O 29 de maio de 2009, un mes e doce días despois da primeira investidura de Alberto Núñez Feijóo como presidente da Xunta, Alfonso Sánchez Izquierdo tomaba posesión como director xeral da daquela denominada Compañía de Radio Televisión de Galicia. Nomeárao directamente o novo xefe do Goberno galego, sen paso polo Parlamento nin por ningún outro órgano, tal e como permitía facelo a lei vixente daquela, a norma que servira de base para crear a CRTVG en 1984.
Aquela designación dixital supuña contradicir o que Feijóo esixira dende a oposición ao Goberno de PSdeG e BNG, que a dirección xeral dos medios públicos fose elixida por maioría reforzada do Parlamento. O titular da Xunta asegurara que pactara o nome do xornalista ourensán con quen daquela era o líder do primeiro grupo da oposición, Pachi Vázquez -na altura, secretario xeral do PSdeG-, que sempre negara tal pacto.
Case década e media despois daqueles feitos, Sánchez Izquierdo segue no cargo. Polo camiño foi aprobada unha nova lei dos medios públicos, en 2011, que incluíu entre os seus artigos esa elección da dirección xeral da agora Corporación Radio e Televisión de Galicia por maioría reforzada do Parlamento (dous terzos -50- ou tres quintos -45- dos escanos). Seis meses despois da súa entrada en vigor, a norma xa se incumpría nese e noutros aspectos.
O director xeral da CRTVG censura que BNG e PSdeG "cuestionen a lexitimidade" da súa permanencia no cargo, porque "é incuestionable". A lei reformada en solitario polo PP en 2015 está da súa parte
No momento en que algúns dos demais preceptos da norma comezaron a cumprirse, Sánchez Izquierdo seguía alí. Tamén cando, en 2015, un acordo PP-PSdeG propiciou a primeira elección dos demais membros do consello de administración da CRTVG coa maioría reforzada que elixe a nova lei. A dirección xeral quedara fóra daquel pacto e, apenas dous meses despois, o PP insería na tramitación dos Orzamentos Xerais de 2016 unha reforma da lei de 2011 que lle permitir seguirno posto por tempo indefinido: se no momento en que a antiga Compañía comezase a funcionar como Corporación (o 1 de xaneiro de 2016) Sánchez Izquierdo non fora remudado, podía seguir no cargo "transitoriamente". Sen límite de tempo.
A cuestión regresa de cando en vez ao debate político e así o fixo outra volta nos últimos días. Concretamente, despois de que o ex-presidente Feijóo, agora como líder estatal do PP, esixise a fin da "colocación de afíns" e a "independencia de RTVE". No marco da comisión do Parlamento que ten encomendado o control da CRTVG, a nacionalista Olalla Rodil e a socialista Noelia Otero puxeron o foco na contradición entre esa esixencia de Feijóo e o feito de que na Televisión de Galicia e na Radio Galega continúe sen cumprirse integramente a lei nun dos seus aspectos centrais e, ao mesmo tempo, continúen as mobilizacións de persoal contra o control político dos contidos.
Na súa resposta, Sánchez Izquierdo deu en aferrarse á cuestión formal. "Non é esixible a este director a responsabilidade", argumentou, porque a elección do posto depende do Parlamento. "Por que non chegan a un consenso para a remuda deste director xeral", inquiriu tras censurar a nacionalistas e socialistas que "cuestionen a lexitimidade" da súa permanencia no cargo, porque "é incuestionable", dixo en referencia implícita á reforma coa que o PP propiciou que seguise exercendo por tempo indefinido. Máis aínda, agregou, porque "nos últimos trece anos puxéronse de acordo ata en tres ocasións" para elixir postos do consello de admnistración.
Mesmo ante un eventual cambio de Goberno en 2024, coas actuais regras o máis probable é que Sánchez Izquierdo puidese continuar, se así o quixese, nun posto que a reforma do PP virou en algo semellante a un cargo vitalicio
Co texto legal reformado polos populares da súa parte, o mandato do actual director xeral non ten fin. Mesmo ante un eventual cambio de Goberno tras as eleccións galegas previstas para 2024, coas actuais regras o máis probable é que puidese continuar no cargo se así o quixese. Non en van, en catro décadas de autonomía ningunha maioría de goberno acadou de seu 45 escanos -nin sequera o PP de Fraga-, polo que o PP seguiría sendo imprescindible para a elección agás no caso dunha nova reforma da lei de medios.
Deste xeito, cando menos de momento, Sánchez Izquierdo goza dun posto moi semellante a un cargo vitalicio. Mentres, os venres negros de Defende a Galega chegaron esta semana á súa edición número 246. Ao tempo, a situación dos medios públicos galegos ecoa por primeira vez na escena política estatal a través de Pedro Sánchez, que tamén esta semana esgrimiu as protestas de persoal da CRTVG para contrapoñelas ás queixas de Feijóo sobre RTVE.