Dende a súa chegada ao liderado estatal do PP, Alberto Núñez Feijóo e o seu equipo asesor de maior confianza están a reciclar boa parte do manual de oposición que xa puxeran en práctica en Galicia contra o Goberno de coalición de PSdeG e BNG. Así, por exemplo, combinan acusacións de suposto desbalde e esixencias de cesamento de dirixentes do socio minoritario do Executivo (daquela o BNG, agora Unidas Podemos) con outras mensaxes menos explícitas sobre a vida persoal do presidente e do seu equipo, aos que sitúan como responsables dun caos económico e social.
O ex-presidente e o seu equipo continúan reciclando dende o liderado do PP en España boa parte do manual de oposición que xa puxeran en práctica en Galicia contra PSdeG e BNG
Nese manual figura vén figurando tamén de forma reiterada a esixencia de reducir o que Feijóo e a súa contorna veñen denominando "gasto político", en referencia á estrutura do propio Goberno de España e das institucións que del dependen. Trátase dunha reclamación que o PP tamén reiterara en Galicia mentres estivo na oposición pero coa que tamén xogou durante anos no Goberno. Por exemplo, hai agora dez anos, cando comezara a amagar con aplicar un recorte ao Parlamento que nunca chegara a executar.
Naquel verán de 2012, mentres o Goberno do PP de Mariano Rajoy comezaba a executar o paquete de recortes asociado ao rescate bancario, o propio Feijóo lanzaba durante unha entrevista con La Voz de Galicia que tiña a intención de recortar "de inmediato" o número de escanos do Parlamento galego de 76 a 60. Despois corrixiría, indicando que serían 61 nunha operación que suporía aforrar arredor dun millón ao ano e na que BNG e PSdeG vían un intento de facer máis difícil un eventual cambio de Goberno en Galicia.
O daquela presidente e outros dirixentes conservadores aseguraran que se trataba dunha idea para aforrar cartos e que estarían dispostos a levala adiante en solitario. Así o manifestaba, por exemplo, o actual presidente da Xunta e daquela número dous de Feijóo no Goberno e no PP. Segundo Alfonso Rueda, tratábase dunha medida "coherente coa realidade, comprometida coa austeridade e acorde coas preferencias dos cidadáns".
Nos meses seguintes, o PP foi engadindo outras explicacións para o seu plan. Entre elas, o "simbolismo" de recortar o Parlamento ou dedicar os cartos a pagar escolas infantís. Paralelamente, desbotaban ofrecementos dos grupos da oposición como reducir os salarios dos membros do Parlamento polo importe equivalente á supresión de 14 escanos.
Tras defenderen reducir 14 escanos no Parlamento para aforrar cartos, engadiran outras explicacións coma o "simbolismo" ou pagar escolas infantís. Os populares mantiveran viva a iniciativa durante dous anos ata acabaren abandonándoa
Malia á rotundidade das afirmacións, o certo é que naquel verán de 2012 Feijóo tivo que decidir entre aplicar o recorte ao Parlamento ou adiantar as eleccións ao Parlamento e optou polo segundo. Tras revalidar a maioría absoluta, na seguinte lexislatura inseriu e retirou a cuestión da axenda política en varias ocasións ata que, en febreiro de 2014, iniciaron a tramitación da norma para aplicala. Daquela xa abandonaran o aforro como argumento e esgrimían que se trataba dun "exercicio de responsabilidade" para "lexitimar e reforzar as institucións autonómicas, contribuíndo á súa simplificación sen alterar os principios básicos de representación".
O que semellaba paso definitivo para recortar o Parlamento, a constitución do relatorio encargado da lei ao respecto, chegou o 20 de maio do mesmo 2014. Foi, daquela, apenas cinco días antes das eleccións europeas que axitaran con intensidade o taboleiro político estatal pola irrupción de Podemos e en Galicia, entre outros aspectos, por obter o PP o seu peor resultados en votos en vinte e cinco anos. E dende aquelas eleccións, precisamente, o plan foi caendo no esquecemento.