O presidente di que no socialismo galego “cada ano e medio, dous anos, toca unha crise interna, e esta pode ser unha máis”
O pasado luns o portavoz parlamentario do PPdeG, Pedro Puy, como antes outros dirixentes da mesma formación, insistiron en que o ano que agora remata estivo marcado pola “normalidade política”. A primeira dimisión voluntaria dun presidente da Xunta en exercicio, a de Feijóo o pasado 29 de abril para asumir o liderado do PP estatal, non alteraría esa “normalidade”, segundo esa visión.
Porén, este xoves o sucesor de Feijóo, Alfonso Rueda, ao ser preguntado polos fitos políticos de 2022 en Galicia, admitiu que o primeiro foi a remuda á fronte da presidencia da Xunta, da que dixo que xa “forma parte da historia colectiva desta comunidade” xa que “nunca se producira un cambio da maneira en que tivo lugar”.
Na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta deste xoves Rueda tamén foi preguntado pola súa valoración a respecto da posible presentación como candidato do PSdeG á presidencia do Goberno galego de José Ramón Gómez Besteiro, a quen o actual secretario xeral do partido, Valentín González Formoso, ofreceu o posto esta semana. Rueda minimizou a importancia dos movementos destes días salientando que “cada ano e medio, dous anos, toca unha crise interna do PSdeG, e esta pode ser unha máis”.
O popular asegurou que “quen ordena e manda no PSdeG é Pedro Sánchez”, coa formación limitada en Galicia, ao seu ver, a aplaudir as súas decisións “prexudiciais” para o país. Ante esa situación, preguntado sobre se prefire a Formoso ou a Besteiro como candidato socialista, Rueda dixo que “calquera será mellor que quen manda agora”, en referencia a Sánchez.
Rueda non prevé mudanzas na Consellería de Sanidade e admite que hai críticas e "algunha dimisión, pero o sistema é moi grande, conta con moitos profesionais”
A Rueda tamén lle preguntaron pola dimisión do presidente do Consello Galego de Colexios Médicos, última novidade na longa crise sanitaria que se vén rexistrando en diversos eidos. Rueda incidiu en que o dimisionario é o presidente do colexio pontevedrés e que os outros tres presidentes provinciais seguen nos seus postos.
Tamén negou que estea a pensar en ningún cambio nin na Consellería de Sanidade nin en ningunha outra. “É certo que se producen críticas, que houbo algunha dimisión, pero o sistema é moi grande, conta con moitos profesionais”, dixo.