"Durante a vixencia do estado de alarma as persoas unicamente poderán circular polas vías de uso público para a realización das seguintes actividades...". O Real Decreto 463/2020 do pasado 14 de marzo obriga a toda a cidadanía a permanecer nas súas vivendas, agás para a realización puntual dun número reducido de actividade. Pero que pasa coas persoas que non teñen vivenda? Que pasa coas ao redor de 1.200 persoas sen fogar que se calcula que existen en Galicia (unha cifra que Cáritas duplica)? E que pasa, ademais, coas moitas outras persoas que habitan infravivendas, incómodas, insalubres e moi pouco axeitadas para pasar un confinamento?
Que pasa coas ao redor de 1.200 persoas sen fogar que se calcula que existen en Galicia (unha cifra que Cáritas duplica)? E que pasa, ademais, coas moitas outras persoas que habitan infravivendas?
Varias administracións puxeron en marcha nos últimos días instalacións e dispositivos para atender as persoas sen teito ás que nestes días a lei non lles permite permanecer (e durmir) na vía pública. Na Coruña o Concello habilitou o pavillón deportivo de Riazor como albergue, ofrecendo aloxamento, duchas e comida para 35 persoas con posibilidade de aumentalas ou de habilitar máis espazos se for preciso. O espazo está dispoñible as 24 horas do día e ofrece ademais almorzo, comida e cea a quen o necesite, ademais de produtos de hixiene. O Exército cedeu as liteiras que foron instaladas o pasado sábado.
Na Coruña o Concello habilitou o pavillón deportivo de Riazor como albergue, ofrecendo aloxamento, duchas e comida para 35 persoas
Nestas instalacións está tamén a colaborar a Xunta e mais a Cruz Vermella, destacando a Consellería de Sanidade que "as persoas sen teito supoñen un colectivo especialmente vulnerable a padecer enfermidades infecciosas, unha situación especialmente preocupante no referido ao Covid-19. A Concellería de Benestar Social sinala que en todo momento se gardarán as medidas de seguridade e prevención decretadas polo Estado. Así mesmo, persoal do Sergas realiza unha triaxe a todas as persoas que accede e, ademais, unha vez dentro tómalles a temperatura e controla o seu estado cando menos dúas veces ao día.
Os Ninguéns pide "empatía" e non caer "na aporofobia"
Ademais, colectivos como Os Ninguéns, de Vigo, alertan de que "coa actual situación sanitaria está habendo un repunte de aporofobia na nosa cidade". "Por favor, todas sede comprensivas, hai persoas en exclusión que non teñen acceso á mesma información que o resto e que están vivindo isto dende a máis pura indefensión", engaden. "Non lles paguemos con medo se se achegan demasiado ou rexeitamento se por desesperación piden unhas moedas para mercaren comida. Imaxinade o que é ter que facer cola nun comedor a diario con medo a contaxiarse. Non estigmaticemos por enriba a quen peor vai levar esta crise", din.
Así mesmo, diríxese ás persoas que dormen nos albergues, pregándolles que non teñan medo "a que vos teñan confinadas nos dispositivos". "Non se permite saír pero sí se hai razóns médicas, alimentarias, de farmacia... É necesario estar illadas un tempo. Ánimo, sabemos que non é doado e que asusta. Pero é o mellor, todo menos a rúa. Estamos convosco", engaden.
En Lugo o Concello habilitou o Pavillón Municipal de Deportes para as persoas sen teito que non teñan espazo no Fogar do Transeúnte. O obxectivo é "garantir as demandas sociais e non deixar a ninguén que o necesite na rúa", sinalou o Goberno local, que está a colaborar coa Cruz Vermella. Esta medida súmase aos reforzos que se aplicaron ao Fogar do Transeúnte, que permanece aberto as 24 horas e que ampliou tamén as quendas para dar de xantar ás persoas que o necesiten.
En Lugo o Concello habilitou o Pavillón Municipal de Deportes para as persoas sen teito que non teñan espazo no Fogar do Transeúnte
En Vigo o Concello acordou a ampliación de horarios de duchas e lavandería no albergue e se estableceu tres quendas de comidas, de 12:30 a 15:00 horas. Así mesmo, habilitáronse pavillóns municipais e habitacións en pensións a disposición das persoas sen teito da cidade a cargo do Concello. De igual xeito, en Pontevedra o Concello habilitou os albergues da Raíña da Paz, en Salcedo, e o albergue de Rexurdir a carón da Ponte da Barca para as persoas sen teito.
