Dende hai varios meses o Concello de Vigo non está a aplicar a rotación nas prazas de pernocta nos albergues da cidade, como indica a actual normativa, que obrigaría a botar á rúa cada dez días ás persoas que alí dormen. Así llo reclama tamén a Consellería de Política Social, que dende o mes de agosto vén reclamándolle ao Concello que aplique a normativa.
O Concello de Vigo non está a aplicar a rotación nas prazas de pernocta nos albergues da cidade, como indica a actual normativa, que obrigaría a botar á rúa cada dez días ás persoas que alí dormen
"Naquel momento informóuselles de que a normativa establece o prazo máximo de dez días, prorrogables ata un mes, para a acollida de persoas en situación de emerxencia social nestas instalacións. Un albergue é, por definición, un servizo que acolle a persoas en situación de exclusión de xeito temporal", explica para Praza.gal Política Social, que engade que "non se emitiu ningunha sanción ao Concello por ter incumprido a normativa dos albergues municipais ao entender que estamos ante unha situación de emerxencia social e sanitaria excepcional".
Dende agosto a Consellería de Política Social vén reclamándolle ao Concello que aplique a normativa
Pola súa banda, o Goberno local reitera que vai seguir sen aplicar a rotación obrigatoria, tendo en conta a situación excepcional que se se esta a vivir por mor da pandemia (comezando pola existnecia dun toque de queda nocturno) e a crise económica dela derivada, e máis aínda tendo en conta a chegada do inverno. O Executivo municipal lembra que os dous albergues da cidade están ao 100% da súa capacidade e que, a maiores, o Concello aloxa a outras 29 persoas sen teito en hoteis ou hostais da cidade. “Non imos poñer a ninguén na rúa. Non se pode estar polas noites na rúa e queremos que os que están no albergue continúen. Isto á Xunta non lle gusta", afirmou esta semana o alcalde, Abel Caballero.
A Xunta continúa a esixir ao Goberno municipal que cumpra co establecido na norma e que, en todo caso, "debería poñer á disposición das persoas que precisen de estancias máis prolongadas outro tipo de servizos, como os centros de acollida básica".
Dende o colectivo Os Ninguéns deféndese a decisión adoptada nesta ocasión polo Concello: "as circunstancias son especiais e se xa nos parece nunha situación normal que esa rotación é un gran erro, moito máis nunha situación de pandemia e crise sanitaria. Non se pode mandar a estas persoas á rúa, non deberían poderse enviar nunca, e moito menos co perigo actual".
"Poñer aos dez días na rúa ás persoas a sabendas de que non teñen outro acollemento é unha crueldade institucional", di o colectivo Os Ninguéns
A entidade amósase crítica coa normativa que regula estes dispositivos e rexeita que deba haber prazos de acollemento "con pandemia ou sen ela", apostando pola permanencia indefinida "ata que se lles consiga unha alternativa habitacional segura". "Non hai Lei que o sustente: o único que se di é que estes dispositivos han de ser transitorios, o que non implica obrigatoriamente un cómputo de días concreto; simplemente quere dicir que non son lugares para vivir, senón transitorios, namentres se reubica a estas persoas nunha vivenda digna", afirman.
A entidade reclámalle ao Concello que "mude o regulamento interno e aumente o tempo de pernocta para que non haxa que plantexarse se isto é irregular ou non". "O regulamento debe ser proposto á Xunta e mellorado, recollendo que ninguén sexa expulsado sen realoxo, e así xa non habería ningún problema con estas inspeccións", engaden. "Poñer aos dez días na rúa ás persoas a sabendas de que non teñen outro acollemento é unha crueldade institucional", conclúen.
"Hai meses que pedimos que se reabra o pavillón do Berbés ou calquera outro, con 50 camas confortables e non os camastros que se habilitaron durante o confinamento, para asegurarse de que as persoas teñen lugar onde recollerse durante esta pandemia e no inverno", indican.
