O pasado domingo morría en Vigo unha persoa sen fogar, que residía dende había tres meses na Acampada contra a Pobreza instalada dende comezos do ano 2017 na Praza do Rei, fronte ao Concello
O pasado domingo morría en Vigo unha persoa sen fogar, que residía dende había tres meses na Acampada contra a Pobreza instalada dende comezos do ano 2017 na Praza do Rei, fronte ao Concello. J.E.C.C., de 42 anos, era unha das moitas persoas que dende hai dous anos e medio pasaron por esa acampada -uns tres mil, segundo os seus organizadores- unha iniciativa que lle demanda ao Concello de Vigo melloras nos servizos sociais e alternativas habitacionais e de acollemento para evitar que alguén teña que durmir na rúa.
Dende o Concello sinalouse que o falecido finara "por causas naturais" e que rexeitara unha praza no albergue municipal, algo que negan dende a acampada, que fai fincapé nas eivas das actuais estruturas de apoio ás persoas sen fogar. Dende a organización da acampada sinalan que o finado foi rexeitado nalgunha ocasión no albergue polo seu "baremo económico" e critican que "que a primeira comunicación que se fixo en prensa falase de se o Concello puxera ou non da súa parte para o seu aloxamento".
"Parécenos unha falta total de empatía e de respecto ao falecido. Era un momento de condolencia, arroupe e dó", afirman, para concluír: "que siga morrendo xente na rúa é un fracaso e esperamos que os departamentos relacionados, no canto de sacar comunicados como o mencionado, se centren en traballar porque mellore na cidade a atención a persoas en exclusión social".
O finado será ademais un dos protagonistas da actividade que un ano máis levará a cabo o colectivo Os Ninguéns no cemiterio de Pereiró para lembrar as "defuntas empobrecidas" co gallo do día de Todos os Santos. Os actos comezarán xa este xoves 31 no espazo Cubo (Doutor Cadaval 17 B). Alí proxectarase un vídeo da perfomance realizada o 1 de novembro do ano pasado pola asociación ARTERIA VIGO, que estará representada polo bailarín e coreógrafo Juan Moredo.
O finado será ademais un dos protagonistas da actividade que levará a cabo o colectivo Os Ninguéns no cemiterio de Pereiró para lembrar as "defuntas empobrecidas" co gallo do día de Todos os Santos
Ao finalizar haberá un coloquio/tertulia sobre o senfogarismo, as mortes prematuras e as tumbas sen nome, no que se abordarán as causas e posibles medidas de prevención desta dramática situación. Xa o venres 1 no propio cemiterio de Pereiró (11.30 horas) haberá un acto en recordo das defuntas empobrecidas sen teito alí enterradas: Manuel G ("el abuelo"), Rafael G, Constantin B e Abdelquahed S. Nas súas tumbas será colocada unha placa cos seus nomes, data de nacemento e data da morte. Ademais, o acto expresará o loito pola morte da persoa finada na praza do Rei.
"No cemiterio leremos un texto que reflexiona sobre o senfogarismo, as persoas que contra a súa vontade viven na rúa. Moitas delas están enfermas ou sen de idade avanzada. Non contan con alternativas habitacionais, e as que hai son insuficientes", explica Antón Bouzas, un dos representantes do colectivo Os Ninguéns, co que falamos.
"Para nós non é 'natural', nunca, ter que morrer na rúa"
Dende o Concello díxose que esta persoa morrera "de causas naturais" e que se lle ofrecera un lugar no albergue. Como valorares o sucedido?
Para nós non é "natural", nunca, ter que morrer na rúa, neste caso nunha tenda de campaña sobre o asfalto, de forma prematura, con tan só 42 anos. Lamentamos profundamente as graves carencias de empobrecemento severo ás que se veu sometido na súa vida. O que non pode ser é que unha persoa morra diante do Concello de Vigo e que a cidade non teña alternativas habitacionais. E o mesmo que che digo o Concello, dígoche a Xunta, porque teñen competencias compartidas e as dúas institucións deberían aumentar os dispositivos residenciais.
Non é a primeira vez que dende o Concello de Vigo se xustifica que hai persoas que non queren ir aos albergues, minimizando a súa responsabilidade. Así o fixo por exemplo, Abel Caballero no ano 2015... Ten validez a apelación a este grupo de persoas que non quere acudir aos albergues?
