'Alén do Cosmos', a historia do galego que xogou con Pelé e Cruyff, estréase en Vigo

Formoso, con Iago Aspas, durante a gravación do documental en Vigo © Alén do Cosmos

Chegou o día. Alén do Cosmos, o documental que narra a historia de Santiago Formoso, galego emigrado aos EUA que triunfou no fútbol e compartiu equipo con grandes estrelas no New York Cosmos, estreáse esta noito no auditorio do Concello de Vigo. A partir das 20 horas, será o propio protagonista desta curiosa historia quen acompañará o director do filme, o xornalista da Radio Galega Pedro Pablo Alonso.  

O documental narra a historia dun galego emigrado que triunfou no fútbol e xogou con Pelé, Beckenbauer ou Cruyff

Só uns cantos nomes dan conta da personaxe: Pelé, Beckenbauer, Carlos Alberto ou Johan Cruyff. Eses foron algúns dos compañeiros de equipo de Santiago Formoso, descoñecida figura galega do fútbol, triunfador nos Estados Unidos e protagonista doutra emotiva experiencia da emigración. O seu incrible periplo vital é o que recolle este documental, proxecto realizado pola empresa Quadra Producións e que foi financiado en parte grazas a unha campaña de crowdfunding.

Gravado en Newark -localidade ateigada de galegos nos EUA-, Nova York e Vigo, Alén do Cosmos é resultado dun proceso que comezou hai xa máis de catro anos. Daquela, Luís Timiraos -experto en fútbol internacional da TVG- comentou co seu compañeiro Pedro Pablo a existencia dun galego que xogara no mítico Cosmos, aquel conxunto que a base de fichaxes de grandes estrelas internacionais intentou consolidar o soccer (e o seu espectáculo) nos EUA. "Meu irmán vivía en Nova York e comezamos a investigar. Un día no Centro Galego, vendo un derbi entre Celta e Deportivo, preguntamos por el e confirmáronnos que aquel rumor era verdade; puxémonos en contacto con Santiago e aí comezou todo", contaba o director a Praza nunha anterior entrevista

Desde o primeiro momento, Formoso mostrouse moi receptivo e mesmo "sorprendido de que a súa historia non tivese nunca repercusión en Galicia". El, que non só formara parte daquel mítico equipo, senón que fora internacional coa selección dos Estados Unidos, coa que disputou uns Xogos Panamericanos e coa que a piques estivo de clasificarse para o Mundial de 1978 en Arxentina.

O galego marchou aos EUA con quince anos e acabou xogando no Cosmos e na selección norteamericana

Unha década antes daqueles éxitos, un rapaz de quince anos deixara o seu Vigo natal con destino a Nova York, onde se asentou coa enorme colonia galega de Newark. El, que despuntara no Santa Mariña -onde tamén xogaron Iago Aspas ou Jonathan Pereira-, conseguiu unha bolsa de estudo deportiva na Universidade de Pennsylvania que lle pagou os seus estudos ao tempo que se integraba no equipo de soccer.

Eran os tempos nos que os EUA intentaban converter aquel vello deporte europeo nun espectáculo americano que non daba agromado entre a cidadanía. Ata que o New York Cosmos teima na idea e aposta pola fichaxe de vellas glorias como Pelé, Beckenbauer, Carlos Alberto ou Cruyff. Tamén nese momento, Santiago Formoso ficha polo equipo da Gran Mazá. "Estivo no momento xusto e no lugar axeitado", conta Pedro Pablo Alonso, que destaca que o documental non é só unha historia de fútbol, nin moito menos.

O documental relata tamén a historia dun equipo "que se adiantou moitos anos ao fútbol actual de fichaxes millonarias e xiras asiáticas"

Porque o Cosmos foi o equipo "que se adiantou moitos anos ao fútbol actual de fichaxes millonarias, xiras asiáticas e merchandising". "Os xogadores eran tratados como estrelas de rock", engadía o xornalista, que lembra algunha das mellores anécdotas que se poderán ver no documental sobre un equipo que era propiedade da Warner Bros. E notábase. "O Cosmos era un club de fútbol que se empregaba para vender discos, vídeoxogos ou introducir a Coca-Cola no mercado asiático", explica. "Fixeron o que agora fan Chelsea ou Real Madrid cando viaxan polo mundo", explica Alonso.

"O Cosmos era un club de fútbol que vendía discos, vídeoxogos ou introducía a Coca-Cola no mercado asiático"

E esta é tamén outra historia marabillosa da emigración e dos emigrantes galegos. Como a da asistenta de John Lennon ou a do xefe da policía de Newark. Un proxecto completado non sen dificultades e acadando, á fin, imaxes de arquivo do protagonista disputando encontros co Cosmos e non sen duras negociacións. O resultado final será comprobado polo propio Santiago Formoso, que acaba de aterrar en Galicia para asistir á estrea a onde tamén acudirán futbolistas do Celta de Vigo. "Cumprín o soño americano", explica a Praza nunha entrevista que será publicada nos vindeiros días e no que repasa a súa aventura americana, que vai moito máis aló do fútbol

Formoso, durante a súa etapa no Cosmos Dominio Público Praza Pública
Santiago Formoso, durante a rodaxe en Vigo © Alén do Cosmos

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.