Aproveitando a dimisión do presidente da Corporación de RTVE, José Manuel Pérez Tornero, o líder do PP estatal e ex-presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, acusou o Goberno central de exercer un "control férreo" sobre os medios públicos. "Ou fas o que che mandan ou césante", dixo.
Feijóo cre que o que el considera "obrigatoria dimisión" de Pérez Tornero non fai máis que demostrar a estratexia de "toma das institucións" por parte do Executivo de Pedro Sánchez, ao que acusou de pedir a marcha do máximo dirixente de RTVE "simplemente porque non lles gusta como dirixe a cadea". "Isto confirma a utilización das institucións do Estado por parte do Goberno", insistiu o que foi presidente da Xunta durante trece anos.
Feijóo sinala o "control férreo" de Sánchez en TVE pouco despois de que a CRTVG fose condenada por represaliar un traballador crítico durante a súa etapa na Xunta
O líder dos populares virou o seu discurso ata achegalo moito ás advertencias que do "control" duns "medios ao servizo" do partido gobernante leva tempo facendo persoal da CRTVG. Durante a súa etapa como presidente na Xunta.
As protestas de Defende A Galega, colectivo de traballadores dos medios públicos galegos que cumpriu xa 227 venres negros -máis de catro anos- denunciando a "manipulación" na TVG e na Radio Galega, ademais de represalias a xornalistas críticos, unha política laboral que acumula moreas de sentenzas en contra da Corporación ou a "deriva ideolóxica" dunha dirección de informativos, da que o persoal pediu a dimisión logo dunha peza do Telexornal sinalada por "facer seguidismo da ultradereita".
Lembráronllo este martes. “O haces lo que te mandan o simplemente te cesan', o lema de Feijóo durante 13 anos para a CRTVG, onde o seu partido segue bloqueando a renovación do director xeral, que a lei obriga a consensuar no Parlamento", denuncian.
Feijóo denuncia a "utilización" de TVE tras máis de catro anos de 'venres negros', dimisións polo control informativo ou reprimendas da Xunta Electoral na CRTVG
A crítica de Feijóo ao suposto "control férreo" que o Goberno de Sánchez exerce sobre RTVE chega poucos meses despois de que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) ratificase a sentenza que condenou a CRTVG por sancionar un traballador -sendo Feijóo presidente da Xunta- en represalia por mobilizarse, precisamente, contra a manipulación e nos venres negros e por vulnerar os seus dereitos fundamentais.
"Se isto ocorrese en TVE ou na TV3, abriría informativos e faladoiros políticos, pero aquí quedará oculto baixo falsidades e escusas", dicía Carlos Jiménez, o xornalista afectado, en referencia non só á sentenza que acabou dándolle a razón senón a varios fitos da CRTVG durante a etapa de Feijóo á fronte da Xunta. Como a concorrida manifestación en Compostela de hai anos, a dimisión de dous destacados presentadores do Telexornal en protesta polo control informativo, o amplo seguimento de varias folgas, o recoñecemento da mobilización cun Premio José Couso á Liberdade de Prensa que foi deliberadamente silenciado nos medios públicos, reprimendas da Xunta Electoral por falta de "neutralidade" ou represalias en forma de apertura de expedientes a xornalistas críticos, como denuncia Defende A Galega, no caso de Tati Moyano ou do propio Carlos Jiménez.
"Feijóo deixa Galicia cuns medios públicos ao servizo do PP", denunciou Defende A Galega. "Hai impunidade total", di a oposición sobre a situación da CRTVG
"Feijóo deixa Galicia cuns medios públicos ao servizo do PP; a CRTVG non deu paso ningún cara a uns medios plurais, imparciais e neutrais", dixo Defende A Galega cando o agora líder do PP estatal abandonou a Xunta, lembrándolle que nunca atendeu as súas reclamacións. A súa resposta e a da dirección da CRTVG, malia a gravidade das denuncias, foi sempre a mesma: desleixo, desprezo ou ignorar as reivindicacións. Así, o propio Feijóo, cando a mobilización dos venres negros se achegaba ás cen semanas, asegurara que non sabía se seguía en pé. Ao iniciarse, dixera que a manipulación acabara coa súa chegada ao poder.
"Hai unha impunidade total", coinciden sempre en sinalar desde a oposición. Tanto BNG como PSdeG levan anos advertindo da falta de medidas e do "silencio" da Xunta -e de moitos máis- ante a "manipulación perversa" ou mesmo ante casos tan graves como a sentenza do TSXG que confirma represalias políticas dentro dos medios públicos.
Un director xeral con mandato indefinido desde 2009
Malia todo, Feijóo decidiu denunciar ese suposto "control férreo" por parte do Executivo central en RTVE e acusalo de forzar a dimisión de Pérez Tornero, o que suporá a sexta remuda na Corporación mentres, en Galicia, o director da CRTVG segue con mandato indefinido desde 2009.
Alfonso Sánchez Izquierdo foi designado directamente por Feijóo para dirixir a CRTVG, na liña do permitido pola lei de 1984, hai máis de trece anos. A lei de medios de 2011, pola contra, estipula que o director xeral, coma os membros do consello de administración, debe ser elixido por maioría reforzada do Parlamento é dicir, dous terzos (50 escanos) ou, se non fosen acadados, tres quintos (45) dos deputados e deputadas, o que obriga necesariamente a que o PP (actualmente, 42 escanos) pacte o nome con, cando menos, un dos grupos da oposición.
A mesma lei fixaba tamén que, nun máximo de seis meses dende a súa entrada en vigor -é dicir, a máis tardar en xuño de 2012-, a CRTVG debería ter unha dirección xeral escollida por esta vía. Pero isto non sucedeu e, en 2015, a Xunta e o PP aproveitaron a tramitación dos Orzamentos de 2016 para introducir unha emenda que permitiu manter a Sánchez Izquierdo indefinidamente no posto: seguiría exercendo ata que a CRTVG fose formalmente extinguida e nacese oficialmente a nova corporación (o cal sucedeu o 1 de xaneiro de 2016), pero tamén podería continuar "transitoriamente" se nese momento o Parlamento non elixira outra persoa para substituílo. Aí segue. No mesmo posto, no que acumula xa máis tempo do que Feijóo botou como presidente da Xunta.