Pedro Sánchez non espera as dúas semanas de Touriño

Pedro Sánchez, fronte á bancada do PP durante a súa comparecencia no Senado deste 6 de setembro © Pool Moncloa / Fernando Calvo

O 12 de marzo de 2009 Emilio Pérez Touriño era presidente da Xunta en funcións. Había once días que o PSdeG repetira nas urnas o seu segundo mellor resultado histórico, con 25 escanos. O seu socio de Goberno, o BNG, perdera un, o que lle faltaba ao PP para volver ter a maioría absoluta que precisaba e así investir a Alberto Núñez Feijóo. Touriño, daquela, perdera a Xunta e por iso dimitira como líder socialista ao día seguinte dos comicios.

Aquel 12 de marzo, Touriño presidiu por primeira vez o Consello do Executivo galego tras a derrota electoral. Na comparecencia posterior ante os medios expresouse cun ton moito máis relaxado que nos meses previos. E, por primeira vez, cargou con contundencia contra quen xa era o seu seguro sucesor na presidencia e a súa "escasa estatura moral". 

Trece anos despois de que Touriño respondese ás acusacións de Feijóo cando xa perdera as eleccións, Pedro Sánchez accedeu ao debate no Senado ao que o retara o agora líder do PP, de quen se pregunta se o seu é "insolvencia ou mala fe"

Tras unha durísima campaña electoral na que os argumentos políticos se mesturaran oficial e extraoficialmente coas insinuacións e acusacións persoais, Touriño reaccionou. Para lembrar, por exemplo, que "ese señor" -Feijóo- circulara como conselleiro "polo país, inclusive en campaña electoral, subido a un Audi A8", como o que lle reprochaba a el. "Tanta demagoxia, oportunismo e falsidade acumulada non colle no edificio administrativo de San Caetano", afirmara.  Non respondera antes, xustificara, porque ese tipo de acusacións non encadraban no seu estilo e concepción da política. Pasados os anos admitiría que estratexia fora errada e a reacción, evidentemente tardía.

Touriño revela datos dos coches oficiais do PP e lamenta a escasa "estatura moral" de Feijóo tras o Consello da Xunta do 12 de marzo de 2009, o primeiro tras perder as eleccións

Máis de trece anos despois, este 6 de setembro de 2022, Pedro Sánchez subiu á tribuna do Senado para, oficialmente, comparecer a petición propia sobre o plan de aforro enerxético do seu Executivo. O presidente do Goberno de España solicitou a comparecencia pouco despois de que Feijóo, como líder do PP, o retase a debater na Cámara Alta, da que -sobre o papel- é membro en representación do Parlamento de Galicia, xa que no Congreso non ten escano. E Sánchez accedeu.

Efectivamente, Sánchez dedicou boa parte da súa intervención inicial a explicar as medidas adoptadas polo gabinete "de coalición progresista" do PSOE e Unidas Podemos para afrontar a crise enerxética e conter a crise de prezos. Tamén incluíu nel un novo anuncio, a ampliación do límite aos prezos do gas á algunhas das industrias que máis dependen del

Pero xa nese primeiro discurso bosquexou como ían ser as súas restantes intervencións, nas que contaba co tempo ilimitado que corresponde á presidencia do Goberno nos debates parlamentarios -como sucede no Parlamento de Galicia-. Decidira saír ao ataque fronte a Feijóo, responder con dureza ao que considera a súa "oposición destrutiva" e debullar algúns dos esvaróns e lemas do seu primeiro trimestre como sucesor de Pablo Casado para preguntarse se o seu é "insolvencia ou mala fe". Ou ambas, veu concluír.

Pedro Sánchez conversa coa vicepresidenta Yolanda Díaz durante o pleno do Senado deste 6 de setembro CC-BY-NC-ND Eva Ercolanese / PSOE

O ex-presidente galego utilizou o seu tempo (15 minutos iniciais, outros 12 nos retruques) para presentarse como home de Estado, alternativa xestora a un Goberno esgotado e refén de extremistas que só atina cando lle "copia" as propostas a el. Ademais, como cando suxería a Touriño que rompese o Goberno co BNG, dixo estar disposto a apoiar puntualmente un Goberno do PSOE en minoría se expulsa a Unidas Podemos do Consello de Ministros mentres retrataba a uns e outros como amantes do luxo: onde antes había coches Audi agora hai un avión Falcon. O mesmo manual de asedio.

Feijóo bateu coa que foi unha das súas especialidades como presidente da Xunta: a fiscalización da oposición mediante un discurso no que o treito inicial de balance e propostas institucionais é pórtico dunha sucesión de zorregadas sen cuartel a un rival presentado como indocumentado para gobernar

Pero Sánchez non agardou as dúas semanas de Touriño. Mesmo deu en fiscalizar accións de Feijóo na Xunta, caso da eliminación da gratuidade dos libros de texto ou o incremento da débeda pública -de menos de 4.000 millóns a máis de 12.000, aínda que moi por baixo da media estatal-. O agora líder do PP bateu, ao cabo, coa que foi unha das súas especialidades parlamentarias durante máis dunha década en Galicia: a fiscalización da oposición mediante un discurso no que o treito inicial de propostas e balances en clave institucional sen mencionar o opoñente é o pórtico dunha sucesión de zorregadas políticas sen cuartel a un rival presentado como indocumentado para gobernar ao que, xa ao termo, se ofrecen pactos de país -neste caso, de Estado-. 

Sánchez, que foi fontaneiro para o PSdeG cando a esquerda deu desbancado o fraguismo en 2005, di estar convencido de que Feijóo, ao que presenta como "candidato das grandes empresas", non vai dar logrado o que cre que é o seu único obxectivo, "derrubar o Goberno de coalición" aproveitando a incerteza económica xeral agravada pola guerra na Ucraína. Se coida que "sen despeitearse pode mentir" e "insultar" para despois "queixarse de que o insultan", veu advertir, vai ter máis racións do mesmo. 

Mentres, acrecentou, o antigo líder do PPdeG debería "estudar" máis e buscar "bos asesores", dixo en intervencións que animaron a bancada socialista e dirixiron unha mensaxe ao electorado que o apoiou en 2019 e do que depende a súa reelección en 2023: aquí non se rendeu ninguén e a Feijóo non lle vai servir a estratexia marianista de sentar e esperar. O PP, pola súa banda, di manexar unha certeza ben diferente: Feijóo, aseguran crer, fortaleceuse como presidenciable mentres Sánchez xa se ve na oposición.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.