Pleno do Congreso foi este mesmo xoves á tarde), ao abeiro do artigo 56.6 da Lei Orgánica do Tribunal Constitucional, por considerar que concorren circunstancias de “urgencia excepcional”. 

A suspensión da votación e a aceptación deste recurso suporía a intromisión ilexítima do Tribunal Constitucional no ámbito máis protexido do Poder Lexislativo, depositario da representación da soberanía popular, fronte a ataques doutros poderes: o procedemento de elaboración das leis

Esas circunstancias non son outras que o “relato” –común ás tres dereitas– conforme ao cal a tramitación desta proposición de Lei supón un “ataque al Estado constitucional y al Estado de Derecho”, e unha cesión continua dun goberno ilexítimo aos “independentistas”, que resultaría incompatible coa Constitución. Presuntamente, a votación destas emendas en sede parlamentar suporía para o Partido Popular unha violación dos dereitos fundamentais dos parlamentarios conservadores como tales cargos representativos (o coñecido como ius in officio dos cargos públicos, artigo 23 da Constitución). 

Así e todo, desde unha perspectiva garantista e pluralista consecuente co Estado social, democrático de Dereito proclamado pola Constitución de 1978, a suspensión da votación e a aceptación deste recurso de amparo suporía a intromisión ilexítima do Tribunal Constitucional no ámbito máis protexido do Poder Lexislativo –depositario da representación da soberanía popular– fronte a ataques doutros poderes: o procedemento de elaboración das leis, máxima expresión do pluralismo político na formación da vontade do Estado. Non en van, no sistema constitucional español descartouse o recurso previo de inconstitucionalidade, aínda que se reintroduciu no 2015 para propiciar o control previo de proxectos de Estatutos de Autonomía e propostas de reforma de Estatutos de Autonomía. 

O perigo de que un órgano carente de representatividade política puidese interferir na elaboración das Leis que emanan do lícito xogo parlamentar baixo a coartada da protección dos dereitos fundamentais das minorías parlamentares xa se puido apreciar durante a crise catalá, cando o Tribunal Constitucional, habilitado cun novo arsenal de armas polo Goberno de Mariano Rajoy, actuou infatigablemente de cancerbeiro contra todo tipo de actuación independentista do Parlamento catalán, mesmo a celebración de plenos. Mais, como eran os cataláns os que o padecían, non nos preocupamos excesivamente da creación dun verdadeiro Dereito Constitucional do Inimigo, tal e como xa nos advertira Martin Niemöller no seu famoso poema

O perigo de que un órgano carente de representatividade política puidese interferir na elaboración das leis que emanan do lícito xogo parlamentar xa se apreciou na crise catalá, cando un TC habilitado cun novo arsenal polo Goberno de Rajoy actuou de cancerbeiro contra todo tipo de actuación independentista no Parlament

Agora, os perigos dun Tribunal Constitucional absoluto móstranse con toda a súa crueza. O recurso de amparo do PP preséntase perante un Tribunal Constitucional ilexítimo, con dous maxistrados con mandato caducado por causa do bloqueo do propio Partido Popular, e precisamente para garantir a continuación dese bloqueo. Mais como a concesión do amparo significaría paralizar de novo a renovación do Tribunal Constitucional, a súa tramitación afecta directamente aos intereses persoais dos maxistrados con mandato caducado, pois estes maxistrados poderían perpetuarse como tales en caso de votaren a favor do recurso de amparo. De aí que, con bo criterio, a representación de Unidas Podemos teña presentado escritos de recusación contra estes maxistrados para apartalos da votación, salvando así o match ball deste auténtico golpe constitucional.

Grazas ás recusacións presentadas, o pleno do Tribunal Constitucional no que deberá resolverse sobre a medida cautelarísima ficou adiado para o vindeiro luns, 19 de decembro, cando a proposición de Lei estea xa iniciando a súa tramitación no Senado. 

Non sabemos se o luns se producirá a culminación desta manobra de suspensión cautelar da proposición de Lei, perfectamente coordinada desde os cuarteis de Génova, 13, ao servizo dun plan político de defensa autoritaria do Réxime de 1978 a través do Dereito (o coñecido como Lawfare) contra a actual maioría parlamentar das Cortes Xerais. En todo caso, mentres agardamos polo desenlace deste golpe constitucional, é importante salientar tres cousas.

A aposta por un peche autoritario da Constitución de 1978 está sendo liderada polo noso presidente Feijóo, que parece disposto a todo con tal de chegar á Moncloa. Xa o fixo a outra escala en 2009. A algún aínda o sorprenderá o seu actual extremismo

A primeira é que, con independencia do que resolva o Tribunal Constitucional, o Partido Popular conseguiu xa levar a principal institución de garantía da Constitución a un deterioramento institucional case irreversible. A credibilidade do conxunto do sistema constitucional é tanto máis erosionada canto máis insisten as dereitas en negar a lexitimidade do actual goberno para facer unha outra lectura da Constitución. Non pode haber pluralismo político nin democracia integradora onde unha minoría nega lexitimidade aos que conforman maiorías de goberno conforme ás regras de xogo escritas na Constitución, e utiliza resortes como o do bloqueo do CGPJ para degradar o sistema, utilizándoo abertamente ao servizo dos seus intereses.

A segunda é que esta aposta por un peche autoritario da Constitución de 1978 está sendo liderada por un galego, o noso presidente Feijóo, que parece disposto a todo con tal de chegar á Moncloa en 2023. Xa o fixo a outra escala no 2009, cando non tivo escrúpulo ningún en “matar” aos seus adversarios políticos do Bipartito cunha variada gama de falsidades. A algún aínda o sorprenderá o seu actual extremismo. A nós, non: sabemos cubrir a liña de puntos que vai de Franco a Feijóo pasando por Fraga

A terceira é que a degradación do actual sistema democrático é o escenario que as dereitas buscan adrede para xustificar unha saída autoritaria acorde aos seus intereses. Perante este desafío dos novos anti-sistema, todas as esquerdas teñen a responsabilidade de pechar filas e dar unha resposta común, que sexa á vez radicalmente democrática e radicalmente constitucional.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.