"Vivín o soño americano; tería pagado por xogar naquel Cosmos"

Santiago Formoso, durante a súa última visita a Galicia © Alén do Cosmos

Pelé, Beckenbauer, Carlos Alberto ou Johan Cruyff. Eses foron algúns dos compañeiros de equipo de Santiago Formoso, descoñecida figura galega do fútbol, triunfador nos Estados Unidos e protagonista doutra emotiva experiencia da emigración. O seu incrible periplo vital é o que recolle Alén do Cosmos, documental dirixido polo xornalista Pedro Pablo Alonso e realizado pola empresa Quadra Producións. Financiado en parte grazas a unha campaña de crowdfunding, o protagonista deste filme visitou Galicia para asistir á súa presentación, do pasado xoves en Vigo. 

Que sente ao ser protagonista dun documental?

Boa pregunta. Aínda non o creo. A xente que impulsou este proxecto fixo un fabuloso traballo e estou moi orgulloso de que eles o fagan e o fagan así de ben. A sensación é estraña porque nunca pensara que isto me podería pasar a min. 

A súa historia nunca foi moi coñecida, nin en Galicia nin en España. 

Pois non. Algunha vez si que sacaran algunha pequena información nalgún diario, algo anecdótico pero pouca cousa. Eran outros tempos porque non é como agora onde hai acceso a todo tipo de información: centos de canles de televisión, internet... Daquela a preocupación por aquí eran o Barcelona, o Madrid e algo a selección española, pero os que estabamos fóra pasabamos totalmente desapercibidos. 

"Aos cinco minutos de chegar aos EUA vin uns rapaces xogar ao fútbol nun parque e uninme a eles; eran galegos" 

Como chegou ao fútbol dos Estados Unidos?

Foi unha casualidade. Eu fun un emigrante máis que chegou alá con 15 anos para estudar e traballar pero non con intención de xogar ao fútbol, nin moito menos. Nada máis chegar, aos cinco minutos, achegueime a un parque e vin uns rapaces xogando ao fútbol. E pensei: "que cousa máis rara que aquí tamén saiban xogar ao fútbol". Fixen alí algunha filigrana e resulta que os mozos aqueles eran galegos e tiñan un equipo na escola. Dixéronme que me apuntase e pouco a pouco funme adaptando e enterando de por onde ían os tiros nos EUA. 

"Contáronme que se destacabas no deporte facilitábanche bolsas de estudo; ao primeiro ano decateime de que alí non a cheiraban"

E por onde ían?

Contáronme que se destacabas no deporte facilitábanche bolsas de estudo, pero descoñecía o nivel futbolístico. Ao primeiro ano xa me decatei de que non a cheiraban (risas). Destaquei algo e varias universidades contactaron comigo para ofrecerme estudar nos seus centros. Aproveitei aquela situación para poder ir a unha boa universidade, Pennsylvania, onde xoguei ao fútbol e acabáronme chamando á selección olímpica dos EUA. Pouco despois, e logo do falecemento de meu pai, decidín xogar ao fútbol profesionalmente. 

Como chega á liga profesional?

Os equipos escollían os xogadores das universidades pero eu aínda non estaba graduado e pedinlle un favor ao seleccionador olímpico para que me dese unha oportunidade. Dixo que non me garantizaba nada pero tras unha pretemporada coa selección fíxenme cun sitio no equipo e foi aí onde empezou todo. Empecei a competir na liga profesional. 

"O Cosmos convidoume a facer unha xira con eles... E era para despedir a Pelé! Convencinos e asinei o contrato en Toquio"

E logo chega ao Comos...

Era o meu terceiro ano na Liga e o dono do equipo onde estaba, o Connecticut Bicentennials, decidiu algo que é bastante habitual nos Estados Unidos: cambiar a localización do club e mudalo dunha costa á outra. Era algo así como se o Celta marchase xogar a Alacant. Marchou da costa leste a California e eu negueime porque non quería separarme da miña familia. Logo contactei cun técnico que coñecía do Cosmos e expliqueille a miña situación e o meu desexo por xogar perto da casa. Foi un comentario, sen máis, pero chamáronme ao día seguinte para que lles botase unha man na xira que ían facer por todo o mundo... Para despedir a Pelé! Fun como convidado, pero ás poucas semanas decatáronse de que non lle daba tan mal ao balón e ficháronme. Foi en Toquio, en Xapón, alí asinei o contrato. 

"Non tiña representante e asinei daquela maneira, pero tanto ten, tería pagado por xogar naquel Cosmos"

Así, sen máis?

Sen axente, sen ningún tipo de representante, así, daquela maneira... Pero pouco importa. Eu tería pagado por xogar naquel equipo. 

Como eran Pelé e aquelas grandes estrelas coas que xogou?

Pelé é un cabeleiro, un señor, unha persoa amable e xenerosa e un bo compañeiro. É unha bo ser humano e ségueo sendo. Tamén Beckenbauer era un gran tipo, xente normal e afable.  

Facían xiras, visitaban ducias de países, xogaban xunto a mitos do fútbol... Eran como unhas estrelas de rock. 

Era unha tolemia, eramos tal cal como unha banda de rock&roll xirando por todo o planeta. Pasabamos máis tempo fóra que na casa e a experiencia foi marabillosa, pero tamén como educación, porque todo aquilo achegoume moitas cousas. Moviámonos a un nivel máis alto do normal, con xente do cinema, da política... Foi algo incrible. 

"Vivín o soño americano; saín dunha cidade como Vigo e triunfei nunha grande urbe como Nova York"

Quen lle ía dicir que viviría todo iso cando marchou de Vigo...

Eu vivín, como se adoita dicir, o soño americano. Saín dunha cidade galega, de poucos habitantes comparada coas que hai polos EUA, e cheguei a unha grande urbe como Nova York e logrei triunfar. Imaxina... Aínda por riba logrei estar nun lugar da elite, con xente importante tanto da cidade como dos Estados Unidos. Foi moi bonito. 

Santiago Formoso, co director do documental, Pedro Pablo Alonso Dominio Público @alendocosmos
Pelé xunto ao galego Santiago Formoso Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.