En Vilagarcía de Arousa o Concello habilitou un espazo no recinto de Fexdega para acoller a persoas sen fogar, en colaboración coa Cruz Vermella e Cáritas. Ali, as persoas que o necesitan reciben tamén alimentación, espazos e produtos para a súa hixiene e actividades de animación, "garantindo e respectando as medidas de confinamento", informa o alcalde, Alberto Varela. A súa apertura permitiu pechar o albergue de Cruz Vermella da Praza da Constitución e deixar de pagar hostais para acoller as persoas sen fogar que o demandan. Nos primeiros días de actividade durmiron en Fexdega ao redor de 20 persoas.
En Santiago, os principais recursos para persoas sen fogar son de entidades sen ánimo de lucro como a Cruz Vermella, o centro Vieiro de Cáritas, o Albergue Xoán XXIII ou a Cociña Económica
En Santiago, os principais recursos para persoas sen fogar son, tamén nesta crise, de entidades sen ánimo de lucro como a Cruz Vermella, o centro Vieiro de Cáritas, o Albergue Xoán XXIII ou a Cociña Económica que xestionan a orde relixiosa das Fillas da Caridade. Todos estes servizos están a ver condicionada a súa actividade, non obstante, polas restricións encamiñadas a tentar frear os contaxios, como os límites de aforamento. O consistorio compostelán mantivo unha xuntanza con elas para, no inicio da crise, coñecer as súas necesidades e coordinalas con recursos municipais en eidos como a procura de aloxamentos.
Nos últimos días a atención a estes colectivos vulnerables viuse alterada por, segundo puido confirmar Praza.gal, o positivo por coronavirus da relixiosa que dirixe a Cociña Económica, institución que durante a crise sanitaria está a distribuír os alimentos ás persoas que, en condicións habituais, acoden ás súas instalacións. Ese positivo derivou no illamento de todo o persoal da Cociña e na desinfección das súas instalacións, así como na contratación de novo persoal para manter o servizo. Para todas estas mudanzas contan co apoio do Concello, confirman as fontes consultadas. As entidades da cidade non desbotan ter que pedir maior apoio público nos vindeiros días. Segundo as mesmas fontes, o Concello prevé habilitar de maneira inminente unha instalación de emerxencia para acoller persoas sen fogar en colaboración coas entidades sociais da cidade.
Todos os albergues sociais permanecerán abertos para que as persoas sen fogar poidan dispor dun servizo de pernoita
Así mesmo, o Centro de Coordinación Operativa (Cecop) do Plan de Emerxencias de Galicia decretou a pasada semana de forma xeral que todos os albergues sociais permanecerán abertos para que as persoas sen fogar poidan dispor dun servizo de pernoita, extremando as precaucións na liña das recomendacións das autoridades sanitarias. Igualmente, as cociñas económicas e comedores sociais deben manter o seu funcionamento habitual, tomando as medidas necesarias para que se limite a presenza simultánea de comensais a un terzo do aforo, e reforzando o subministro de comida para o consumo fóra do centro.
Axuda ás persoas con menos recursos
Os concellos tamén acordaron medidas de apoio ás familias con menos recursos, para garantir a súa subsistencia
En Ferrol, o Goberno local está a colaborar nos últimos días con entidades como Cáritas, a Cociña Económica, a Cruz Vermella, Dignidad e o albergue Pardo de Atín, para atender tanto ás persoas sen fogar como a aquelas persoas e familias que si teñen un domicilio pero contan con recursos máis limitados. O Concello encárgase de levar a domicilio os menús que a diario serve a Cociña Económica e que ata agora recollían para levalos ás súas vivendas. Así mesmo, habilitou mecanismos para garantir que se sigan entregando alimentos a familias que xa os estaban a recibir antes da epidemia.
En Vigo, o Goberno municipal puxo en marcha unha serie de medidas para atender ás persoas e colectivos máis vulnerables. O Concello organizou dende mediados da semana pasada un servizo de voluntariado para atender a persoas vulnerables e está colaborando con distintas entidades sociais, como Cáritas, Cruz Vermella, Érguete, Protección Civil ou Fundación Provivenda para coñecer as súas demandas actuais e previsión de necesidades a corto e medio prazo. Ademais, está realizando pagos de emerxencia a familias en risco de exclusión social que teñen nenos que nestes momentos non están acudindo ao colexio e, polo tanto, non comen no comedor escolar. En concreto, o Concello abonará 50 euros por cada estudante a 1.033 familias.