Hai un ano, o 17 de agosto de 2021 o litro de gasolina 95 roldaba en Galicia os 1,44 euros e o de gasóleo A estaba na contorna dos 1,29. Nesta altura, doce meses despois, o prezo medio de venda ao público é case un 26% superior, no caso da gasolina, e está un 41% por riba, no gasóleo. Estas importantes subas están amortecidas polo desconto xeral de 20 céntimos aplicado polo Estado dende o pasado 1 de abril, no marco do primeiro paquete de medidas contra a crise de prezos agudizada polas consecuencias internacionais da invasión rusa da Ucraína e das sancións comunitarias impostas en resposta pola UE contra o Goberno de Vladimir Putin.
Malia a baixada dos últimos meses, e aínda tendo en conta o desconto estatal, o gasóleo é un 25% máis caro que hai un ano e a gasolina, un 12%
Pero aínda tendo en conta o desconto, o gasóleo é agora arredor dun 25% máis caro que hai un ano e a gasolina, un 12%. Todo nun contexto no que, tras dous meses de leves pero constantes baixadas, a última quincena de agosto comezou cos combustibles nos seus prezos máis baixos desde mediados de abril, hai catro meses. Sono malia superar os 1,6 euros por litro tanto de gasolina como de gasóleo unha vez aplicado o desconto, isto é, malia estaren por riba dos 1,8 euros.
O prezo da gasolina, con desconto, sitúase xa a niveis previos á invasión da Ucraína; o gasóleo é aínda máis caro que daquela
No caso da gasolina, o prezo que pagan os consumidores (incluíndo o desconto) é o mesmo que xusto antes da invasión rusa da Ucraína. O día antes do inicio da guerra, o prezo medio da gasolina 95 en Galicia era de 1,62 euros, que é o que agora se paga nas estacións de servizo ao aplicarse os vinte céntimos de rebaixa.
No caso do gasóleo, o prezo medio en Galicia aquel 23 de febreiro era de 1,507 euros, aínda bastante por baixo dos 1,623 que se paga nesta altura ao se aplicar o desconto estatal de vinte céntimos.
Os datos máis recentes que recompila o Ministerio para a Transición Ecolóxica sinalan que o prezo medio do litro de gasolina e do gasóleo arrincou a segunda quincena de agosto en Galicia arredor dos 1,82 euros, isto é, 1,62 tendo en conta o desconto estatal. A gasolina chegou a estar a 2,18 euros o litro, de media, a mediados do pasado mes de xuño, cando o prezo medio do gasóleo superaba os 1,9 antes do desconto.
Logo da invasión rusas de Ucraína, o 24 de febreiro, e en poucos días, tanto gasolina como gasóleo superaran axiña barreira dos 1,8 euros o litro e foi nese contexto no que o Estado aprobou o desconto, que comezou en abril e foi despois renovado.
Por outra banda, e segundo os datos difundidos este xoves polo Boletín Petroleiro da Unión Europea (UE), que recolle o prezo medio rexistrado en máis de 11.400 estacións de servizo españolas entre o 9 e o 15 de agosto, o prezo de ambos os carburantes segue por baixo da barreira dos 2 euros o litro mesmo sen a bonificación pública.
Con estes valores, o custo da gasolina no Estado descende un 3,8 % no últimos sete días tras rexistrar a súa oitava caída consecutiva, mentres que o gasóleo é un 2,9 % máis barato ca hai unha semana, tras encadear o seu sétimo descenso.