O incremento de prezos do último ano, primeiro na electricidade, gas e combustibles e despois nos alimentos e outros produtos básicos, está a ter efectos importantes na economía dunha parte importante da poboación. A Enquisa Conxutural a Fogares, que cada trimestre publica o Instituto Galego de Estatística, pregunta pola percepción que a cidadanía ten da súa situación económica e da facilidade ou dificultade coa que chega a fin de mes e, igualmente, polas medidas que toma para reducir gastos ou incrementar os seus ingresos.
Un 41% dos galegos e galegas recoñecen que mudaron os seus hábitos de compra en alimentación, unha porcentaxe en constante ascenso dende finais do ano 2021 e que hai tan só doce meses estaba no 11%, catro veces menos
Na última entrega deste estudo destaca nomeadamente o forte aumento da porcentaxe de familias que aseguran que nos últimos meses decidir mudar os seus hábitos de compra en bens básicos, coma a alimentación, apostando por produtos e oferta ou por marcas brancas e, así mesmo, a maior proporción de persoas que sinalan que reduciron outros gastos básicos en roupa, luz ou calefacción.
Un 41% dos galegos e galegas recoñecen que mudaron os seus hábitos de compra en alimentación, unha porcentaxe en constante ascenso dende finais do ano 2021 e que hai tan só doce meses estaba no 11%, catro veces menos. Trátase do seu valor máis elevado dende o ano 2012, en plena crise da Gran Recesión.
De igual xeito, o 46,5% di que reduciu outros gastos comúns, distintos da alimentación, unha porcentaxe que na segunda metade do ano 2021 se movía entre o 8% e o 16% e que -de novo- non acadaba valores tan altos dende ese ano 2012.
O 46,5% di que reduciu outros gastos comúns, distintos da alimentación, unha porcentaxe que na segunda metade do ano 2021 se movía entre o 8% e o 16%
A percepción xeral sobre as dificultades persoais para chegar a fin de mes non amosa cambios tan importantes, pero tamén este indicador amosa os efectos da crise de prezos. No último trimestre a porcentaxe de fogares que di chegar con "facilidade" ou con "moita facilidade" diminuíu do 51,7% ao 45,5%. En todo caso, o valor segue a ser superior ao que se rexistrou nos meses seguintes ao inicio da pandemia de COVID ou aos que se daban entre 2012 e 2015.
Aumenta a proporción de fogares que chegan a fin de mes "con dificultade", do 43% ao 48% e tamen os que chegan "con moita dificultade", do 5% ao 6%
De igual xeito, aumenta a proporción de fogares que di chegar a fin de mes "con dificultade", do 43% ao 48,3% e tamen os que chegan "con moita dificultade", do 5,3% ao 6,3%. A suma destas dúas porcentaxes (54,5%) ascende seis puntos, pero aínda está por debaixo do 57% dos últimos meses do 2020 ou do 60% que chegou a acadar nos anos da Gran Recesión.
Naqueles fogares nos que os ingresos mensuais non chegan a mil euros, case nove de cada dez (88,5%) declaran dificultades económicas
Por suposto, a situación é moi distinta entre unhas e outras familias. Así, naqueles fogares nos que os ingresos mensuais non chegan a mil euros, case nove de cada dez (88,5%) declaran dificultades económicas, que tamén son maioritarias (74,5%) nos fogares con ingresos entre 1.000 e 1.500 euros mensuais. Nos fogares con ingresos por riba de dous mil euros mensuais, a porcentaxe que recoñece dificultades económicas é moi inferior, un 27%.