Sexta remuda na presidencia de RTVE mentres o director da CRTVG segue con mandato indefinido desde 2009

Sánchez Izquierdo, Pérez Tornero e a presidenta da FORTA, Mar Iglesias © FORTA

José Manuel Pérez Tornero deixa a presidencia de RTVE. O máximo responsable da corporación pública abandona o seu posto logo de meses de críticas, enfrontamentos e división no Consello de Administración. 

Nunha carta remitida este luns, Tornero asegura que "xa non se dan as circunstancias para soster a viabilidade" do seu "proxecto", polo que decide dar "un paso ao lado". Nomeado en marzo de 2021 por consenso no Congreso, agora dimite tras unha criticada xestión e con diferenzas internas cada vez máis fortes nos últimos meses. 

Pérez Tornero substituíu no cargo a Rosa María Mateo e é o cuarto presidente da Corporación RTVE na última década. Mentres, en Galicia, a Corporación Radio e Televisión de Galicia (CRTVG) mantén o mesmo director xeral á fronte desde hai máis de 13 anos, malia que nunca foi elixido conforme ás normas da lei de medios vixente. 

Alfonso Sánchez Izquierdo e Alfonso Rueda CC-BY-SA Xunta

Desde que Sánchez Izquierdo accedeu á dirección xeral, en 2009, xa pasaron seis presidentes pola Corporación RTVE

Desde que Alfonso Sánchez Izquierdo accedeu ao cargo de máximo dirixente dos medios públicos en Galicia, en maio de 2009, pasaron seis presidentes pola Corporación RTVE.

Está no posto dende 2009, cando foi designado directamente por Feijóo para dirixir a CRTVG, na liña do permitido pola lei de 1984. A lei de 2011, pola contra, estipula que o director xeral, coma os membros do consello de administración, debe ser elixido por maioría reforzada do Parlamento é dicir, dous terzos (50 escanos) ou, se non fosen acadados, tres quintos (45) dos deputados e deputadas, o que obriga necesariamente a que o PP (actualmente, 42 escanos) pacte o nome con, cando menos, un dos grupos da oposición. 

A lei dos medios públicos sinala que a dirección xeral debe ser elixida por maioría reforzada, pero o actual titular do posto exérceo dende 2009 e unha emenda inserida polo PP en 2015 permítelle continuar nel por tempo indefinido

A mesma lei fixaba tamén que, nun máximo de seis meses dende a súa entrada en vigor -é dicir, a máis tardar en xuño de 2012-, a CRTVG debería ter unha dirección xeral escollida por esta vía. Pero isto non sucedeu e, en 2015, a Xunta e o PP aproveitaron a tramitación dos Orzamentos de 2016 para introducir unha emenda que permitiu manter a Sánchez Izquierdo indefinidamente no posto: seguiría exercendo ata que a Compañía de Radio Televisión de Galicia fose formalmente extinguida e nacese oficialmente a nova corporación (o cal sucedeu o 1 de xaneiro de 2016), pero tamén podería continuar "transitoriamente" se nese momento o Parlamento non elixira outra persoa para substituílo.

Sede da CRTVG en San Marcos (Santiago), nunha imaxe difundida pola Corporación pública © CRTVG

Tanto BNG como PSdeG reiteraron nos últimos anos a necesidade de que a dirección xeral da CRTVG sexa renovada conforme á lei, se ben o Goberno galego respondeu con desinterese a esas peticións. Así, por exemplo, a Secretaría Xeral de Medios limitouse a responder en 2020 que a remuda chegará cando haxa "diálogo" ao respecto. A remuda de Sánchez Izquierdo é tamén unha constante nas reclamacións do colectivo Defende a Galega. 

Hai tan só uns meses, no pasado mes de xullo, o Parlamento aprobou os nomeamentos para cubrir as dúas vacantes do PP no consello de administración da CRTVG cos votos a prol de PP e PSdeG. O BNG non os apoiou, ao advertir que non facilitaría estas remudas se os populares non accedían a cumprir íntegra a lei dos medios públicos, a comezar por substituír o director xeral conforme a esa norma. Non foi tampouco desta vez e Sánchez Izquierdo continúa no cargo. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.