A entidade amósase crítica coa normativa que regula estes dispositivos e rexeita que deba haber prazos de acollemento "con pandemia ou sen ela", apostando pola permanencia indefinida "ata que se lles consiga unha alternativa habitacional segura"
Dende Os Ninguéns destácase o importante papel que cumpre o albergue municipal, "un dispositivo moi importante, esencial na cidade, que literalmente salvou vidas". Con todo, piden incrementar a súa capacidade ("38 prazas nunha cidade de 300 mil habitantes, con 155 persoas sen fogar censadas, non son suficientes en absoluto"), ademais doutras melloras concretas, como ofrecer acollemento de mascotas, habitacións de privacidade ou ofrecer un servizo de ceas, que se una ao xa existente de comidas ("correcto e ben valorado polos usuarios").
Os Ninguéns propón tamén que o servizo do albergue sexa "100% municipal" e que os equipos de atención sexan "multidisciplinares" para poder intervir "a nivel biopsicosocial". "Tamén debería haber itinerarios de integración no propio barrio, para que as persoas empobrecidas formen parte do tecido veciñal e non estean apartadas senón dentro das actividades culturais, deportivas, etc.", rematan.
Propostas para mudar a realidade das persoas sen fogar
Dende Os Ninguéns valórase que durante a pandemia "a atención municipal mellorou substancialmente, co acollemento en pavillón e pensións, e tamén coa elaboración dun censo". Porén, critica que as medidas "seguen sendo insuficientes". "A capacidade dos dispositivos é obxectivamente inferior ás necesidades reais desta poboación, e con este contexto non se rompe o ciclo albergue-choupano/rúa", sinalan, engadindo que "non é certo que en Vigo ninguén durme na rúa".
"As persoas sen teito seguen en perigo, non teñen unha alternativa habitacional válida en forma de parque de vivenda social en alugueiro ao que acollerse. Para eles é practicamente imposible saír da rúa, posto que cobrando unha RISGA non se pode acceder a un alugueiro de mercado"
"As persoas sen teito seguen en perigo, non teñen unha alternativa habitacional válida en forma de parque de vivenda social en alugueiro ao que acollerse. Para eles é practicamente imposible saír da rúa, posto que cobrando cero euros ou unha RISGA non se pode acceder a un alugueiro de mercado", sinalan, apostando pola posta a disposición destas persoas dun parque de vivenda. "O senfogarismo de Vigo non vai rematar ata que as institucións se comprometan e poñan en marcha este parque de vivenda como alternativa final, onde estas persoas poidan ser veciños cos seus dereitos e obrigas", din, engadindo que "como paso previo ten que haber dispositivos transicionais estables, confortables e máis integradores".
"O que hai que facer é admitir que o sistema é insuficiente e completalo: cun dispositivo residencial e transicional de frío e urxencia namentres se adapta un edificio permanente"
"O que hai que facer é admitir que o sistema é insuficiente e completalo: cun dispositivo residencial e transicional de frío e urxencia namentres se adapta un edificio permanente, comprometéndose co aumento de prazas, co reforzo do apoio alimentario, coa mellora dos horarios e do cadro de persoal do grupo de rúa que debe detectar as urxencias e persoas sen teito con rapidez", propoñen.
A medio prazo Os Ninguéns demandan "ferramentas para darlles unha alternativa habitacional real e efectiva, como pode ser implantar en Galicia o sistema Housing First (a casa, o primeiro), que tan ben funcionou en varias cidades do Estado e que Feijóo xa se comprometera a instaurar, sen facelo"
"O primeiro sería que Xunta e Concello senten a negociar e deixen este lume cruzado co que só perden as de sempre"
"O primeiro sería que Xunta e Concello senten a negociar e deixen este lume cruzado co que só perden as de sempre. As discrepancias entre administracións non son tanto diferencias políticas como loitas partidarias onde se busca a propaganda, o protagonismo... Isto fai moito dano ás usuarias: deben coordinarse, traballar xuntas, sumar recursos... Pensamos que é mera cuestión de vontade política que nunha cidade con superávit millonario estas persoas poidan saír da rúa e teren un lugar seguro, permanente, confortable no que acollerse: un teito digno para todas como prioridade", rematan