O 30 de setembro de 1987, hai agora 35 anos, o Diario Oficial de Galicia publicaba os nomeamentos dos conselleiros -todos homes- do novo Goberno galego. Na véspera tomara posesión como presidente o socialista Fernando González Laxe tras o triunfo da moción de censura contra o Goberno de Alianza Popular que presidía Gerardo Fernández Albor en minoría parlamentaria, pero tamén interna.
No outono de 1987 o socialista Fernando González Laxe foi investido presidente da Xunta tras desbancar mediante unha moción de censura o popular Fernández Albor, albo de conspiracións no seu propio partido
Corenta votos a prol (22 PSdeG, 10 Coalición Galega, 5 Partido Nacionalista Galego e 3 Partido Socialista Galego -Esquerda Galega) fronte a 29 en contra -máis dúas abstencións, do daquela único deputado do BNG, Xosé Manuel Beiras, e mais do presidente do Parlamento, Tomás Pérez Vidal- desbancaran o presidente popular, que antes padecera as conspiracións do seu propio partido, e propiciaran o nacemento do Goberno tripartito. Non en van, Albor xa vira como en 1986 lle dimitira o gabinete en pleno para tentar forzar a súa dimisión. E no verán dese 1987, aproveitando que estaba de viaxe oficial fóra de Galicia, o líder de Alianza Popular na provincia da Coruña, José Manuel Romay Beccaría, anunciara nunha entrevista televisiva que o seguinte candidato á Xunta sería Manuel Fraga, aínda líder estatal de AP.
Fronte a unha dereita en crise e sumida no enfrontamento, o socialista Laxe lograba sacar adiante a aposta de cambio "progresista" que viña defendendo dende as eleccións de 1985. PSdeG, CG e PNG acordaran gobernar xuntos e así o rubricaran no Pacto dos Tilos. Aínda que nas filas desa mudanza había 5 persoas que comezaran o mandato nos escanos da dereita, encabezados por Xosé Luis Barreiro Rivas, que tras abandonaren AP e fundaren a fugaz Unión Democrática Galega, se integraran en Coalición Galega. Barreiro, que fora vicepresidente con Albor, volvería selo con Laxe.
O Goberno de PSdeG, Coalición Galega e PNG naceu co 'pecado orixinal' dos escindidos de AP comandados por Barreiro Rivas, pero desenvolveu unha intensa actividade en apenas dous anos: dende a lei de creación do Sergas ao nacemento das universidades da Coruña e Vigo ou abondosas obras co afán de "modernizar o país"
Malia ao pecado orixinal dos cinco escanos tránsfugas e un panorama político interno e externo ben convulso, o novo presidente socialista puña o foco en que a esquerda chegaba ao poder en Galicia por primeira vez na historia da nacente autonomía. O pobo galego, sinalara, estivera "a ser estafado" porque "o Goberno non gobernaba" e o PSdeG cumprira coa "obriga" de "dar unha saída honrosa á crise política". Por diante, pouco máis de dous anos para gobernar e asentar a mudanza antes da seguinte cita coas urnas.
Con pouco tempo e diversos atrancos na contorna, a comezar polas incertezas económicas xerais e os efectos de cambios estruturais como a reconversión industrial, aquel Goberno levou adiante abondosos proxectos. Dende culminar a aprobación de leis claves como a da creación do futuro Servizo Galego de Saúde, da función pública, de coordinación das deputacións ou de iniciativa lexislativa popular a relevantes leis sectoriais. Foi o caso da primeira que regulou o comercio ou a que instituíu o galego como lingua oficial dos concellos. Desas normas emanaron fitos como a posta en marcha das universidades da Coruña e Vigo ou da Escola galega de Administración Pública. En total, case unha trintena de leis en apenas dous anos fronte á ducia do anterior bienio de Albor.
Tamén fortaleceu o tecido institucional do país. Por exemplo, coa inauguración da primeira sede de seu para o Parlamento, o Pazo do Hórreo, ou dun novo edificio para a CRTVG.
