O 15-M volve deixar en evidencia o Goberno de Mariano Rajoy. O movemento cidadán vén de comezar a difundir este mércores en internet unha morea de documentos que o Miniterio de Economía presentou, supostamente, no Consello Europeo do pasado 13 de xullo. Nestes informes, que non foron feitos públicos en España, detállanse polo miúdo o conxunto de recortes que ten previsto levar a cabo o Executivo español á volta do verán, tal e como adiantou VilaWeb. Máis e máis duros.
Nun dos documentos anúnciase unha reforma no sistema das pensións que sempre negou Rajoy
Así, entre os documentos, escritos en inglés e dos que nunca se informou no Estado, destaca un no que se apunta a unha reforma do sistema de pensións que nunca foi anunciada por Mariano Rajoy. Non só non anunciada, senón negada constantemente, ao igual que outras moitas medidas que prometeu non facer para acabar impoñéndoas. Ademais, tamén se aclara a intervención que levará a cabo o Estado nas autonomías que veñen de solicitar o rescate a través do acceso ao fondo de liquidez, como Catalunya, Valencia ou Murcia.
O conxunto de medidas que levará a cabo o Executivo para cumprir cos obxectivos de déficito son moitas, pero pódese acceder a un resumo realizado polo propio Executivo aquí ou incluso a través de esquemas.