Juan Carlos Serrano, que foi alcalde de Portomarín, encontra agora acomodo grazas ao Goberno galego, que tamén deu un cargo a Elena Muñoz, a outra desprazada por Feijóo e Tellado
A decisión de Feijóo, tras o seu ascenso ao liderado do PP estatal, de ocupar un escano no Senado como altofalante para facer oposición a Pedro Sánchez segue tendo repercusións derivadas varios meses despois. Este venres a Xunta informou de que o senador por designación do Parlamento de Galicia que lle cedera o seu escano, o ex-alcalde de Portomarín e empresario Juan Carlos Serrano, vén de ser recolocado como director da Casa de Galicia en Madrid.
Feijóo chegou ao Senado hai tres meses xunto co seu ata daquela número 2 do PPdeG, Miguel Tellado, agora tamén con responsabilidades na área de organización do PP estatal. Os dous ocuparon os dous escanos por designación do Parlamento de Galicia que pode elixir o PPdeG grazas á súa maioría absoluta na Cámara galega. Dous escanos que ata ese momento estaban ocupados por Juan Carlos Serrano e pola ex-conselleira Elena Muñoz.
A Xunta mantiña vacante o posto que agora ocupará o ex-senador desde que hai ano e medio morrera José Ramón Ónega
Serrano, cun peso importante no PP provincial de Lugo, atopa agora reacomodo nun cargo público da Xunta ao igual que xa o fixera en maio Muñoz, que foi nomeada secretaria xeral na Vicepresidencia Segunda á cuxa fronte está Diego Calvo. Un posto o que agora ocupa o ex-rexedor de Portomarín que o Goberno galego mantiña vacante desde hai ano e medio, cando morreu o seu anterior ocupante, José Ramón Ónega.
Pola súa banda, Feijóo desembarcou no Senado asegurando que sería un novo posto desde o que seguiría a defender a Galicia, como xa o viña facendo desde a presidencia da Xunta. Pero ao tempo el mesmo informou de que estaba “censándose en Madrid”, o que non lle impide ser senador por designación do Parlamento de Galicia pero si que lle supón perder a “condición política de galego” establecida no Estatuto de Autonomía.