A reedición do 'Contrato con Galicia' co que o ex-presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, vén de lanzar diversas reclamacións en materia de "calidade democrática" como líder do PP inclúe un apartado dedicado aos medios de comunicación públicos do Estado, aos que promete levar a "independencia". Faino tras unha década de incumprimento de artigos clave da lei dos medios públicos de comunicación en Galicia, aprobada baixo o seu mandato, e mentres os sindicatos da Corporación Radio Televisión de Galicia, o colectivo Defende a Galega e outras organizacións coma o Colexio Profesional de Xornalistas continúan reclamando a aplicación íntegra da norma e a fin das inxerencias do Goberno na Televisión de Galicia e na Radio Galega.
Concretamente, o texto presentado por Feijóo denuncia o que considera unha "obscena colocación de afíns" por parte do Goberno do PSOE e Unidas Podemos en diversas empresas públicas e institucións estatais, entre as que cita especificamente Radio Televisión Española (RTVE). Esa "colocación de afíns", di, "patentiza unha deriva iliberal que convén impedir con novas garantías normativas que preserven o mérito e a capacidade".
No apartado dedicado específicamente aos medios públicos de comunicación titularidade do Estado, o equipo de Feijóo promete "asegurar a independencia e a liberdade de expresión" neles, "así como respectar o traballo dos seus profesionais". Para facelo "promoveremos as decisións para recuperar a aplicación destes principios tanto a RTVE como á Axencia EFE", indica sen maior concreción.
O ex-presidente esixe como líder do PP "asegurar a independencia e a liberdade de expresión" nos medios públicos estatais e poñer fin á "colocación de afíns" neles mentres, na CRTVG, o director xeral conta con mandato indefinido grazas a unha reforma promovida polos populares e os 'venres negros' de Defende a Galega acumulan xa 245 semanas
Mentres o PP lanza estas reclamacións para o conxunto do Estado, en Galicia é o Goberno dos populares o que recibe peticións semellantes, por exemplo, cada un dos venres negros do colectivo Defende a Galega, que esta semana chegan á súa edición número 245. Entre as principais reivindicacións do persoal mobilizado figura a remuda na dirección xeral conforme ao previsto na lei, isto é, por maioría reforzada maioría reforzada do Parlamento -dous terzos (50) ou tres quintos (45 dos escanos)-, o que necesariamente implica os votos de cando menos un dos dous grupos da oposición, PSdeG ou BNG.
A dirección xeral está ocupada dende 2009 por Alfonso Sánchez Izquierdo, designado directamente polo Goberno de Feijóo ao abeiro da anterior lei da CRTVG, a aprobada en 1984. A actual norma, aprobada en 2011, xa se incumpría nalgúns dos seus aspectos clave cando levaba apenas seis meses en vigor. En 2015, a Xunta e o PP aproveitaron a tramitación dos Orzamentos Xerais do ano seguinte para introducir nela unha reforma que prolongou indefinidamente o seu mandato.
A Xunta e o PP galego, tanto con Feijóo como con Alfonso Rueda, veñen esquivando sistematicamente esta cuestión. Tamén cando, a principios do verán do ano pasado, foron remudados dous dos representantes dos populares no consello de administración da CRTVG pola dimisión de ambos -un deles, para incorporarse ao gabinete de Feijóo na presidencia do PP-. Os elixidos para o posto foron activos membros do PP que antes traballaran en medios e ostentaran xefaturas de comunicación e gabinete cos populares na Deputación de Lugo e na presidencia da Xunta. Os nomeamentos foron rexeitados polo BNG, pero saíron adiante ao aceptalos ao PSdeG dentro dunha votación na que tamén se renovaba o Consello de Contas.
O pasado 2022 adquiriu firmeza unha condena á CRTVG na que o tribunal daba por probado que sancionou un traballador en represalia por mobilizarse nos 'venres negros'
A cuestión do cumprimento íntegro da lei da CRTVG e da elección de dirixentes alleos aos partidos para dirixila planeaba sobre as protestas dos sindicatos e de Defende a Galega cando, tamén o pasado 2022, o o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia ratificaba que a corporación pública sancionou un traballador en represalia por mobilizarse nos venres negros, sentenza que adquiriu firmeza en xuño dese pasado ano. A actuación da dirección de Sánchez Izquierdo neste caso foi avalada pola Xunta e a canle pública cinguiuna a unha "cuestión laboral".
Estas e outras cuestións son trasladadas reiteradamente por BNG e PSdeG ao Parlamento, onde o Goberno galego retrucou á condena cargando contra EH-Bildu e mais contra o Goberno galego de PSdeG e BNG (2005-2009). Sánchez Izquierdo, pola súa banda, respondeu o pasado outono ás críticas de nacionalistas e socialistas á liña informativa da Televisión de Galicia acusándoos de "atacar e censurar a liberdade de expresión".