Adeus ao compañeiro Soto

Manoel Soto foi alcalde de Vigo de 1979 a 1991 © Concello de Vigo

O primeiro alcalde de Vigo tras a ditadura falece tras unha polifacética carreira política que o levou do PSOE a crear un partido viguista e tentar recuperar o Partido Galeguista

Ourensán de nacemento (1944), como tantos vigueses, o primeiro alcalde democrático de Vigo tras a ditadura faleceu este mércores de cancro tras unha traxectoria tan inclasificable como a propia cidade. Rexedor polo PSdeG entre 1979 e 1991 -o alcalde máis lonxevo do último século ata que este mesmo ano o superou Abel Caballero-, volvería ser concelleiro con diversas formacións de pequeno tamaño entre 1999 e 2007.

Con apenas 35 anos, tras ser un dos fundadores do PSOE en Vigo na clandestinidade, Soto fíxose coa alcaldía malia ser a UCD a formación máis votada nas primeiras eleccións locais grazas a acordos con varias formacións de esquerda e nacionalistas que reeditaría en posteriores comicios. Foron os anos da movida viguesa e da reconversión, da heroína e das manifestacións nas rúas de Vigo, do crecemento do movemento veciñal e da consolidación do PSOE en toda España e na cidade. 

Soto, no centro da imaxe do brazo de Paz Andrade na manifestación pola autonomía do 4 de nadal de 1977 Dominio Público Dominio Público

Unha época na que a administración local medrou e modernizouse e na que Soto tivo que afrontar polémicas como a construción dun chalé á beira do mar. Unha época tamén na que o alcalde igual fretaba un tren para demostrar que a movida se inventara en Vigo e non en Madrid, que collía un taladro pneumático para, xunto cun ministro, iniciar o derrubamento do scalextric, como se lle coñecía ao viaduto entre edificios co que a AP-9 penetraba ata a Gran Vía da cidade.

En 1991 Esquerda Galega pediu a súa cabeza para apoiar ao seu segundo, Carlos Príncipe, e Soto dedicouse a negocios como unha marca de vaqueiros con Pelé

Tras as eleccións municipais de 1991 a sorte política virou para Manoel Soto e Esquerda Galega pediu a súa cabeza para apoiar a cambio a un novo rexedor socialista, o seu ata daquela número 2 Carlos González Príncipe, que catro anos despois perdería a alcaldía a mans da única maioría absoluta da historia do PP na cidade. Soto dedicouse daquela durante uns anos a negocios privados como impulsar, xunto con outro empresario vigués, unha marca de pantalóns vaqueiros con Pelé. Si, o futbolista brasileiro.

Soto volveu ser concelleiro entre 1999 e 2007 facendo do viguismo, xunto con Leri, a súa razón de ser nunha época na que ese sentimento de identidade aínda non tiña tanta rendibilidade electoral

Pero a súa vida era a política e, tras deixar o PSdeG -o seu actual líder, Gonzalo Caballero, amosou a súa “tristura” polo falecemento de “parte da historia deste partido”- á política volveu en 1999 cunha formación independente, Progresistas Vigueses (Provi) coa que obtería acta de concelleiro tamén en 2003. Nela daría acubillo tamén a Antonio Nieto Figueroa, Leri, e farían do viguismo o seu sentido de ser nunha época na que ese sentimento de identidade aínda non tiña tanta rendibilidade electoral na cidade como agora.

Nas municipais de 2007, tras intentar recuperar a marca do Partido Galeguista integrando outras pequenas formacións, Soto xa non foi quen de obter escano e deixou definitivamente a primeira liña política. Refuxiouse na súa familia, pero aínda se deixaba ver polo Concello en ocasións puntuais, como nas tradicionais recepcións oficiais aos nenos e nenas saharauis que desde hai anos pasan os veráns na cidade e con cuxa acollida Soto estaba especialmente implicado. 

Cartel de Manoel Soto como candidato do Partido Galeguista á alcaldía de Vigo © Partido Galeguista

Soto será homenaxeado no salón de plenos do Concello

Nese mesmo salón de plenos municipal no que tantas horas pasou será homenaxeado Soto, cun libro de sinaturas para que a cidadanía que o desexe honre “a súa memoria e o seu traballo”, en palabras do actual rexedor, Abel Caballero. Será a última acta do compañeiro Soto. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.