"A Xunta Electoral Central (XEC) ratifica a reprimenda a unha CRTVG que presume de neutralidade informativa". Defende A Galega, colectivo de persoal que impulsa a protesta contra a "manipulación" nos medios públicos, fíxose eco noutro venres negro da última resolución contra a Corporación e aproveitou para reclamar "compromiso co público" de cara ás eleccións autonómicas e para "esixir un Consello de Informativos que vele pola independencia da radio e a televisión de todas e todos".
"A Xunta Electoral Central ratifica a reprimenda a unha CRTVG que presume de neutralidade informativa", lembra Defende A Galega
No 111º venres negro, o persoal mobilizado lembra a desestimación por parte da XEC do recurso interposto pola CRTVG contra o acordo a Xunta Electoral galega no que a advertira do seu deber de "respectar a neutralidade informativa" logo dunha denuncia presentada polo BNG.
O Bloque alertara de que a TVG excluír en tres telexornais as declaracións da súa candidata á presidencia da Xunta, Ana Pontón, para optar por unha narración en off a diferenza do acontecido con outros representantes políticos.
Na resolución, á que tivo acceso Praza.gal, a XEC decide "destimar o recurso e confirmar o acordo da Xunta Electoral de Galicia" e advirte de que a CRTVG non achegou "unha xustificación obxectiva e razoable para esa diferenza" no trato en canto ás declaracións, limitándose a sinalar que "os principais de neutralidade e proporcionalidade deben aplicarse de forma atenuada, matizada ou ponderada no período electoral previo" á campaña electoral e que "a racionalidade que é inherente á interdición da arbitrariedade leva a establecer diferentes criterios para o tratamento informativo en función da distinta natureza do acto público".
"Segundo se desprende da resolución impugnada, o tratamento dado á candidata do BNG foi distinto do proporcionado a outras dúas formacións políticas, ao non incluír declaracións da súa candidata, e si facelo nos demais casos. E fíxoo non só un día senón tres, aínda cando o Acordo da Xunta Electoral de Comunidade Autónoma refírese só a un deles", di a XEC na resolución.
"O tratamento dado á candidata do BNG foi distinto do proporcionado a outras dúas formacións políticas; fíxose non só un día senón tres", di a Xunta Electoral
Así, aclara que nos informativos do 16, 17 e 19 de xuño, "na cobertura doa actos preelectorais dos partidos políticos recóllense palabras dos candidatos de Galicia en Común, PSdeG e Marea Galeguista, mentres que respecto do BNG unicamente se inclúe información sobre o acto per sen intervención da súa lider".
En concreto, estes informativos emitíronse o 16, 17 e 19 de xuño e neles recóllense as palabras dos candidatos de Galicia en Común, PSdG e Marea Galeguista, mentres que respecto do BNG "unicamente inclúese información sobre o acto pero sen intervención do seu líder".
"O respecto ao principio de igualdade entre as candidaturas debe ser idéntico" na precampaña e na campaña, advirte a Xunta Electoral á TVG
A Xunta Electoral recoñece "certa flexibilidade" na aplicación do criterio de proporcionalidade nese período de precampaña, pero aclara que "o respecto ao principio de igualdade entre as candidaturas debe ser idéntico" tanto nas datas previas "como durante a campaña electoral".
"Ao non facelo así a CRTVG, a Xunta Electoral de Galicia procedeu axeitadamente a requirir ao medio para que axustase a súa actuación aos principios establecidos no artigo 66 da LOREG, motivo polo que o recurso debe ser desestimado", finaliza.