Unha pregunta a Sánchez, única iniciativa de Feijóo nos seus primeiros tres meses de senador por Galicia

Feijóo, tras tomar posesión como senador, flanqueado por Concepción 'Cuca' Gamarra e Javier Maroto, voceira e voceiro do PP no Congreso e na propia Cámara Alta, respectivamente © David Mudarra / PP

Galicia transita nestes días polo teórico ecuador da súa lexislatura ao facérense dous anos da cuarta -e derradeira- investidura de Alberto Núñez Feijóo como presidente da Xunta. Este aniversario, que chega pouco despois dos primeiros cen días de Alfonso Rueda na presidencia, cumpriuse cando Feijóo leva algo máis de tres meses como senador por designación do Parlamento de Galicia, posto no que se situou para poder ter escano nas Cortes e confrontar de cando en vez con Pedro Sánchez, tal e como sucederá este 6 de setembro na comparecencia solicitada polo presidente do Goberno de España para informar sobre as medidas de aforro enerxético e contra a inflación.

No seu primeiro trimestre como senador, Feijóo non formulou ningunha iniciativa relativa a Galicia malia ser -cando menos, sobre o papel- representante do lexislativo galego na Cámara Alta. A súa actividade parlamentaria redúcese ata o momento a unha única iniciativa, a pregunta oral "sobre se o presidente do Goberno considera que o seu Executivo está á altura das necesidades das familias españolas", que realizou a Sánchez a finais de maio na que foi a súa estrea no lexislativo estatal. Así consta na base de datos pública do Senado con data deste 5 de setembro.

Feijóo e Rueda, nun acto do PP en Cerdedo-Cotobade o pasado 26 de agosto de 2022 CC-BY-SA PPdeG

O outro senador por Galicia enviado polo PP o pasado maio no marco da remuda da dirección estatal do partido, Miguel Tellado -antigo secretario xeral do PPdeG e agora vicesecretario de organización do PP-, si rexistrou máis iniciativas. Ata o momento son 13, unha pregunta oral e 12 escritas. Todas elas teñen relación relación con Galicia, a maioría vencelladas a asuntos como a alta velocidade ferroviaria ou a derruba do viaduto do Castro na autovía A-6.

Tellado, que tamén foi designado senador por Galicia xunto a Feijóo tras ser incorporado á dirección estatal do PP, leva rexistradas 13 iniciativas, todas elas ligadas a Galicia

Alén das iniciativas en sentido estrito, as restantes actividades parlamentarias de Feijóo no Senado limitáronse aos trámites para tomar posesión. Entre eles figurou o rexistro da súa declaración de bens, documento que reflicte que é accionista de Inditex e investidor con Abanca, ademais dun importante incremento patrimonial nos últimos anos.

Os senadores por designación do Parlamento que dimitiron para deixar sitio a Feijóo e Tellado, a ex-conselleira Elena Muñoz (recolocada como número dous da Vicepresidencia Segunda da Xunta) e Juan Carlos Serrano (antigo alcalde de Portomarín, resituado o pasado agosto como director da casa de Galicia en Madrid) rexistraran numerosas iniciativas, a maioría preguntas escritas. Muñoz formulara máis de 400 destas preguntas dende o inicio da lexislatura e Serrano, que foi senador dende finais de 2021, rexistrara algo máis de medio cento.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.