Housing First é un modelo de atención social centrado en proporcionar vivendas ás persoas que están na rúa, de forma directa e non condicional, partindo da reflexión de "se a vivenda é un elemento clave na mellora da situación das persoas, por que non comezar por aí?". O proxecto naceu nos Estados Unidos hai 25 anos e en España veu sendo desenvolvido pola Fundación RAIS en colaboración co Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade e a través dos convenios asinados con distintos concellos e outras entidades sociais de axuda ás persoas sen fogar.
O secretario da Fundación RAIS, José Manuel Caballol, ofrecerá este xoves pola mañá unha presentación desta metodoloxía en Compostela. Será no marco da I Xornada sobre a Situación das Persoas sen Fogar, organizada conxuntamente pola Concellaría de Políticas Sociais, Diversidades e Saúde e a Mesa de traballo para o estudo da situación das persoas sen teito–transeúntes e dos recursos en Santiago. O evento terá lugar no Auditorio da Facultade de Filosofía (praza de Mazarelos) ao longo de todo o día.
Ademais da intervención de Caballol, distintas entidades (Cruz Vermella, Feafes, Cáritas-Centro Vieiro, Albergue Xoan XXIII, Cociña Económica...) explicarán o traballo que realizan sobre o terreo na propia cidade de Compostela. Tamén participarán representantes doutras iniciativas que traballan noutros lugares: Colectivo Boa Vida, Arrels Fundaciò, Foro Socioeducativo Os Ninguéns ou Médicos do Mundo. Noutra das sesións Lucía del Río (Psiquiatra da Xerencia de Xestión Integrada Santiago de Compostela) e Rubén de Pedro (Red de Salud Mental de Bizkaia) afondarán na problemática das persoas sen fogar e a saúde mental. Xa pola tarde o coñecido activista Lagarder Danciu falará sobre a criminalización da pobreza e a visibilidade do senfogarismo. Conversamos co secretario da Fundación RAIS, José Manuel Caballol.
"A fórmula tradicional é achegarlles a estas persoas unha resposta en forma de escaleira. Nós dámoslle a volta a ese proceso, e ofrecemos directamente unha vivenda a estas persoas, de maneira estable e non condicionada"
En que se basa o modelo Housing First?
Partimos dunha realidade: nas nosas cidades hai moitas persoas que viven de forma estable nas rúas, ben porque non lles achegamos recursos para evitalo, ben porque non acceden a eles, ou porque son expulsados destes sistemas de axuda social. Housing First é unha metodoloxía que busca dar resposta a esa necesidade, dirixíndose sobre todo a estas persoas que sofren problemas máis graves de desestruturación e exclusión, que ademais de levar moitos anos nas rúas acumulan outras eivas: discapacidades, patoloxías de carácter mental e outras patoloxías. En definitiva, son a imaxe máis extrema da exclusión social. A fórmula tradicional é achegarlles a estas persoas unha resposta en forma de escaleira, na que van subindo chanzos (centro de noite, albergue ata chegar a unha vivenda). Nós dámoslle a volta a ese proceso, e ofrecemos directamente unha vivenda a estas persoas, de maneira estable e non condicionada.
Funciona?
Esta metodoloxía leva 25 anos funcionando nos Estados Unidos e máis de 10 anos en Europa. E tamén en España a avaliación que RAIS Fundación realizou do seu proxecto Hábitat indicou que dous anos despois o 85% das persoas seguen residindo na vivenda, mellorando ademais as súas condicións de vida e a súa integración.
Como se financia? Cal é o papel dos concellos?
Neste momento temos un financiamento mixto, unha parte procedente do Ministerio -que no ámbito da axuda ás persoas sen fogar apostou por este modelo-, e outra procedente dos concellos. Propoñémoslles fórmulas de co-financiamento, achegando nós unha parte para arrancar e deixando que a administración local ou a comunidade autónoma se faga co control do proxecto nun prazo de dous ou tres anos.
Con cantas vivendas contan os programas de Housing First en España nestes momentos?
Esperamos rematar o ano cunhas 120 vivendas en Madrid, Málaga, Barcelona, Avilés, Sevilla, Córdoba, Valencia e Biscaia. E temos moi avanzadas as conversas con Oviedo, Xixón, Tenerife, Badalona e algunha outra cidade.
"Este é un proxecto que a medio prazo pode conseguir unha redución moi significativa do número de persoas que durme na rúa. O mellor camiño para conseguilo é sumar actores e crear unha rede de entidades que o leven adiante"
Como é o proceso de posta en marcha?
O primeiro paso é realizar unha análise das necesidades concretas que hai nun lugar. Nós podemos realizar directamente esa avaliación, ou simplemente ofrecer unha asesoría técnica a unha entidade local que xa estea traballando con persoas sen fogar e que queira adoptar este modelo. Nós só esiximos nestes casos que o desenvolvemento do proxecto sexa fiel ao modelo orixinal. Este é un proxecto que a medio prazo pode conseguir unha redución moi significativa do número de persoas que durme na rúa. O mellor camiño para conseguilo é sumar actores e crear unha rede de entidades que o leven adiante.
Porase en práctica algún proxecto en Galicia?
No caso de Galicia aínda non temos proxectos en marcha, pero espero que a xornada do xoves sirva para presentar o proxecto. E, de feito, pola tarde temos unha xuntanza coa Xunta. Estamos a disposición das administracións galegas para que no caso de que amosen interese polo proxecto poidamos rapidamente poñelo en marcha a nivel galego ou nalgunha cidade concreta.