En Galicia hai 2.387 persoas sen fogar, segundo os datos publicados este mércores polo Instituto Nacional de Estatística na súa Enquisa a Persoas sen Fogar correspondente ao 2022 e que se publica cada dez anos tomando como base os datos dos servizos asistenciais (albergues, comedores, equipamentos de ONG ou administracións...) situados en cidades e vilas de máis de 20.000 habitantes. A cifra é superior á de 2012 (1.903) e 2005 (1.535) e supón un incremento do 25% nos últimos dez anos, unha suba semellante á rexistrada no conxunto de España.
En Galicia hai 2.387 persoas sen fogar. A cifra é superior á de 2012 (1.903) e 2005 (1.535) e supón un incremento do 25% nos últimos dez anos
Os datos do INE amosan, ademais, que Galicia está moi por riba da media do Estado español no que atinxe ao número de persoas sen fogar en relación á poboación (tomando como referencia unicamente o número de habitantes das localidades de 20.000 habitantes ou máis, que en Galicia representan o 53% do total e en España o 69%). En concreto, no conxunto do Estado hai 86,6 persoas sen fogar por cada 100.000 habitantes, en Galicia esta ratio chega ás 165,7. Se tomamos como referencia a poboación total, a media sería de 60,25 persoas sen fogar por cada 100.000 habitantes en España e 88,6 en Galicia, aínda moi por riba da ratio estatal.
Galicia está moi por riba da media do Estado español no que atinxe ao número de persoas sen fogar en relación á poboación
O INE indica que, despois da cidade autónoma de Ceuta, o País Vasco e Navarra son as comunidades nas que -en termos relativos á súa poboación- un maior número de persoas sen fogar fixeron uso dos servizos asistenciais nalgún momento. Seguen nesta clasificación Cantabria, Castela e León, Asturias e Galicia. No outro extremo, os territorios con menos persoas sen fogar nos equipamentos sociais de aloxamento e alimentación son a Comunidade Valenciana, Cataluña, Castela-A Mancha, Murcia e Canarias.
O 79% son homes, pero as mulleres representan xa o 21% cando no 2005 eran tan só o 7% do total
O estudo do INE amosa un perfil das persoas sen fogar, que son homes na súa maioría, aínda que a proporción de mulleres non deixou de medrar nos últimos anos, pasando o seu número de 104 no 2005 a 498 na actualidade. O 79% son homes, pero as mulleres representan xa o 21% cando no 2005 eran tan só o 7% do total. Esta situación foi xa detectada polo Estudo sobre senfogarismo feminino e violencia de xénero en Galicia, realizado o pasado ano pola Consellería de Política Social, que alertou deste aumento e dos maiores riscos que sufrían estas mulleres, coa posibilidade de ser vítimas da violencia de xénero, de violencias sexuais ou da prostitución.
Como lembraba a publicación “Senfogarismo. Recomendacións para medios de comunicación”, elaborada por Cruz Vermella e a Xunta, é distinta a situación das persoas "sen teito" (persoas sen aloxamento de ningún tipo, que viven nun espazo público), que a das persoas "se fogar" ás que fai referencia o estudo do INE (que viven nun aloxamento temporal, nun refuxio, nunha pensión ou nunha institución, pero que non dispoñen de vivenda).
Un 26% dorme na rúa (ben en espazos públicos, ben en coches ou caixeiros). Un 40% dorme en albergues, un 26% en pisos ou pensión pagados por ONG ou administracións e un 10% pasan a noite en pisos ocupados
Aquel estudo cifraba en 1.200 o número de persoas que viven na rúa en Galicia (en base a datos do ano 2017). O INE non ofrece información segmentada por territorios en relación ao lugar onde pernoctan as persoas sen fogar, pero para o conxunto do Estado un 16% dormen directamente na rúa (ou en parques, pontes, viadutos...) e outro 10% nos denominados "aloxamentos de fortuna" (coches, caixeiros, vestíbulos de edificios...), unhas porcentaxe que son moito máis altas no caso dos homes (19% e 12%) que no das mulleres (5% e 3%).
Un 40% dorme en albergues, un 18% en pisos pagados por ONG ou administracións e outro 8% en pensións pagadas por estas entidades. E tan só un 10% pasan a noite en pisos ocupados (serían unhas 250 persoas en Galicia). O 89% asegura pernoctar todos os días no mesmo lugar e o 14,5% queda sen comer ou cear algún día da semana, unha porcentaxe que se sitúa entre o 30% e o 40% no caso das persoas que viven na rúa.
As persoas sen fogar en Galicia teñen maioritariamente entre 45 e 64 anos (o 47%)
Ademais de ser maioritariamente homes, as persoas sen fogar en Galicia teñen entre 45 e 64 anos (o 47%), aínda que hai tamén importantes porcentaxes de mozos e mozas entre 18 e 29 anos (o 21%) e tamén de persoas entre 30 e 44 anos (24%). A proporción de persoas por riba dos 65 anos é moi pequena (7,7%).
