No novo episodio do Fálase, o podcast informativo de Praza.gal conducido por David Lombao, falamos de números. De números moi importantes e máis ben aburridos. Por exemplo, 13.825, o número de millóns que a Xunta prevé manexar durante o ano 2023, segundo consta no proxecto de Orzamentos Xerais que rexistrou a semana pasada no Parlamento.
É, sen dúbida ningunha, a lei máis importante de cada ano. Pero tamén é un documento inmenso, cheo de cifras, de lectura complexa. Pero moi importante. Por iso neste episodio tentamos poñer de pausa e contexto para explicar o fundamental dos Orzamentos Xerais da Xunta para o ano vindeiro: o que sobe, o que baixa, o que se mantén e o que inflúe nas nosas vidas, que é case todo.
Abordamos, por exemplo, que as partidas que máis soben son as de comercio e enerxía e explicamos as razóns, que teñen moito que ver con fortes inxeccións de fondos europeos. Tamén detallamos que, alén desas partidas que máis soben porcentualmente, as principais seguen sendo as que financian sanidade e educación, que son tamén as principais competencias do Goberno galego.
Xunto a todos estes números chegan tamén algunhas letras. Sobre todo, nun libro que non se corresponde exactamente cos orzamentos, pero que o Goberno galego do PP tramita sempre con el. É a chamada lei de acompañamento, coa que os gobernos de Fraga e de Feijóo e agora o de Rueda modifican moitas leis e decretos dun só golpe ao mesmo tempo que os orzamentos. A deste ano é especialmente ampla e para explicárnola contamos no programa con David Reinero.
Alén de diversas materias pouco relacionadas cos orzamentos, a lei de acompañamento si trata algunhas cuestións vinculadas ás contas, como son algúns impostos. Tras meses escoitando que o Goberno de España en xeral e Pedro Sánchez en particular "se forran" con determinados impostos, en verbas de Alberto Núñez Feijóo, no Fálase tamén coñecemos que, segundo os propios Orzamentos, a Xunta conta con ingresar 650 millóns de euros máis que en 2022 por eses mesmos impostos. Escoitamos, ademais, as primeiras valoracións sobre as contas de Ana Pontón (BNG) e Valentín González Formoso (PSdeG).
Despois duns minutos de información densa e dura, no tramo final do Fálase atopámonos cunha sonata. Concretamente, cunha sonata de Chopin interpretada por James Rhodes. Facémolo para introducir a recomendación a unha lectura, a da entrevista ao pianista realizada por Ana G. Liste en Praza.gal aproveitando a actuación do británico no festival coruñés Noites do Porto.
Todos os episodios de Fálase chegan primeiro ás socias e socios de Praza.gal e, a continuación, están dispoñibles para o resto da audiencia. Podes escoitalos tanto en Praza.gal como en Ivoox, Spotify, Google Podcast, Apple Podcast e mais en Podgalego.