"É certo que hai un pequeno grupo de persoas que non queren ir aos albergues, pero a gran maioría están desexando ir. Iso si, queren ser acollidos en mellores condicións"
Aí hai unha certa manipulación da realidade. É certo que hai un pequeno grupo de persoas que non queren ir aos albergues, pero a gran maioría están desexando ir. Iso si, queren ser acollidos en mellores condicións, nunha contorna de empatía, de comprensión. E no caso concreto da acampada da Praza do Rei dormen diariamente 12, 13 ou 14 persoas e están reivindicando que queren unha praza no albergue. Non están aí por gusto, xa que se trata dunha praza moi aberta, moi pouco protexida do vento e a chuvia. Están reclamando unha solución habitacional, porque na actualidade cos cartos que teñen non lles chegan para poder acceder a un teito.
Tedes datos de cantas persoas poden estar vivindo na rúa neste momento na cidade de Vigo?
Non temos datos de toda a cidade, unicamente da zona centro de Vigo, que é onde se concentra a maior parte importante das persoas sen fogar, ao igual que noutras cidades. Temos calculado no Casco Vello pode haber unhas 80 ou 100 persoas durmindo en caixeiros ou casas abandonadas. Son persoas que queren ter unha alternativa habitacional, pero non a poden ter.
Como valorades o actual funcionamento do albergue en Vigo?
"Temos calculado no Casco Vello pode haber unhas 80 ou 100 persoas durmindo en caixeiros ou casas abandonadas"
En Vigo hai un albergue municipal que é insuficiente. O certo é que dende que funciona este albergue, baixaron os índices de mortalidade na vía pública de persoas sen fogar. Pero é urxente ampliar as prazas e mellorar o acollemento. En primeiro lugar, hai un problema, que é que as persoas só poden estar dez días ao mes, pero pasado ese tempo deben abandonar o albergue ata o mes seguinte. Isto para moitas persoas sen teito non é soportable: cústalles moito estar uns días cunhas mantas, un colchón, unha ducha quente..., para despois pasar o resto do mes na rúa. Dez días non mudan a vida dunha persoa sen fogar. Son persoas que levan moito tempo nesas situacións.
Como se podería mellorar?
"As persoas só poden estar no albergue dez días ao mes, pero pasado ese tempo deben abandonar o albergue ata o mes seguinte"
Nós pedimos que os albergues se parezan o máis posible ás vivendas, a un fogar. Cremos que as habitacións deben ser individuais, non como na actualidade, que hai catro ou cinco persoas no mesmo cuarto. Debe haber certa intimidade para as parellas para poder normalizar as súas vidas. Debería haber tamén acollemento para mascotas; hai persoas sen teito que teñen un can e son incapaces de desfacerse deles, porque son a súa única compaña, é algo moi importante para eles.
A clave é poder acceder a unha vivenda? Iso pode ser o punto de partida para outros cambios?
"As persoas que viven na rúa viven sometidas a moitísimos riscos. Por iso os índices de mortalidade das persoas sen teito son moi altos"
Si, o primeiro é a vivenda. Hai que ter unha vivenda acolledora, que permita que estas persoas abandonen a situación de gravidade que sofren e pasen a ter as mesmas opcións que o resto da xente. As persoas que viven na rúa viven sometidas a moitísimos riscos. Por iso os índices de mortalidade das persoas sen teito son moi altos e en moitas ocasións falecen a idades moi prematuras, como este mozo que acaba de morrer, con corenta e poucos anos. Non pode ser que o albergue deixe todos os días na rúa, durmindo na vía pública ou en choupanas a moitas persoas contra a súa vontade.
Que pasos se deberían dar para facilitar o acceso á vivenda?
"Neste momento as achegas da RISGA ou das AIS son cantidades tan pequenas, que resultan insuficientes para facer fronte a eses pagamentos"
O fundamental para nós sería que houbese un parque de vivendas suficiente en réxime de alugueiro para estas persoas. Os programas de 'a vivenda é o primeiro' funcionan moi ben e serven para atenuar a perigosidade das súas condicións de vida.
Para que estas persoas poidan saír da rúa, deben contar cuns ingresos suficientes que lles permitan acudir a un hostal ou alugar unha habitación ou unha vivenda. Pero neste momento as achegas da RISGA ou das AIS son cantidades tan pequenas, que resultan insuficientes para facer fronte a eses pagamentos. Para o alugueiro agora piden tamén avais, un seguro... piden moitas cousas que fan imposible o acceso á vivenda.