Adif e Transportes foron os departamentos do Estado con máis investimento sen gastar en Galicia durante 2021

Vía férrea entre Lugo e A Coruña ao seu paso por Parga (Guitiriz), contorna pendente de investimentos do Adif CC-BY-NC-SA Praza Pública

Non é habitual que os datos de execución dos investimentos previstos nos Orzamentos Xerais do Estado, isto é, os cartos efectivamente gastados dentro do total previsto para investir (non do total das contas, só do capítulo de investimentos), cheguen aos titulares ou estean no centro do debate político. Si sucedeu este ano ao fío dos datos de 2021, os dos primeiros orzamentos do Goberno de España do PSOE e Unidas Podemos, en boa medida ao fío das diferenzas entre territorios e do ben parada que sae a Comunidad de Madrid en comparación con todas as demais.

Na banda contraria dos ministerios, empresas e entes estatais que non investiron todo o previsto estivo Adif-Alta Velocidad, que executou investimentos por máis do dobre do orzamentado nese ano para Galicia

Como detallou Praza.gal, nese ano o Estado gastou o equivalente ao 67% do que prevía investir en Galicia. Isto supuxo que Ministerios, entes autónomos e empresas públicas executasen 532 dos algo menos de 800 millóns que orzamentaran como investimentos (fundamentalmente, obras, encargas e diversos servizos) e deixaran sen gastar algo máis dun 30%. Non obstante, existen notables diferenzas entre departamentos. Dous dos habitualmente máis investidores, o Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (Adif) e o Ministerio de Transportes, son os que máis fondos deixaron sen gastar. Cómpre ter en conta, non obstante, que algúns dos proxectos máis destacados destes departamentos, caso dos descontos nas peaxes da AP-9, non computan como investimentos.

Na banda contraria, a filial de alta velocidade do Adif, que no ano da posta en servizo da conexión por AVE coa Meseta investiu máis do dobre do que prevía. Isto implica, daquela, que malia avances como as obras de mellora da conexión entre Lugo e Ourense, longamente agardadas, o Adif executa con maior celeridade -tras anos de demoras- e precisión o seu orzamento de alta velocidade que o dedicado ao tren convencional. 

O Adif deixou sen executar 95 millóns de euros do orzamento de investimentos reais que proxectou para Galicia en 2021, case un 35% do previsto

Segundo os datos divulgados pola Intervención Xeral do Estado, o departamento dependente do Ministerio de Facenda que controla a execución das contas públicas, o Adif deixou sen executar 95 millóns de euros do orzamento de investimentos reais que proxectou para Galicia en 2021. A continuación sitúase o Ministerio de Transportes, que deixou no caixón algo máis de 85 millóns. Puertos del Estado, con 75 millóns, a Sociedad Estatal de Participaciones Industriales, con 40 millóns, e a Zona Franca de Vigo (39,81) destacan en termos absolutos nunha clasificaciónd e fondos non executados que continúa con Renfe e Enaire (a empresa dos aeroportos), con case 12 millóns non investidos.

Como amosa o gráfico sobre estas liñas, na banda contraria está Adif-Alta Velocidad, que investiu en Galicia nese ano máis de 100 millóns por riba do previsto. O Centro Superior de Investigacións Científicas (CSIC) e os Ministerios de Interior e Defensa tamén acabaron o ano investindo máis do orzamentado en Galicia.

As diferenzas en porcentaxe

Os departamentos que concentran o groso dos investimentos reais son empresas e fundacións públicas e non os propios ministerios. Unha ducia delas tiñan previsto investir en Galicia durante 2021 e, en termos porcentuais, tamén destaca Adif-Alta Velocidad, dado que gastou o equivalente a un 264% do previsto. Mentres, case unha decena destas entidades investiron en Galicia menos da metade do que orzamentaran e tres delas (a sociedade que xestona as prisións, a Sociedade Estatal de Participaciones Industriales, a Zona Franca de Vigo e a Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología) executaron menos dun terzo.

No que atinxe aos ministerios e outros organismos dependentes deles, son catro os departamentos que investiron máis do previsto. O maior desfase é o do Ministerio do Interior (prevía investir medio millón e investiu máis de 2 millóns), seguido do CSIC, o Centro de Investigación Biomédica e o Ministerio de Defensa. O centro universitario da escola naval de Marín investiu practicamente todo o previsto (67.000 euros) e a Confederación Hidrográfica Miño-Sil consumiu practicamente dous terzos do seu orzamento. Destaca, pola súa baixa execución, a achega estatal ao Consorcio de Santiago, 2,4 millóns para investimentos dos que só foron gastados apenas 60.000 euros.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.