É sabido que o ex-presidente Alberto Núñez Feijóo abandonou a Xunta para liderar o PP en substitución de Pablo Casado levando consigo o seu núcleo de asesores máis próximo encabezado por Mar Sánchez Sierra. O groso dos membros deste equipo estivo xa por tras do manual de asedio político aplicado polos populares en Galicia contra o Goberno de coalición de PSdeG e BNG, con estratexias baseadas en presentar a situación política como unha emerxencia permanente da que son culpables gobernantes entregados á extrema esquerda e amantes do luxo sufragado con fondos públicos.
O equipo de asesores do ex-presidente continúa a reeditar á fronte do PP o manual político que aplicou en Galicia na oposición ao Goberno de PSdeG e BNG e nos seus primeiros tempos á fronte da Xunta
Nesta lóxica da reciclaxe do manual aplicado por Feijóo na oposición e tamén nos primeiros tempos de goberno en Galicia encádranse elementos como a presentación dos seus candidatos e candidatas ás alcaldías das capitais de provincia, situados o pasado domingo na madrileña Praza de España sobre a silueta dun mapa tal e como fixeran os conservadores galegos hai máis dunha década para dar a coñecer as súas candidaturas ás municipais de 2011. Tamén o evento protagonizado polo ex-presidente este luns en Cádiz, no oratorio onde foi promulgada a constitución española de 1812.
O equipo asesor de Feijóo escolleu ese monumento da cidade andaluza para presentar a súa proposta de Plan de Calidad Institucional. Fíxoo cunha posta en escena pretendidamente institucional coa que é doado retrotraerse a outro evento moi semellante, o organizado polo mesmo equipo cando dirixía o PP en Galicia o 11 de febreiro de 2009, tres días despois de que unha ampla delegación dos populares, con Alfonso Rueda á fronte, secundase a manifestación convocada pola asociación denominada Galicia Bilingüe para alertar dunha suposta ditadura lingüística.
Feijóo substitúe o "contrato con Galicia" por un "contrato co país", presentado como en 2009 escasos días despois de brindar o apoio dunha ampla comitiva do PP a unha manifestación 'ultra' á que evitou acudir persoalmente
O acto deste 23 de xaneiro de 2023 chega dous días despois de que os populares, encabezados polo senador Miguel Tellado, se unisen á manifestación convocada por colectivos ultras na que Pedro Sánchez foi descualificado como "ditador e golpista". Feijóo evitou a acudir a ambas manifestacións.
Daquela, en 2009, a convocatoria foi na lonxa do compostelán Hostal dos Reis Católicos, coa residencia presidencial de Monte Pío ao fondo para presentar e asinar o que denominaron Contrato con Galicia. Tratábase dun documento de 14 compromisos que o aspirante dixera asumir como compromiso "político, persoal e moral" promesas en diversos eidos, da "austeridade" á promesa de "menos impostos" pasando pola "rexeneración democrática". Nos anos seguintes, as forzas da oposición galega (PSdeG, BNG, AGE ou En Marea, nas sucesivas lexislaturas) recrimináronlle reiteradamente o incumprimento de gran parte daquela táboa de promesas.
Agora, o rubricado nun documento encabezado por un escudo de España e non polo logotipo do PP co obxectivo de lle dar fasquía gobernamental é un compendio de 60 puntos cos que, afirma, pretende "dar un paso á fronte nun momento crucial". De emerxencia. Porque, defende, o "independentismo segregador e o populismo" están a "condicionar" o Goberno de España e existe un "asedio continuado ás institucións".
O líder popular di pretender confrontar un "asedio ás institucións" e reedita promesas como unha "rexeneración democrática", menor uso dos medios de transporte oficiais ou a esixencia de que nos concellos goberne "a lista máis votada"
Onde había un "contrato con Galicia" agora hai un "contrato co país" que reproduce literalmente fragmentos daquel presentado en 2009, como os relativos á "rexeneración democrática". Tamén recicla argumentos como os ligados á crítica ao uso de medios de transporte oficiais por parte do Goberno do PSOE e UP, como daquela contra PSdeG e BNG. A principal diferenza é que daquela restaban apenas dúas semanas para as eleccións ás que concorría Feijóo e agora, os comicios xerais tras os que que quere aspirar á presidencia do Goberno de España non serán antes do vindeiro outono.
Asemade, en vésperas das eleccións municipais, o ex-presidente e o seu gabinete recuperan outro clásico, o cuestionamento do sistema electoral mediante a esixencia de que nos concellos se outorgue automaticamente a alcaldía a quen encabece a "lista máis votada". Todo con independencia de que outra candidatura logre a maioría absoluta do pleno, órgano ao que pide retirar a competencia en "asuntos de natureza xestora", e obviando que o actual sistema xa prima á lista con máis votos, que gaña a alcaldía automaticamente se ningunha outra candidatura logra a maioría absoluta.
Faino despois de que, nas anteriores municipais, o PPdeG entregase a alcaldía de Ourense á terceira forza en votos, Democracia Ourensana. Esa reclamación, que na mesma mañá foi desdeñada pola líder do PP madrileño, Isabel Díaz Ayuso, compleméntaa con outras en diferentes eidos que esixirían fondas reformas constitucionais.