Da suba dun 8,5% nas pensións á continuidade dos trens gratis: primeiras claves do terceiro orzamento do PSOE e UP

Pedro Sánchez conversa coa vicepresidenta Yolanda Díaz durante o pleno do Senado do pasado 6 de setembro CC-BY-NC-ND Eva Ercolanese / PSOE

Luz verde aos terceiros Orzamentos Xerais do Goberno de España da coalición do PSOE e Unidas Podemos. En rigor, visto e prace das contas no Consello de Ministros tras o acordo entre as forzas que sosteñen o Executivo que preside Pedro Sánchez, que agora ten que procurar apoios no Congreso para armar unha terceira maioría a prol das súas contas, como xa fixo coas de 2020 e 2021.

Como adoito, a aprobación do proxecto do Orzamento no Consello de Ministros -igual que sucede coas contas da Xunta tras pasar polo seu Consello- non implica coñecer automaticamente todas as súas cifras. Tampouco aspectos como o investimento previsto en Galicia, o cal será público en canto os libros orzamentarios cheguen ao Congreso, o cal sucederá previsiblemente a vindeira semana.

A ministra portavoz, Isabel Rodríguez, flanqueada polas ministras de Economía, Nadia Calviño, e de Facenda, María Jesús Montero, tras o Consello que aprobou os Orzamentos Xerais do Estado para 2023 © Pool Moncloa / Borja Puig de la Bellacasa

O presentado este 4 de outubro son as grandes cifras das principais partidas e as apostas políticas dun proxecto que, en verbas da ministra de Facenda, María Jesús Montero, "mandan unha clara mensaxe cara ao exterior sobre a solvencia e o dinamismo da nosa economía". Para elaboralos contaron cun teito de gasto de 198.221 millóns de euros, "a maior cifra xamais rexistrada".

Como informa Javier Guzmán para infoLibre, o gabinete do PSOE e UP pon o foco nas partidas que aglutinan baixo o epígrafe de gasto social, 266.719 millóns de euros (case un 10% máis). Baixo esa denominación o Goberno de España inclúe as pensións, que aumenta un 11,4%, ata os 190.687 millóns. 

O proxecto orzamentario, cun montante récord, inclúe fondos para subir as pensións arredor do 8,5% e así compensar a inflación. O financiamento das comunidades autónomas aumenta un 24% e o gasto en defensa, na contorna do 25%

Ese montante total para pensións inclúe o gasto destinado ás rendas dos novos pensionistas e tamén a revalorización coa inflación, que o Goberno estima que será na contorna do 8,5%. Será en novembro cando se calcule a media da suba de prezos do 2022, que será o dato que marque esa revalorización. Unha das novidades destes orzamentos é que por primeira vez en 13 anos permiten unha achega ao Mecanismo de Equidade Intergeneracional, o coñecido como peto das pensións, que recibirá 2.957 millóns.

No que atinxe ao financiamento das comunidades autónomas (fondos que financian as competencias propias da Xunta, no caso galego, distintos do investimento do Estado en Galicia), o proxecto prevé 135.274 millóns "en concepto de entregas a conta e pola liquidación de 2021", isto é, pola previsión de recadación de impostos en 2022 e pola compensación do recadado neste 2021. "Supón unha cifra sen precedentes e implica un incremento do financiamento do 24%.

Un tren de media distancia da Coruña a Vigo CC-BY Freecat

Un incremento semellante, de algo máis do 25%, é o que experimentará o gasto en Defensa, xustificado polo Executivo nos compromisos coa OTAN e no incremento de postos de traballo, afirman e que finalmente sae adiante malia ás retesías no seo de Podemos. A ministra de Facenda detalla que o ministerio de Defensa manexará un 6,5% máis de fondos, incremento que sobe ao 8,4% contando os fondos europeos. Pero o conxunto da partida sobe moito máis ao contar os denominados "plans especiais de modernización", que en 2023 levarán 4.900 millóns, boa parte deles para contratos diversos, caso da construción de fragatas en Navantia Ferrol.

Continuidade dos abonos ferroviarios gratuítos e outras medidas

O acordo dos socios de Goberno implica tramitar "urxentemente" a lei de familias, con medidas como un novo permiso parental de 8 semanas

A presentación do proxecto orzamentario do Estado para 2023 trouxo consigo outra novidade: as contas pasan a integrar os abonos gratuítos nos trens de proximidade e Media Distancia, implantados inicialmente ata o 31 de decembro. A súa integración nos orzamentos xerais do Estado supón que deixa de ser unha medida conxuntural para converterse en permanente, no marco da estratexia de transición ecolóxica. 

Custará uns 700 millóns de euros e a ministra Montero resalta que non só se trata dunha medida para "aliviar ás familias de baixa renda", que a xuízo de Montero son as que máis uso dan o transporte público. Tamén, avanzan, avaliarán o seu impacto no conxunto de medidas de redución de emisións de gases contaminantes.

Xusto coas medidas estritamente orzamentarias, o acordo entre os socios do Goberno de España inclúe un compromiso de tramitaren "urxentemente" a futura lei de familias, con medidas como un novo permiso parental de 8 semanas. Ademais, a aprobación das contas inclúe o incremento ata 600 euros do IPREM, o indicador de renda que é clave para o acceso a múltiplas axudas sociais.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.