O Estado orzamenta uns 1.070 millóns de investimento en Galicia por segundo ano consecutivo

Obras da autovía Lugo-Santiago (A-54) en Palas de Rei a finais de 2021 © Ministerio de Transportes

Xa están aquí, agora si, os primeiros Orzamentos Xerais do Estado posteriores ao AVE. O pasado decembro de 2021, o Goberno de España inaugurou a conexión por alta velocidade coa Meseta dende Ourense -coa excepción da capital ourensá- e con ela finalizou o groso dunhas obras que capitalizaran durante lustros o investimento estatal en Galicia. 

O montante de investimento previsto en Galicia supón apenas 3 millóns máis que o orzamentado para 2022

Con este condicionante de base, o Ministerio de Facenda vén de entregar ao Congreso un proxecto de Orzamentos Xerais do Estado para 2023 que, no seu capítulo de investimento territorializado -aquel que atinxe a unha comunidade en concreto- prevé 1.077,9 millóns de euros para Galicia. É unha cantidade moi semellante á orzamentada para 2022, cando a previsión se incrementera un 29%, e nesta ocasión o crecemento é de apenas un 0,3%.

O investimento previsto en Galicia supera apenas tres millóns máis o orzamentado para 2022. Supón o 8% do total territorializable, unhas tres décimas menos que o ano pasado e a quinta maior porcentaxe. Implica tamén superar a barreira simbólica dos 1.000 millóns de euros por segundo ano consecutivo, algo que aconteceu en 2022 por primeira vez dende 2016, as últimas contas do Executivo do PP de Mariano Rajoy que quedaran por riba dese limiar. 

Cómpre ter en e conta, en todo caso, que estas previsións de investimento non sempre acaban correspondéndose co efectivamente gastado. Por exemplo, en 2021 -último dato dispoñible-, o Estado executou o 67% do orzamentado en Galicia.

O capítulo de investimentos inclúe esencialmente obras e non contempla outras achegas coma os case 70 millóns en subvencións ás peaxes da AP-9 nin os fondos que o Orzamento destina ao financiamento da Xunta

Como é sabido, o capítulo de investimentos está protagonizado esencialmente por obras e non ten en conta na suma os recursos que poidan chegar a Galicia procedentes das políticas xerais do Estado. Tampouco outros capítulos das contas públicas destinadas a territorio galego, caso das subvencións xerais das peaxes da autoestrada AP-9, que volven figurar no orzamento do Ministerio de Transportes cunha dotación de 56,4 millóns de euros, ou as compensacións específicas pola gratuidade dos tramos de Rande e da Barcala nesa mesma autoestrada, con 9,09 millóns.

Ese capítulo de investimentos é tamén diferente dos fondos que os Orzamentos Xerais do Estado contemplan para o financiamento das competencias da Xunta. Neste caso, as cantidades do chamado fondo de suficiencia global (que compensa as diferenzas entre as necesidades de financiamento, a recadación tributaria e outros fondos) chegan a 725,49 millóns, un 3,6% máis, mentres que o fondo de compensación interterritorial, que depende de criterios como a poboación e reciben 10 autonomías "comparativamente menos desenvolvidas", sitúase para Galicia en 38,58 millóns (-2%).

Transportes, o máis investidor en Galicia e a A-54, a principal obra

No que atinxe aos investimentos en sentido estrito, o Ministerio de Transportes e os entes e empresas públicas que dependen del volven ser os que orzamentan montantes máis elevados en Galicia para 2023. Sen ter en conta esas entidades que concentran fortes investimentos (por exemplo, nos últimos anos Adif e as súas filiais foron grandes protagonistas por mor das obras do AVE), Transportes aglutina o 77% do investimento territorializado en Galicia, seguido de Transición Ecolóxica co 17%. 

Co AVE á Meseta concluído agás a variante de Ourense, en materia ferroviaria destacan outros investimentos como a mellora da conexión Ourense-Lugo, os accesos aos portos exteriores da Coruña e Ferrol ou as partidas para a antiga Feve e o corredor atlántico

Para 2022, o Ministerio de Defensa figuraba como o segundo máis investidor en Galicia con proxectos como as fragatas F110 que se constrúen en Ferrol. Pero para 2023 o seu cadro de investimentos previstos en Galicia figura en branco. A razón é que fondos como os das fragatas pasan aos denominados Programas Especiais de Modernización, que reservan para continuar a construcións destes buques en 2023 algo máis de 500 millóns de euros.

Baixando ao concreto, coas liñas de alta velocidade xa rematadas, a principal obra do Ministerio de Transportes en Galicia seguen sendo os tramos pendentes da autovía Lugo-Santiago, a A-54, con 24 millóns de euros para o que ten máis próximo o seu remate (de Palas de Rei a Melide) e outros 30 para o de Melide a Arzúa, o máis demorado. Son uns 54 millóns de euros aos que se engaden outros 10 da conexión de esta autovía coa AP-9 en Santiago, o denominado enlace orbital, cuxas obras xa están en marcha.

Alén da A-54, en materia de estradas tamén destacan dotacións como 20,7 millóns para a conexión da N-120 coa N-536 no Barco de Valdeorras. Tamén 13 millóns para a circunvalación de Pontevedra pola futura A-57 ou 8 millóns de euros para a variante norte de Ourense.

En materia ferroviaria, os orzamentos de entidades dependentes do Ministerio de Transportes reflicten ás claras a conclusión da liña de alta velocidade coa Meseta, dá que só resta a devandita variante de Ourense, que conta con 25 millóns de euros para 2023. Mentres, teñen dotacións notablemente máis elevadas outras actuacións en liñas convencionais como a mellora da conexión entre Lugo e Ourense, que recibe varias partidas, tales como 25 millóns para a renovación de Monforte a Lugo ou outros 8,8 de Ourense a Monforte. 

Alén de Transporte, destacan proxectos como os case 60 millóns para o taller de subloques de Navantia Ferrol ou 16 millóns máis para a rexeneración da ría do Burgo

Tamén destacan os 46 ,5 millóns da renovación da liña Vigo-Redondela-Guillarei-Ourense, 36,9 para os accesos ferroviarios ao porto exterior da Coruña, 28 para os do porto exterior de Ferrol ou 25 millóns de euros previstos para a liña da antiga FEVE de Ferrol a Asturias, o tren do norte. Ademais, xunto a eles, diversos investimentos asociados ao corredor atlántico ferroviario.

Fóra do Ministerio de Transportes, en 2023 outro dos principais proxectos de investimento do Estado en Galicia é o taller de fabricación de subloques en Navantia Ferrol, que recibe case 57 millóns de euros (case o dobre que o ano pasado) por parte da Sociedade Estatal de Participacións Industriais (SEPI). Continúa tamén presente a dotación para a  a rexeneración da ría do Burgo, con 16 millóns de euros do Ministerio para a Transición Ecolóxica.

A ministra de Facenda, María Jesús Montero, entrega o proxecto de Orzamentos Xerais do Estado para 2023 á presidenta do Congreso, Meritxell Batet, este 6 de outubro © Congreso

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.