"Unha vivenda digna para todo o mundo". A reclamación non sae dun partido político, nin sequera dun movemento cidadán contra os desafiuzamentos. Lánzaa Cáritas, a organización dependente da Igrexa católica dedicada á acción social que, no marco da súa a prol das persoas sen fogar, vén de traducir en cifras as dificultades que atravesa este colectivo, "cada vez máis numerososo e que vemos por calquera rúa de calquera cidade", di o seu director en Compostela, José Anuncio Mouriño. En Galicia, calcula a institución, "viven na rúa de maneira precaria" un total de 3.654 persoas ás que "a sociedade ten que darlles solucións". Esta reclamación atopou unha rechamante resposta no presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que a preguntas da prensa retrucou, dende o "respecto" a Cáritas, que hai prazas libres "nos albergues" en diferentes puntos do país.
Fronte á elocuente proposta presidencial a petición de Cáritas vai moi alén do asistencialismo. A vivenda, din, é "unha ferramenta fundamental para a vida en dignidade das persoas" como "espazo físico" para "o desenvolvemento integral do ser humano". Galicia, subliñan, é a segunda autonomía do Estado en número de persoas sen teito por cada cen mil habitantes: "133 fronte á media de España, que é de 71". Son datos que convidan á preocupación, din, nun contexto no que, por exemplo, cada noite dormen na rúa 295 persoas na cidade da Coruña, 215 en Pontevedra e 127 en Santiago. "As cifras son aterradoras", sinalan dende Cáritas, aínda que se trata dun continxente de persoas que é posible abranguer cunha "política de vivenda que garanta o dereito e preveña e combata a vulnerabilidade e a exclusión".
Cáritas reclama plans en materia de "aluguer social" e a "ocupación de vivendas baleiras" para solventar a situación das 3.600 persoas que dormen na rúa en Galicia
Mentres Cáritas apela á Carta Social Europea e a "realizar, de forma urxente, unha reforma xurídica no ámbito do alugueiro e dos procedementos de execución hipotecaria, así como a "fomentar o aluguer social e a ocupación de vivendas baleiras", Feijóo acolle os datos cun aquel de receo e subliñando que "Cáritas sabe" que en Galicia "os albergues teñen, todas as noites, prazas que non se utilizan". A xuízo do presidente cómpre "traballar", pero "para saber por que se hai albergues que non se utilizan, hai xente que dorme nas rúas en Galicia". Asemade, engade, "nos sorprenden eses datos" porque "dicir que Galicia e Euskadi son as comunidades con máis persoas sen teito [sono, pero en relación á súa poboación, non en termos absolutos] non se compadece cos cartos que se destinan aos gastos sociais" e ás axudas "de emerxencia" en ambas autonomías, que "están moi por riba das do conxunto do Estado, segundo datos de calquera tipo de estatística oficial".
Case 300.000 vivendas baleiras
Mentres se producían estas reflexións do xefe do Executivo unha delegación de persoal, voluntarios e persoas usuarias dos servizos sociais de Cáritas achegábanse á sede do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), en Compostela, para simbolizar a necesidade dunha política de vivenda alternativa que, entre outros aspectos, impida a existencia dun amplo parque de vivendas baleiras, un número moito maior que o de persoas que viven na rúa. Así, por exemplo, segundo os datos máis recentes do Instituto Galego de Estatística, do ano 2011, Galicia conta con 299.396 vivendas sen habitar, case o 20% do total. Por provincias, o maior número de vivendas baleiras estaba nese ano na Coruña, con máis de 120.000, seguida de Pontevedra, con 78.000, Ourense, con case 56.000 e Lugo, que supera as 45.000 vivendas sen persoas vivindo nelas.
"A sociedade é a responsable de todas esas persoas que non teñen un lugar digno para vivir", di Cáritas, que levou a reivindicación ante o IGVS
Estas cifras danse nun contexto no que Cáritas, "sen contar coas parroquias", tivo que "facer fronte a 193.854 euros no que vai de ano" para atender necesidades básicas destas persoas como "alugueres, subministros [como luz e auga] e habitacións". "Parécenos que isto non é correcto, xa que consideramos que a sociedade é a responsable de todas esas persoas que non teñen un lugar digno para vivir", di o director da institución, quen ademais lembra que este tipo de pobreza "ten, cada vez, máis, rostro de muller". "Tampouco se pode esquecer a mocidade que supera os 18 anos e que, fundamentalmente, procede de centros tutelados que teñen a rúa como vivenda habitual", salienta. "Falamos de seres humanos que senten o mesmo ca nós", evidencian.