A candidata do BNG á presidencia da Xunta, Ana Pontón, citou á prensa en Chorente, a aldea de Sarria onde se criou. O lugar de encontro era a eira da casa da súa familia, a onde a líder do Bloque se achegou acompañada dos seus pais, Aurita e Luís, para compartir en ton informal as primeiras mensaxes da campaña electoral. Non obstante, os titulares máis rotundos a prol da súa candidatura deixounos a súa proxenitora, que deu en dirixirse ao electorado para pedirlle "unha oportunidade" para que a súa filla chegue ao Goberno tras o 12X. "Non se van arrepentir", asegura.
A candidata do BNG citou á prensa en Chorente (Sarria) acompañada dos seus pais no inicio da carreira electoral cara ao 12X
Aurita e Luís, emigrados en Sestao antes de instalárense de volta en Chorente cos seus catro fillos e fillas -dúas e dous-, flanquearon ante a prensa a Pontón, que afirma que o BNG decidiu este comezo de campaña porque "as túas orixes son algo que te marca toda a vida". No seu caso, asegura, a vida familiar e na aldea "ensinoume que hai que ser humildes", o "valor do traballo", da "conexión coa terra". Pero tamén que é posible "construír e avanzar" dende o rural, afirma.
Ese espazo, relatou, compartiuno tamén coa súa avoa -unha muller "moi moderna", afirmou a nai da candidata- que lle ensinou que non cabía aceptar que "me dixesen 'non podes' porque falas galego, 'non podes' porque es de aldea, 'non podes' porque es mulleres". Aqueles consellos, evocou, servíronlle de nena para, xunto á súa irmá, facerlle ver ao cura da parroquia "que me parecía unha discriminación que non quixese que fósemos monaguillas" por ser nenas ata que acabaron séndoo. E tamén, asegura, para optar por militar no soberanismo e no feminismo.
Pontón asegura ver "posibilidades reais de que se poida producir un cambio" de Goberno: "Nunca vivira o que agora estou sentindo na rúa"
Nesta liña, catro anos despois de concorrer por primeira vez á presidencia da Xunta nun momento no que a incógnita pasaba por se o Bloque lograría ou non manter grupo parlamentario de seu, Pontón di verse á si mesma con "máis solidez" e ao BNG, amosando unha evidente "recuperación" froito "dun traballo colectivo, de demostrar que temos proxecto, que somos xente seria e cun proxecto transformador". Esas son razóns que a levan a pensar en que é posible "poder ter unha muller coas mans libres na presidencia" a partir do 12X.
Preguntada polas enquisas e a percepción que entre o electorado da esquerda poida existir a respecto dunha maioría absoluta inevitable para o PP, Pontón discrepa. "Eu son optimista por natureza", pero "tamén porque vexo que hai posibilidades reais de que se poida producir un cambio". Despois de "once anos nos que vemos que o país vai a menos, nunca vivira o que agora estou sentido na rúa; hai moita xente que está empurrando para que ese cambio se produza", coida.
A percepción de Pontón acrecéntaa súa nai. "Para min, vai ser a mellor presidenta", asegurou ante os medios. "Galicia necesita unha presidenta coma ti; honrada, boa política", eloxiou á Pontón. "Eu -rematou Aurita Mondelo- diríalles aos galegos e galegas que le dean unha oportunidade metendo o voto nas urnas para que sexa presidenta da Xunta. Non se van arrepentir".