David Silva e Xosé Cuns, representantes de Rede Galega de Loita contra a Pobreza (EAPN-Galicia) presentaron este martes en Compostela a campaña Concellos ao servizo das persoas, que ten como obxectivo buscar o compromiso dos candidatos e candidatas ás eleccións municipais para mellorar a calidade de vida dos seus habitantes e o respecto dos dereitos sociais. A campaña tamén busca a participación activa da cidadanía, "encargada esta de demandar aos candidatos e candidatas municipais que lle poñan fin a unha realidade social cada vez máis alarmante".
EAPN-Galicia lánzalles esta pregunta a todas as candidaturas ás eleccións municipais galegas: “Cre que a principal prioridade no seu concello debe ser a mellora da calidade de vida e a dignidade das persoas, especialmente as que se atopan nunha situación de pobreza ou exclusión social?”. E proponlles a sinatura do documento Compromiso coas persoas, unha declaración de 15 principios que os candidatos asinantes se comprometen a cumprir.
O escrito inclúe medidas como o aumento drástico da coordinación e colaboración para a loita contra a pobreza e a abordaxe da situación cun enfoque inclusivo. De cara a acadar o obxectivo de que en 2016 se reduza nun 15% o total das persoas que se atopan en risco de exclusión no seu concello, o compromiso pide ademais que no 2016 se dedique un mínimo de 110 euros por habitante ao ano á partida orzamentaria de actuacións de protección e promoción social (é a media do dedicado polos concellos e deputacións galegas no 2013). De non ter acadados estes dous principios, a persoa candidata comprométese a dimitir. Ao cabo da lexislatura, o compromiso implica reducir nun 25% as persoas que se atopan en pobreza ou exclusión (cumprindo así o establecido na Estratexia Europa 2020) e aumentar os orzamentos sociais a 160 euros por habitante e ano.
"Non abonda con promesas etéreas ou o refuxio nun indecente reparto de culpas políticas entre administracións. Son imprescindibles compromisos firmes e resultados urxentes"
"As palabras xa non son suficientes" -destácase no documento- "Nas vindeiras elecións municipais e ante a grave situación que se vive en Galicia, non abondan as boas intencións cunha pobreza e unha desigualdade cada vez máis intensa e crónica". "Non abonda con promesas etéreas ou o refuxio nun indecente reparto de culpas políticas entre administracións. Son imprescindibles compromisos firmes e resultados urxentes na mellora da calidade de vida das persoas", salienta.
Os candidatos e canditatas que asinen o documento comprométense tamén a "cumprir no 2015 os prazos establecidos na Lei 13/2013 de Inclusión Social de Galicia para a resolución da RISGA". Ou a "non admitir diferenzas entre pobreza de aquí e de alá", entendendo a cooperación para o desenvolvemento "como unha política social pública mais e dedicando unha partida non inferior ao 0,2% do total do orzamento á loita contra a pobreza en países empobrecidos".
No texto ínstase, igualmente, a "non admitir o lucro na loita contra a pobreza e a exclusión, implantando cláusulas sociais na contratación pública en materia de servizos sociais, recoñecendo así a experiencia e valores das organizacións non lucrativas e asegurando que operan en igualdade de condicións con outros actores económicos".
A campaña acompañarase dunha forte difusión en redes sociais e medios de comunicación, a través da web www.pobreza.gal, onde se pode consultar información detallada sobre os datos de pobreza, gasto social e transparencia dos concellos galegos, así como información sobre as candidaturas e partidos que se van unindo a esta campaña a través da sinatura do compromiso. EAPN-Galicia manterá entrevistas cos partidos políticos a nivel galego para que difundan o documento entre todos os candidatos e candidatas.
En Galicia o 24,3% da poboación atópase en risco de pobreza ou exclusión social, o que supón un total de 672.123 persoas
Segundo destacaron os responsables de EAPN-Galicia, a campaña Concellos ao servizo das persoas "nace como resposta aos elevados datos de pobreza e exclusión social que existen en Galicia e en España, así como ao fracaso das políticas que pretenden facer fronte a esta realidade". En Galicia o 24,3% da poboación atópase en risco de pobreza ou exclusión social, o que supón un total de 672.123 persoas. No total español, esta cifra ascende a 12.866.430 persoas, o 27,3% da poboación.
"Existe un enfoque incorrecto na loita contra a pobreza, xa que se presenta cun carácter asistencialista no canto de avogar por unha actuación inclusiva"
O fracaso da loita contra esta situación débese en gran medida, sinalaron, "á falta de compromiso político na atención ás persoas por parte de moitos concellos, ás carencias na coordinación entre os distintos axentes, á corrupción política e á falta de transparencia". Ademais, "existe un enfoque incorrecto na loita contra a pobreza, xa que se presenta cun carácter asistencialista no canto de avogar por unha actuación inclusiva", engadiron.