A gratuidade do tren e os descontos nos buses multiplican as vantaxes do transporte público sobre o coche nas cidades galegas

Pasaxeiros nun autobús interurbano, nunha cidade galega © Xunta

Os desprazamentos en tren ou autobús entre as cidades galegas (outra cousa son as zonas fóra das áreas urbanas) hai tempo que resultan -na maior parte dos casos- máis económicas e rápidas que as viaxes en coche entre elas. Nos últimos tempos, así mesmo, o incremento dos prezos dos combustibles (agora contido) e o das das peaxes, incrementaron aínda máis o atractivo do transporte público.

As medidas adoptadas este verán polo Goberno central para combater a crise de prezos e promover o aforro enerxético, que inclúen importantes bonificacións para as viaxes en tren e autobús fixeron que a diferenza aberta entre o transporte privativo e o transporte público se abrise aínda máis

Pero, ademais, as medidas adoptadas este verán polo Goberno central para combater a crise de prezos e promover o aforro enerxético, que inclúen importantes bonificacións para as viaxes en tren e autobús fixeron que a diferenza aberta entre o transporte privativo e o transporte público se abrise aínda máis. 

Dende o 1 de setembro son gratuítos os abonos dos trens de media distancia, coma os que circulan polo Eixo Atlántico entre Ferrol, A Coruña, Compostela, Pontevedra e Vigo e tamén os Avant entre Santiago e Ourense. Cóbrase, iso si, unha fianza de 20 euros para os abonos, que se devolve no caso de realizar un mínimo de 16 viaxes. De igual xeito, o Estado central financia o 30% dos abonos de transporte interurbano por estrada, unha axuda que a Xunta complementa ata o 50%.

Son gratuítos os abonos de trens de media distancia e tamén do Avant entre Santiago e Ourense. O Estado central financia o 30% dos abonos de transporte por estrada, unha axuda que a Xunta complementa ata o 50%

Estas axudas, que reducen ao mínimo o custo dos desprazamentos habituais entre cidades, contrastan co elevado prezo que teñen estas viaxes se se realizan en coche privado (sobre todo se se realizan en solitario, sen compartir o vehículo con outros ocupantes), sumando os custos do combustible e das peaxes, onde as houber. 

Por exemplo, os incrementos dos últimos anos elevaron o custo de viaxar en coche entre A Coruña e Vigo ata os 35 euros, fronte aos 19 do tren e os 14 do autobús (hoxe reducidos a cero no caso das viaxes habituais en tren e a 7 no caso do bús).

Os incrementos dos últimos anos elevaron o custo de viaxar en coche entre A Coruña e Vigo ata os 35 euros, fronte aos 19 do tren e os 14 do autobús (hoxe reducidos a cero no caso das viaxes habituais en tren e a 7 no caso do bús)

As diferenzas danse tanto nas viaxes máis longas -por exemplo a que se realiza entre a cidade herculina e a olívica- como nas máis curtas, coma un Vigo-Pontevedra (algo menos de 8 euros en coche, 4 en tren e 2,5 en bus) ou un A Coruña-Santiago (case 16 euros en coche, algo menos de 8 en tren e algo menos de 7 en bus).

Ademais, a duración das viaxes en tren adoita ser menor que as que se realizan en coche, con tempos semellantes ás do autobús. Así, a viaxe en tren entre Vigo e A Coruña dura 80 minutos, fronte aos 90 do coche. As diferenzas son maiores, por exemplo, se comparamos os datos das viaxes entre Compostela e A Coruña (28 minutos fronte a 55).

Estación de tren de Ourense © Google

Os matices comezan, iso si, cando falamos dalgunhas cidades, como Ferrol ou Lugo, que contan con deficiente conexións por tren

Os matices comezan, iso si, cando falamos dalgunhas cidades, como Ferrol ou Lugo, que contan con deficiente conexións por tren. Dende a cidade naval non hai conexións directas con Ourense, Pontevedra ou Vigo (é necesario facer unha escala na Coruña) e tamén as viaxes a Lugo son complexas, de longa duración e escasas frecuencias diarias. O mesmo se pode dicir da cidade da Muralla, con conexións por tren moi limitadas coa maior parte de Galicia, incluídas as cidades máis próximas, como Santiago, Ferrol, A Coruña ou Ourense.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.