“Cre que a principal prioridade no seu concello debe ser a mellora da calidade de vida e a dignidade das persoas". Na campaña electoral das eleccións municipais do ano 2015 a Rede Galega de Loita contra a Pobreza (EAPN-Galicia) lanzou esta pregunta ás distintas candidaturas, acompañando a campaña Concellos ao servizo das persoas, que buscaba "compromisos concretos", como reducir un 25% as persoas que se atopan en pobreza ou exclusión (cumprindo así o establecido na Estratexia Europa 2020) ou aumentar o gasto social a 160 euros por habitante e ano no ano 2019.
A Coruña (114 euros por habitante e ano) e Lugo (109,8) foron as localidades con orzamentos máis "sociais" no ano 2018, seguidas de Ourense, Ferrol e Compostela
Rematado aquel mandato municipal pódese facer balance dalgún destes indicadores, a partir das estatísticas oficiais. As cifras de pobreza melloraron lixeiramente nos últimos anos, pero esta situación segue afectando a unha de cada cinco persoas en Galicia e as entidades sociais alertan de que a maior parte dos grupos sociais (os chamados "perdedores da crise") aínda non recuperaron as condicións de vida que tiñan no ano 2008.. No seu último informe Cáritas alertaba de que unha porcentaxe moi importante da poboación corría o risco de caer na pobreza se se producía unha nova crise económica.
Pola súa banda, o esforzo orzamentario realizado polos concellos está aínda lonxe daquel obxectivo fixado por EAPN-Galicia, pero si é certo que algunhas das cidades galegas melloraron os seus indicadores. Pola contra, outras aparecen con cifras moi inferiores e contías moi reducidas dedicadas a actuacións de protección e promoción social.
No 2015 EAPN-Galicia esixiu "compromisos concretos" aos concellos na loita contra a pobreza e no aumento do gasto social
Na gráfica pode observarse como A Coruña (114 euros por habitante e ano) e Lugo (109,8) foron as localidades con orzamentos máis "sociais" no ano 2018, seguidas de Ourense (94,3), Ferrol (93,6) e Compostela (86,5). No outro extremo aparecen Vigo (67,7 euros por habitante) e Pontevedra (59,9), as cidades galegas con menor gasto social.
A evolución do gasto social nas cidades galegas foi diferente nos últimos tres anos, aínda que en xeral houbo un aumento dende o 2016, momento no que as contías descenderon de forma xeneralizada, motivado en boa medida polas restricións orzamentarias impostas polo Goberno central.
A Coruña rexistrou un ascenso constante dende entón, pasando de 96,4 euros no 2016 aos 114 do 2018. Lugo, pola contra, caeu de forma continuada ata 2017, para aumentar no último ano, recuperando o nivel de 2016. O mesmo sucedeu con Ferrol, mentres que Compostela amosa ascensos nos anos 2017 e 2018. Ourense foi a única na que a cifra descendeu no último ano. Mentres, Vigo e Pontevedra tiveron crecementos continuados pero cativos, partindo ademais dende niveis moi baixos, situados case no 50% das cifras da Coruña e Lugo.
Lugo é a cidade que presenta unha porcentaxe maior de gasto social, por riba do 16%
Os datos achegados polo Ministerio de Facenda ofrecen tamén información sobre a proporción que representa en cada orzamento as actuacións de protección e promoción social realizadas por cada concello. Neste caso é Lugo a cidade que presenta unha porcentaxe maior de gasto social, por riba do 16%. En segundo lugar aparecen Ourense (12,31%), por diante de A Coruña (11,31%), Ferrol (11,07%) e Compostela (8,16%). De novo, Vigo (7,51%) e Pontevedra (6,88%) son as cidades galegas cunha menor proporción de gasto social.
Pola contra, son precisamente as dúas cidades pontevedresas as que contan nos seus orzamentos cunha maior porcentaxe de gastos de capital, ou investimentos. En Vigo isto representa máis do 21% dos seus fondos, e en Pontevedra a porcentaxe chega ao 18,2%. Cómpre sinalar que neste caso a importante débeda que dende hai anos arrastraban A Coruña, Compostela e Ferrol, reducida de forma importante no último mandato, dificultaba que puidesen realizar máis investimentos.