A débeda viva dos concellos galegos suma un novo ano de descensos, motivados polas políticas de contención do gasto impulsadas polos distintos gobernos locais e tamén obrigadas polas directrices do Ministerio de Facenda, que vén de facer públicos os datos correspondentes ao ano 2018.
A Coruña (-38,4 millóns), Ourense (-24,7), Santiago (-22), Ferrol (-16,1), Lugo (-14,5) foron os concellos que máis reduciron a súa débeda dende o 2015
Durante o último ano máis da metade dos concellos galegos (167) reduciron a súa débeda e tan só 20 a incrementaron, mentres que o resto mantiveron as súas cifras, sendo estes principalmente localidades sen débeda ningunha. Tomando como referencia 2015, momento do inicio do mandato municipal que vén de rematar, foron aínda máis (201) as localidades que recortaron os seus números vermellos e unicamente 14 os que os aumentaron.
Neste período destaca sobre todo a redución da débeda levada a cabo polas sete cidades galegas. A Coruña (-38,4 millóns), Ourense (-24,7), Santiago (-22), Ferrol (-16,1), Lugo (-14,5), Vigo (-12,2) e Pontevedra (-4) suman unha diminución de case 132 millóns de euros en tres anos. Canda a eles destaca a evolución de Vilagarcía de Arousa, Narón, Sanxenxo, Cangas, Ames, Lalín, Boiro, Mos, Culleredo, Ribeira, Vilalba, Redondela, Ordes ou A Pobra do Caramiñal, que tamén recortaron a súa débeda en varios millóns.
Os concellos galegos reduciron a súa débeda á metade nos últimos tres anos
En conxunto, os concellos galegos reduciron a súa débeda exactamente á metade nestes tres anos (un descenso do 51%), de 518 millóns de euros a tan só 251 millóns. Cómpre salientar que as administracións locais galegas están entre as menos endebedadas en todo o Estado. Con moita menos poboación que Galicia, os concellos de Aragón suman moita máis débeda (982 millóns), o mesmo que os de Castela-León (887), Murcia (843), Castela-A Mancha (619), Euskadi (406) e mesmo Baleares (337) ou Asturias (257). Os datos de Andalucía (5.500 millóns), Madrid (4.700 millóns) ou Cataluña (3.400 millóns) multiplican varias veces os datos galegos.
Mentres a débeda dos concellos (e tamén das deputacións provinciais) descendía rapidamente, a débeda da Xunta (sen o control orzamentario que si sufriron os gobernos locais) pasou nese tempo dos 10.375 millóns ata os 11.342 millóns de finais do pasado ano.
A pesar do importante descenso dos últimos tres anos, A Coruña e Compostela seguen as ser os concellos con máis débeda, con 46 e 20 millóns de euros, respectivamente. Ferrol (10 millóns) e Pontevedra (8,9 millóns) aparecen tamén nos primeiros lugares, nunha lista da que case desapareceron Lugo (1,7 millóns), Ourense (154 mil euros) e Vigo (78 mil).
Os Blancos é un ano máis o concello con máis débeda por habitante, con case 5.000 euros por persoa. Miño supera os dous mil euros por residente
Porén, canda ás cidades xorden localidades máis pequenas con débedas moi importantes. Miño e Viveiro superan os 10 millóns de euros. Cangas, Mos, O Grove, Vilanova de Arousa, Vilagarcía de Arousa e Poio superan os 5 millóns. E preto desa cantidade sitúanse Catoira, Sanxenxo, Xinzo de Limia e Ribeira.
En termos relativos, Os Blancos é un ano máis o concello con máis débeda por habitante, con case 5.000 euros por persoa. Miño supera os dous mil euros por residente, nunha situación motivada pola indemnización que o Concello se viu obrigado a pagar aos veciños e veciñas prexudicados polas expropiacións realizadas por Fadesa para a construción da macrourbanización Costa Miño Golf. Durante a campaña electoral das municipais o alcalde de Miño pediulle por carta á oposición que non se falase da débeda do Concello pola "mala imaxe" que lle daba á localidade. Miño tivo que pagar este ano xuros da súa débeda que superan o orzamento do Concello.
Iso si, moi lonxe dos niveis acadados noutras zonas do Estado, por exemplo en localidades como Puebla de la Sierra (Madrid) ou Vallada (Valencia), que superan os 8 millóns de euros por habitante. Ou Moraleja de Enmedio (Madrid), Navajas (Castellón), Monasterio de la Sierra (Burgos), Los Barrios (Cádiz) e Hinojosa del Valle (Badajoz), todos por riba dos 6 millóns de débeda por persoa.
Hai 140 concellos galegos que non teñen débeda ningunha, algúns tan importantes como Oleiros, Ames, Carballo, Culleredo, Marín, Monforte ou Nigrán
Catoira, Porqueira, Nogueira de Ramuín, Avión, A Bola, Viveiro, Allariz, O Grove e Barreiros son os seguintes concellos con máis débeda por habitante, con cifras que van dos 500 aos 1.000 euros por persoa.
Nun escenario de descensos xerais, chaman a atención algúns casos particulares de concellos que incrementaron a súa débeda no último ano ou no conxunto do mandato municipal. Así, no último ano O Grove, Outeiro de Rei e Foz foron as localidades que máis elevaron este indicador. Entre o 2015 e o 2018 foi Miño a localidade na que máis creceu a débeda.
O Grove, Outeiro de Rei e Foz foron os que máis se endebedaron no último ano
No outro extremo, hai 140 concellos galegos que non teñen débeda ningunha. Moitos deles son pequenas localidades con orzamentos tamén limitados, pero nesa lista aparecen igualmente vilas importantes, como Oleiros, Ames, Carballo, Culleredo, Marín, Monforte, Nigrán, Noia, Vilalba, Fene, Betanzos, Rianxo, Barbadás, Burela, Santa Comba, Padrón ou Pontedeume, todos eles sen débeda.
As deputacións provinciais teñen niveis de débeda moi inferiores ás dos entes territoriais do resto do Estado
Como dicíamos, as deputacións provinciais tamén reduciron notablemente a súa débeda no anterior mandato. A da Coruña leva anos sen débeda ningunha e a de Lugo móvese en cifras moi cativas (3,9 millóns o pasado ano) dende que en 2015 recortou os números vermellos en case 19 millóns de euros. As deputacións de Pontevedra e Ourense son as que máis diminuíron a súa débeda nos últimos anos, de 41 a 12 millóns no caso do ente pontevedrés e de 28 a 6 no caso do goberno provincial ourensán
Ao igual que sucede cos concellos, as deputacións provinciais teñen niveis de débeda moi inferiores ás dos entes territoriais do resto do Estado. Os ao redor de 22 millóns que suman as catro deputacións galegas están moi lonxe dos 437 millóns que deben as andaluzas, os 109 das manchegas, os 138 dos consellos insulares de Baleares ou os 386 dos cabildos canarios.