A dirección da CRTVG obvia as críticas da oposición e responde acusando a BNG e PSdeG de querer "censurar a liberdade artística e de expresión" do persoal dos medios públicos, de levar a cabo unha "estratexia de confrontación política" para os seus intereses.
Nunha nova comisión de control parlamentaria da Corporación, o director xeral dos medios públicos, Alfonso Sánchez Izquierdo, virou as duras críticas recibidas polas deputadas do Bloque e do PSdeG en reproches cara a elas e as súas formacións.
Así, e ante a reclamación socialista dunha remuda na dirección por "darlle voz a unha plataforma dixital de extrema dereita" -nunha polémica peza informativa que provocou que o persoal da CRTVG pedise a dimisión da dirección de informativos-, Sánchez Izquierdo acusou a deputada Noa Díaz de ter "un terreo definido por estratexia política".
Sánchez Izquierdo acusa a oposición de "atacar e censurar a liberdade de expresión" e de levar a cabo unha "estratexia de confrontación política"
Recoñeceu que é "debatible" a forma na que o Telexornal introduciu a pregunta dunha web de extrema dereita -priorizándoa nunha información sobre exhumación de fosas do franquismo- pero denunciou "o intento de imputar unha intencionalidade xeral que non existe".
"Piden despedimentos pola forma de contar unha nova... Se algún día vostedes [BNG e PSdeG] dirixen a CRTVG, non me estrañaría que os houbese", retrucou Sánchez Izquierdo, que se preguntou se o amosado era "o nivel de tolerancia, non inxerencia e respecto" que a oposición "mostraba cos profesionais dos medios públicos". "A TVG foi o esperpento do Estado, a burla doutros profesionais", lembroulle Díaz.
A dirección da CRTVG renega das críticas por promocións de series que "alimentan o machismo": "Queren censurar a liberdade artística dos creadores"
Pero Sánchez Izquierdo non recuou. Nin moito menos. A deputada do BNG, María Albert, censurou que a TVG promocionase unha serie con frases que "contribúen e alimentan o machismo" e son unha "irresponsabilidade". Referíase a proclamas como "o amor de verdade fai sufrir", e outras, que xa foron denunciadas por colectivos como Xornalistas Galegas e polo comité intercentros da CRTVG. O director xeral insistiu en acusar a parlamentaria de levar a cabo "unha confrontación política estratéxica" e a oposición de "atacar e pretender censurar a liberdade artística dos creadores e a liberdade de expresión" nos medios públicos.
"En que se basean para erixirse en xuíces do que se pode emitir ou non? A xente é adulta para diferenciar ficción de realidade non llo teñen que explicar de maneira maternalista", contestou Sánchez Izquierdo, que lembrou que "Rosalía de Castro tamén falaba de sufrir por amor". "Espero que non pidan borrar os seus poemas", dixo.
A CRTVG cualifica de "exemplar" a actuación dos seus servizos xurídicos logo de moreas de litixios laborais e sentenzas en contra
Na réplica, Albert amosouse "escandalizada" polas palabras de Sánchez Izquierdo, ao que lembrou que a CRTVG "ten a responsabilidade de educar e formar a sociedade". "Rosalía de Castro viviu no século XIX e estamos no XXI e a TVG ten que estar no punto que está a sociedade; pensei que isto estaba ultrapasado, que ía recoñecer que se equivocaron, pero non", engadiu. "Que non vexa un problema na emisión de mensaxes como 'o amor de verdade fai sufrir’ confirma a súa incapacidade para dirixir os medios públicos”, reiterou.
Ademais, Olalla Rodil (BNG) pediu a Sánchez Izquierdo que asumise "responsabilidades" pola alta conflitividade laboral, litixios e a morea de sentenzas xudiciais en contra da CRTVG, incluída a que "condena a Corporación por vulnerar os dereitos fundamentais dun traballador". Acusou a dirección dun "proceder autoritario" que negou Sánchez Izquierdo.
"Construír un relato de autoritarismo dentro da CRTVG por parte desta dirección xeral non se corresponde cos datos reais", respondeu, cualificando de "exemplar" a actuación dos servizos xurídicos da Corporación. "A casa non vai mal, ten audiencia, boa situación orzamentaria, tecnoloxía recente e os informativos son moi seguidos", concluíu Sánchez Izquierdo.