A alerta lanzouna Cáritas o pasado novembro. Segundo os seus datos máis recentes, un total de 3.654 persoas "viven na rúa de maneira precaria" en Galicia. A vivenda, sinalaba o director da ONG católica en Compostela, é "unha ferramenta fundamental para a vida en dignidade das persoas" e por iso urxía a implicación das institucións públicas para atallar o problema. Indicadores coma estes levaron recentemente o grupo do PSOE no Congreso a cuestionar o Goberno de España polas cifras de persoas sen fogar que manexa para o territorio galego, así como as medidas que aplica para paliar a súa situación. E da resposta tírase que as cifras oficiais reducen á metade o número de persoas sen casa detectadas por Cáritas.
Na súa resposta aos socialsitas o Executivo central sinala que está inmerso na elaboración do Estratexia Nacional Integral para Persoas sen Fogar, que parte da "perspectiva da necesidade dun enfoque integral de prevención e intervención" con este colectivo e dun "coñecemento" do fenómeno do "senfogarismo". Este plan, explica, toma como referencia a enquisa de persoas sen fogar que realiza o INE, que á súa vez se basea no número de persoas maiores de idade que "na semana anterior á da entrevista" foron atendidas nalgún centro destinado a xente sen fogar en municipios de máis de 20.000 habitantes, tales como "albergues, residencias, centros de acollida, centros para demandantes de asilo, pisos facilitados por unha Administración pública, unha ONG ou organismo". Ademais, ten en conta as persoas que pernoctaron á intemperie.
O INE rexistra 1.900 persoas sen fogar no país, e Cáritas, máis de 3.600
Aínda tendo en conta todos estes criterios os datos máis recentes deste inquérito, datados no ano 2012, detectaron en Galicia 1.903 persoas sen fogar, isto é, practicamente a metade das rexistradas por Cáritas e case un 25% máis das contabilizadas na primeira edición da enquisa, realizada en 2005. Segundo este estudo nese ano habitaban en territorio galego o 8,3% das persoas sen fogar de todo o Estado e a taxa de xente sen casa por cada 100.000 habitantes acadaba no país as 133 persoas, dato este si idéntico ao exposto por Cáritas e que converte a Galicia na segunda autonomía con maior valor neste rexistro.
As propostas de solución
Diante destas circunstancias as Administracións públicas e as organizacións humanitarias non só discrepan nos números, senón tamén nas posibles solución ao problema. Así, Cáritas vai alén do asistencialismo que se podería presupoñer desta organización e insta a atallar estas "cifras aterradoras" cunha "política de vivenda que garanta o dereito e preveña e combata a vulnerabilidade e a exclusión". Baseándose na Carta Social Europea a ONG aposta por unha reforma "urxente" no "ámbito do alugueiro e dos procedementos de execución hipotecaria". Anima ademais os gobernos a "fomentar o alugueiro social e a ocupación de vivendas baleiras".
Cáritas reclama unha reforma da política hipotecaria e de alugueiro e a "ocupación de vivendas baleiras", Feijóo subliña que hai "albergues" con "prazas que non se utilizan"
Aínda que nun ton semellante o Goberno central, na súa resposta ao PSOE, liga tamén a loita contra a carencia de fogar á política de vivenda. Así, sinala que o seu Plan Estatal de Vivenda 2013-2016 "inclúe un programa de axuda ao alugueiro" como "sistema máis rápido e eficaz para o acceso á vivenda". A súa intención, asegura, é que "chegue a aqueles que máis o necesitan" e por iso calcula o subsidio "en función do nivel de renda e da composición e do número de membros da unidade de convivenica". Ese plan aplícase en Galicia a través dun convenio do Ministerio de Fomento coa Xunta, cunha achega de 128 millóns de euros pola banda estatal e 4,53, polo Goberno galego.
Neste contexto a resposta formulada en clave máis asistencial foi no seu momento a da propia Xunta por boca do presidente. Tras ser preguntado ao respecto Alberto Núñez Feijóo argumentou que "Cáritas sabe" que en Galicia "os albergues teñen, todas as noites, prazas que non se utilizan". Por este motivo cómpre "traballar" no ámbito das persoas sen fogar, pero "para saber por que se hai albergues que non se utilizan, hai xente que dorme nas rúas en Galicia". Do mesmo xeito, o xefe do Executivo declarouse "sorprendido" polos datos, porque "non se compadecen cos cartos que se destinan a gastos sociais" e a axudas "de emerxencia".