O PP defende que a "normalidade" marcou a política galega en 2022 malia á primeira dimisión do presidente na historia da Xunta

Alfonso Rueda recibe o aplauso da bancada do PP, dos membros do Goberno en funcións e de Feijóo tras ser investido presidente da Xunta, o pasado 12 de maio CC-BY-SA David Cabezón / Xunta

Nunca ata este 2022 un presidente da Xunta abandonar ao posto por vontade propia. A dimisión de Alberto Núñez Feijóo, o pasado 29 de abril, para dedicarse a tempo completo ao seu novo posto de líder estatal do PP mentres deixaba paso no Goberno galego a Alfonso Rueda, investido a mediados de maio, supuxo un feito inédito en catro décadas de autonomía. Ata ese momento só se producira un cambio na presidencia a metade da lexislatura, a remuda do popular Gerardo Fernández Albor polo socialista Fernando González Laxe en 1987, pero non por vontade propia do mandatario saínte, senón por unha moción de censura.

Os populares sosteñen no seu balance anual da actividade parlamentaria que a inédita remuda á fronte do Goberno virou en exemplo de "coherencia e estabilidade"

En plena remuda, o novo presidente Rueda esforzouse en facer ver que este feito sen precedentes fora pouco máis ca un trámite baixo a idea do que dera en chamar "normalidade extraordinaria", a mesma na que vén de teimar o PP galego no seu balance parlamentario do 2022. O voceiro dos populares na Cámara galega, Pedro Puy, evidencia que "o que marcou os últimos meses de actividade parlamentaria" foi o cambio na presidencia do Goberno, "a primeira vez que se produce un feito deste tipo". Pero así e todo, mantén, todo estivo "marcado pola normalidade política".

Puy -esquerda- dirixíndose á comparecencia ante a prensa para facer balance do 'curso parlamentario', xunto ao resto da directiva do grupo do PP na Cámara, este 26 de decembro de 2022 CC-BY-SA PPdeG

Segundo o popular, esta "operación tan transcendente" requiriu "de moita responsabilidade" e puido "ter aberto feridas tanto no PPdeG como no grupo parlamentario e na propia sociedade". Pero, defende, "demos exemplo de coherencia, estabilidade e cumprimento estrito das regras". Houbo, defende, unha "estabilidade política e económica" que, do seu punto de vista, quedou reflectido na aprobación dos Orzamentos Xerais para 2023, que a pasada semana completaron definitivamente a súa tramitación parlamentaria.

Tamén resulta salientable para Puy que esa "estabilidade" permitise "a aprobación de seis novos textos lexislativos", polo que "nesta lexislatura xa se levan aprobados 26". "Neste momento xa estamos por riba das 24 novas leis que se aprobaron en toda a pasada lexislatura, salienta. A pasada lexislatura (2016-20) foi a que rexistrou a aprobación de menos leis na historia da autonomía.

O BNG pon o foco na crise de prezos e encara o ciclo electoral como "alternativa de goberno"

Olalla Rodil, vicevoceira parlamentaria do BNG, facendo balance do 'curso' parlamentario este 26 de decembro de 2022 CC-BY-NC-SA BNG

Tamén o BNG facía este 26 de decembro balance do ano parlamentario. A través da súa vicevoceira no lexislativo galego, Olalla Rodil, a formación soberanista coida que o máis significativo do período de sesións que vén de rematar, alén das remudas na presidencia, foi a crise de prezos e o seu "maior impacto en Galiza". Neste sentido, Rodil lembra "propostas de urxencia" na materia presentadas polo Bloque, tales como a esixencia de que a Xunta manteña a tarxeta básica para a adquisición de alimentos en familias vulnerables  ou paquetes de axudas para os sectores nos que máis impacta a inflación.

No balance parlamentario do BNG, Rodil destaca iniciativas como a encamiñada a manter a tarxeta básica de alimentos ou a reclamación de axudas para familias vulnerables e contrástaas coa decisión da Xunta de duplicar o desconto no imposto de patrimonio, que só atinxe ás rendas máis altas

A número dous do grupo que lidera Ana Pontón contrasta estas reclamacións do BNG co "agasallo de 34 millóns de euros que o PP incluíu nos Orzamentos para 7.700 persoas ricas", en referencia á decisión de duplicar o desconto do imposto de patrimonio. Tamén, salienta Rodil, este foi o período no que recruou "a crise sanitaria, co colapso na Atención Primaria, carencia de pediatras" ou "falta de recursos para un dos grandes retos do presente, como é a saúde mental".

Estes, sinala, son só algúns dos asuntos máis destacables que o continuarán sendo no vindeiro período de sesións, o cal xa estará marcado polo inicio do ciclo electoral. Neste sentido, di, o BNG encara eses meses que veñen con "coa enorme responsabilidade de sermos segunda forza política e alternativa de Goberno", nunha "encrucillada fundamental na que poñer por diante os intereses da maioría social e de Galiza", tamén nas eleccións municipais do 28 de maio, advirte.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.