Os Orzamentos Xerais da Xunta para 2023 están en pleno trámite parlamentario. As contas teñen asegurada a súa aprobación grazas á maioría absoluta do PP, se ben os grupos da oposición formularán tanto emendas de devolución como outras parciais, nas que reclaman dedicar sumar fondos a algunhas partidas e restalas doutras, así como variar os ingresos modificando, por exemplo, a estrutura tributaria que impulsa o Goberno de Alfonso Rueda.
Nunha xuntanza coa Rede Galega contra a Pobreza, o BNG avanza que proporá incluír nos Orzamentos de 2023 un novo bono para "familias con fillos en fillas en risco de exclusión"
É neste contexto no que se encadran as propostas formuladas este luns pola portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, no marco dunha xuntanza coa directiva da Rede Galega contra a Pobreza (EAPN Galicia). Despois de que esta entidade reclamase o mantemento da Tarxeta Básica para a compra de alimentos, creada pola Xunta durante a pandemia e recentemente suprimida, Pontón avanza que as achegas do Bloque aos Orzamentos promoverán recuperala, entre outras medidas como aplicar ao complemento galego das pensións non contributivas un incremento moito maior ao previsto pola Xunta: 100 euros ao mes e non 14,50 ao ano.
Sinala a líder da primeira forza da oposición galega que ambas medidas deben ser parte dunha "rede de protección social" na que, avanza, o BNG reclamará incorporar tamén un bono de nova creación "para axudar as familias con fillos e fillas que se atopan en risco de exclusión", para así "garantir que teñan un acompañamento" adicional". O novo bono, sinala, tería que vir da man doutras accións como a compatibilidade entre a Risga e o Ingreso Mínimo Vital (IMV), aínda impedida pola lei de inclusión que a Xunta segue sen reformar.
As emendas do Bloque na materia incluirán tamén achegar 70 millóns adicionais a un "plan específico de vivenda"
No que atinxe ás pensións non contributivas, di Pontón, a súa aposta por incrementalas en 100 euros ao mes mediante o complemento galego (ata agora era de 206 euros ao ano e agora será de 220,50) é tanto como superar a "tomadura de pelo" da suba prevista polo gabinete do PP que, di, non chega aos 1,20 euros mensuais. Xunto a esta reclamación, indica, as emendas do BNG tamén reclamarán achegar 70 millóns adicionais para un "plan específico en materia de vivenda", eido sinalado como clave polas entidades de loita contra a pobreza.
Estas, resume Pontón, son algunhas das reivindicacións concretas do BNG fronte a uns Orzamentos de 2023 "insolventes, insolidarios" que, advirte, mentres constatan a supresión da Tarxeta Básica "introducen medidas inxustas como un pelotazo fiscal a 7.700 millonarios aos que van agasallar 34 millóns de euros", resalta en referencia ao novo desconto do 50% do imposto de patrimonio, que duplica o do 25% aprobado para 2022. Trátase, reprocha, dunha "política fiscal regresiva" que ademais chega da man doutras decisións como a suba do canon de Sogama aos concellos pola recollida e xestión do lixo.