A loita contra a pobreza dende os concellos: orzamento, coordinación e medidas de fondo

Un momento do VI Seminario Participación e Cidadanía Inclusiva Dominio Público EAPN-Galicia

A enquisa de condicións de vida de 2014, publicada polo INE hai unhas semanas, deixounos o dato de que o 23,8% dos galegos e galegas viven en condicións de pobreza e exclusión social, unhas décimas por debaixo dos datos de 2013, pero aínda por riba das cifras de 2010 e 2011. Aínda que os datos galegos son mellores que a media estatal (e moito mellores que os dalgunhas comunidades -Murcia, Andalucía ou Estremadura- con situacións dramáticas), a realidade é que case unha de cada catro persoas se atopa en grandes dificultade. Ademais, alertan dende as organizacións sociais, se o dato non é maior en Galicia é porque as pensións mantiveron o seu nivel, afastando da pobreza a moitos xubilados e xubiladas que, en moitas ocasións, están sostendo as súas familias.

EAPN-Galicia pide que os concellos dediquen en 2016 un mínimo de 110 euros por habitante ao ano á partida orzamentaria de actuacións de protección e promoción social (a media galega en 2013)

A pobreza é, e será nos vindeiros catro anos, o principal asunto que terán que afrontar as novas corporacións municipais que se constitúen este sábado. Dous meses antes das eleccións a Rede Galega de Loita contra a Pobreza (EAPN-Galicia) presentou a campaña Concellos ao servizo das persoas, que tiña como obxectivo buscar o compromiso dos candidatos e candidatas para mellorar a calidade de vida dos seus habitantes. A campaña incluía un documento con 15 principios e medidas básicas que os Concellos debían levar a cabo para acadar o obxectivo de que en 2016 se reducise nun 15% o total das persoas que se atopan en risco de exclusión, rebaixándose nun 25% en 2019. Tamén se pedía que os concellos dedicasen en 2016 un mínimo de 110 euros por habitante ao ano á partida orzamentaria de actuacións de protección e promoción social (é a media do dedicado polos concellos e deputacións galegas no 2013). O documento demandaba tamén coordinación entre as distintas administracións, cumprir os prazos legais da RISGA e unha mudanza nas políticas sociais, para levar a cabo medidas máis inclusivas, de fondo, atacando as causas da pobreza no canto de limitarse a accións asistencialistas.

"Tentamos que as propostas que presentamos no documento fosen facilmente realizables" -destaca Xosé Cuns, director de EAPN-Galicia- "Mesmo así somos conscientes de que nalgúns concellos como Santiago ou Pontevedra o obxectivo de chegar en 2016 á media galega en gasto social será difícil, porque implica practicamente dobrar o orzamento". "O que si pedimos é un compromiso de incremento do orzamento social ata aproximarse á media galega", engade.

Dende a Rede Galega de Loita contra a Pobreza esixen tamén "planificación" e "concreción". "Na campaña escoitamos moitas propostas para a área social e moitas axudas de emerxencia" -di- "pero o que lles pedimos é que neste verán se centren en facer un plano a catro anos, con compromisos concretos, con indicadores, coa presenza de todos os colectivos en risco de inclusión e con coordinación con entidades e outras administracións". "E, por suposto, coordinación dentro dos distintos departamentos do Concello. Sería mellor que emprego e servizos sociais estivesen dentro da mesma concellería", completa.

  ACoruña Compostela Ferrol Lugo Ourense Pontevedra Vigo
Poboación risco de pobreza / exclusión.% 19.09 18.7 22.97 17.7 23.24 20.62 21.21
Orzamento social (€/ habitante). 95.11 55.92 109.44 157.18 85.75 48.74 66.79

% de persoas en risco de pobreza e exclusión nas sete cidades (datos INE, 2012) e Orzamento social (2013) 

 

"Pedimos que os Concellos non se deixen caer na trampa da emerxencia, na trampa do asistencialismo"

Xosé Cuns demanda tamén políticas de fondo, de longo percorrido, que ataquen as causas da pobreza: "Pedimos que non se deixen caer na trampa da emerxencia, na trampa do asistencialismo. Ti podes darlle unha axuda puntual a unha familia, pero con iso non solucionas as causas de base da pobreza, que se atallan con plans a longo prazo, con medidas de inclusión, moi ligadas a propostas relacionadas co emprego...". "Xa non estamos no tempo das medidas de emerxencia, que se cadra podían ter sentido hai tres ou catro anos. O que necesitamos agora é ver como reducimos eficazmente a pobreza en cada un dos concellos", engade. En canto ás propostas de salarios sociais lanzadas dende algúns lugares, Cuns sinala que "xa hai unha cousa chamada Risga, non fai falla inventar salarios sociais nos Concellos. En todo caso, o que se pode facer é reforzar a Risga ou, mentres non se percibe a Risga, que sexa o Concello o que anticipe eses cartos para que ninguén sufra os atrasos dun ano que está habendo agora nalgúns casos".