Máis do 60% ten nacionalidade española e dous de cada tres destas persoas sen fogar españolas de orixe proceden de Galicia, mentres que o terzo restante é doutra comunidade autónoma pero vive en Galicia.
Un dos datos máis rechamantes na estatística do INE é que o 37% das persoas sen fogar en Galicia leva máis de tres anos nesta situación e que outro 30% leva así entre un e tres anos, o que indica unha cronificación do seu estado. A proporción de persoas que levan menos tempo sen fogar é moi inferior.
O principal motivo para estar sen fogar en Galicia é a perda do emprego (23%), aínda que os problemas relacionados coa vivenda suman unha porcentaxe mesmo superior, dende a imposibilidade de pagar un aloxamento (17%), ter sufrido un desafiuzamento (9%) ou o estado de ruína do edificio onde vivía (3%)
Os motivos polos que unha persoa chega a estar en situación de senfogarismo son moi diversos. O devadito documento publicado pola Xunta e a Cruz Vermella salientaba neste senso que "o senfogarismo define unha circunstancia dunha persoa, non é unha categoría" e que "son moi variadas as causas que levan a unha persoa a vivir na rúa ou en vivenda precaria, e diferentes tamén as formas de enfrontar a vida cando non tes o amparo dun fogar". "Darse conta de que detrás de cada persoa que vemos hai unha causa diferente axudaranos a non simplificar, a non falar de categorías. A falar de persoas", engadía.
Neste caso, o principal motivo para estar sen fogar en Galicia é a perda do emprego (23%), aínda que os problemas relacionados coa vivenda suman unha porcentaxe mesmo superior, dende a imposibilidade de pagar un aloxamento (17%), ter sufrido un desafiuzamento (9%) ou o estado de ruína do edificio onde vivía (3%). Dende as entidades sociais que traballan con persoas sen fogar incídese na importancia de poñer o foco no acceso á vivenda para mudar estas situacións, pois "a casa é moito máis que un teito, é o espazo no que pode comezar un proceso de cambio"
Unha parte importante das persoas que están na rúa en Galicia chegan a esta situación por ter que comezar de cero despois de ter emigrado (20%) ou por ter cambiado de localidade (9%). Ademais, aparecen outras situacións, coma os problema de adicción (9%), a separación da parella (8%), o paso polo cárcere (7%) ou por ser vítima de violencia de xénero (5%).
O 41% completou a Educación Secundaria Obrigatoria, o 17% finalizou o Bacharelato, case o 10% conta con Formación Profesional e case o 9% ten estudos universitarios
O estudo do INE ofrece datos máis detallados sobre as características das persoas sen fogar e as súas condicións de vida, aínda que referidos ao conxunto do Estado. Estas informacións refliten, por exemplo, que a gran maioría destas persoas se atopan en situación de desemprego (71%), pero hai tamén unha proporción significativa de persoas con emprego remunerado (5,4%), que perciben unha pensión de xubilación (4,1%) ou que son estudantes (4%).
Chama a atención a súa formación académica, pois aínda que unha cuarta parte non ten estudos ou conta unicamente con estudos Primarios, o 41% si completou a Secundaria obrigatoria, o 17% finalizou o Bacharelato, case o 10% conta con Formación Profesional e case o 9% ten estudos universitarios.
Unicamente o 20% das persoas sen fogar asegura que viviu ata os 18 anos en familias sen problemas ou conflitos graves
O INE afonda tamén nas orixes familiares das persoas sen fogar, destacando a grande importancia que estas teñen para as situacións actuais de senfogarismo. O 45% das persoas nesta situación proceden de familias que tiñan baixos ingresos ou nas que había desemprego de longa duración (27%). Unicamente o 20% das persoas sen fogar asegura que viviu ata os 18 anos en familias sen problemas ou conflitos graves.
As principais fontes de ingresos da poboación sen fogar son as prestacións públicas (RISGA, Ingreso Mínimo Vital, prestacións por desemprego, pensións contributivas e non contributivas...) que son percibidas polo 32,6% das persoas. Outras fontes de ingresos son o diñeiro que lles dá un familiar (6,9%), o que obteñen polo seu traballo (6,7%) e o que lles dan a ONG (6,5%). Hai un 29,9% de persoas sen fogar que declaran non ter ningunha fonte de ingresos.
O 59,6% presenta algún síntoma depresivo, porcentaxe que ascende ao 67,8% no caso das mulleres
O 37,4% das persoas sen fogar di ter algunha enfermidade crónica. O 59,6% presenta algún síntoma depresivo, porcentaxe que ascende ao 67,8% no caso das mulleres. O 20,5% ten algunha discapacidade e, entre eles, o 19,5% ten un grao de discapacidade igual ou superior ao 33%.
O 85,1% das persoas deste colectivo recibiu a vacina contra a COVID (unha porcentaxe que diminúe ata o 75% no caso das persoas que viven na rúa), o 9,0% rexeitouna e o 3,3% non foi avisado ou avisada.