O propio Laxe, nun artigo publicado en La Voz de Galicia ao fío deste 35 aniversario, lembraba estes días outras accións do seu gabinete que, di orientara o seu programa de goberno a "modernizar o país e sacalo do atraso" e "demostrar que a autonomía era útil" e "podía facilitar a corrección das desigualdades". Xunto ao Sergas ou as universidades lembraba tamén o ex-presidente iniciativas coma o Parque Tecnolóxico de Galicia en Ourense, o pazo da ópera -daquela, "de congresos"- da Coruña ou o Auditorio de Galicia en Santiago, a estación de autobuses de Ferrol, a ordenación urbanística á beira do Miño en Lugo, a creación do Centro Galego de Arte Contemporánea, a pioneira urbanización do barrio compostelán de Fontiñas ou o nacemento da Fundación Galicia-Europa.
Aquel Executivo tivo que afrontar problemas globais e locais, dende o naufraxio do Casón aos incendios, pasando pola reconversión industrial ou un insuficiente apoio do Goberno do PSOE de Felipe González
Todo, en dous anos. Dous anos de abondosos proxectos pero non menos problemas globais e locais e nos que o tripartito herdou unha Administración con múltiples deficiencias. O novo goberno levaba menos de tres meses exercendo cando o Casón, un cargueiro de bandeira panameña que transportaba 5.000 bidóns de produtos tóxicos, naufragou fronte ás costas de Fisterra dando lugar a unha caótica evacuación veciñal e unha non menos accidentada xestión dos refugallos. Antes, cando apenas pasaran dúas semanas da toma de posesión de Laxe, un duro temporal provocara destrutivos asolagamentos en vilas como Padrón.
Mentres, no país non cesaban as protestas de diversos sectores, dende o agrogandeiro á industria reconvertida ou pechada ata persoal de filiais galegas de Rumasa. Mentres, Laxe non daba obtido todo o apoio que buscaba no Goberno de España do PSOE de Felipe González malia lograr accións como declarar Galicia como Zona de Promoción Económica (aprobada en 1988) para así atraer máis investimentos.
A estes atrancos engadiuse en xullo de 1988 o procesamento do vicepresidente Barreiro por irregularidades na concesión dun xogo galego da lotaría como membro do Goberno de AP, caso que os propios populares levaran á Xustiza como vinganza pola moción de censura e no que xogara un papel clave Mariano Rajoy, derradeiro vicepresidente de Albor. Barreiro, que dimitiu do Goberno de Laxe por mor do procesamento, sería absolto polo Tribunal Superior de Xustiza en 1989, pero condenado por prevaricación no Tribunal Supremo en 1990 tras un recurso da Fiscalía.
En 1989 o PP de Fraga logrou a absoluta por un escano nuns comicios nos que foron clave o voto exterior e a provincia de Ourense, onde concorrera coligado co partido dos Baltar. Habería que agardar década e media para a seguinte paréntese, a da Xunta de PSdeG e BNG (2005-2009)
Cando Barreiro foi condenado o presidente da Xunta xa non era Laxe, senón Fraga. O patrón da dereita española lograra a maioría absoluta por un só escano nas eleccións de decembro de 1989, nas que o Partido Popular se presentou por primeira vez baixo estas siglas e nas que foi clave o voto exterior e o resultado da provincia de Ourense, ás que acudiu coligado co partido da familia Baltar, Centristas de Ourense.
A dereita apoiara boa parte da súa campaña nas críticas ao Goberno de Laxe pola destrutiva vaga de incendios daquel verán, na que arderan máis de 100.000 hectáreas e durante a que morrera un axente forestal. O PSdeG, outra volta, non tivera ao seu dispor todo o apoio preciso da dirección federal que encabezaba González. Aínda así, logrou o que segue sendo o seu mellor resultado histórico, con 28 escanos.
Finalizaba así a primeira paréntese no poder da dereita na Xunta e comezaba a xeira das maiorías absolutas dun Fraga que minimizou os riscos de perder o poder modificando a lei electoral. Habería que esperar década e media para a segunda paréntese, a do primeiro Goberno da esquerda emanado directamente do resultado das urnas, o Executivo de coalición de PSdeG e BNG presidido por Emilio Pérez Touriño e vicepresidido por Anxo Quintana entre agosto de 2005 e abril de 2009.