"Xa hai unha cousa chamada Risga, non fai falla inventar salarios sociais nos Concellos. En todo caso, o que se pode facer é reforzar a Risga ou, mentres non se percibe a Risga, que sexa o Concello o que anticipe eses cartos"

Cuns valora positivamente a campaña Concellos ao servizo das persoas que EAPN-Galicia levou a cabo entre marzo e maio: "A campaña axudounos a facer propostas máis concretas e plausibles, e de acompañalas ademais de datos obxectivos, con indicadores de pobreza, transparencia e orzamento social para cada concello. Con isto axudamos a centrar o debate, e tamén parece que anoxamos a algúns candidatos á reelección. Así é máis complicado vender motos".

"Habitualmente estes sectores -e os barrios nos que viven- rexistran niveis de abstención moi por riba da media. E iso cambiou nestas eleccións, estas persoas participaron máis"

Tamén salienta o feito de que a loita contra a pobreza se convertese nun dos temas centrais da campaña electoral en moitos concellos: "Nas campañas electorais falouse moito do tema da pobreza e da exclusión e nalgúns lugares como Santiago foi realmente un dos eixos da campaña". E, sobre todo, saúda a crecente participación política das persoas que viven nesta situación. "Mudou tamén un aspecto moi importante, que foi a participación política da poboación pobre e en risco de exclusión" -explica- "Está demostrado que habitualmente estes sectores -e os barrios nos que viven- rexistran niveis de abstención moi por riba da media. E iso cambiou nestas eleccións, estas persoas participaron máis e iso percibímolo mesmo nas redes sociais, vemos como tomaron conciencia de que o seu voto podía cambiar a súa situación". "Isto para min foi un dos efectos máis emocionantes destas eleccións. E, ademais, lévame a pensar que nestes catro anos pode haber un maior control social. Son optimista", conclúe.

 

A Xunta presenta "unha folla de ruta" contra a desigualdade

O Goberno galego presentou o Plan social contra a desigualdade económica, un documento de boas intencións que busca "unificar esforzos e recursos" pero con escasas novidades sobre as políticas xa coñecidas

No Consello da Xunta celebrado este xoves o Goberno galego presentou o Plan social contra a desigualdade económica, un documento de boas intencións que busca "unificar esforzos e recursos" pero con escasas novidades sobre as políticas xa coñecidas. Proponse, iso si, a creación dunha comisión interconsellerías para ser "a voz da Xunta neste eido" e na que participarán os departamentos de Vicepresidencia, Traballo e Benestar, Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Economía e Industria e Educación e Sanidade. Tamén se promete "comezar a traballar nas vindeiras semanas coas entidades sociais" e, unha vez concretado "o contido e alcance e priorizado de acordo con elas" dialogar cos concellos e deputacións "para pechar o paquete de medidas que dean resposta ás necesidades”.

O Goberno galego tamén se compromete a mellorar o Programa Reconduce, para "complementar a exención do pago de medicamentos a outros colectivos e familias" e, no campo da Educación, "ampliar as axudas para facilitar ás familias máis vulnerables, ademais do acceso a libros de texto, a outros materiais e actividades".

A Xunta anuncia que a vindeira semana iniciará a tramitación dun decreto que permita crear o Rexistro de Vivendas Baleiras da Comunidade

Nesta folla de ruta a Xunta fai especial fincapé no problema da falta de vivenda. E anuncia que a vindeira semana iniciará a tramitación dun decreto que permita crear o Rexistro de Vivendas Baleiras da Comunidade, “un censo a efectos de información e de planificación social para coñecer as vivendas baleiras situadas en concellos de máis de 10.000 habitantes". Vivendas cuxos titulares serán "as entidades financeiras, a SAREB ou os fondos de investimento, quedando fóra deste censo as vivendas particulares ou doutras persoas físicas". Ademais, o presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijoo, comprometeuse a "reforzar a colaboración cos Concellos e Deputacións",

Imaxe da campaña lanzada por EAPN-Galicia de cara ás eleccións do 24M Dominio Público EAPN-Galicia
Un momento do VI Seminario Participación e Cidadanía Inclusiva Dominio Público EAPN-Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.