As organizacións sindicais concentráronse este venres de forma unitaria en distintas comarcas do país para protestar unha vez máis contra o último paquete de medidas do Goberno de Mariano Rajoy e que consideran "un saqueo ao pobo" e "a primeira consecuencia do multimillonario rescate á banca". As organizacións sindicais xa teñen acordadas novas mobilizacións no futuro, a primeira delas o vindeiros venres 24 de agosto, coincidindo coa celebración do Consello de Ministros.
Os sindicatos anuncian novas mobilizacións, a primeira para o vindeiro 24 de agosto, coincidindo co Consello de Ministros
CCOO, UGT e CIG, ademais doutros sindicatos, concentraron centos de persoas en varias comarcas para denunciar así os continuos recortes levados a cabo polo Executivo do PP desde o comezo da crise, tales como "as reformas laborais; a diminución das pensións; a práctica desaparición da negociación colectiva; as conxelacións salariais; a entrega de miles de millóns de euros aos bancos; os incrementos de taxas nos servizos públicos; o incremento da contribución no abono sanitario; a desaparición do aseguramento universal no noso sistema estatal de saúde e a retirada da cobertura de centos de medicamentos".
Ademais, denuncian que todas estas medidas foron agravadas con maiores recortes nos dereitos sociais, tales como a suba do IVE. Para as centrais sindicais, o obxectivo destas políticas non é outro que "incrementar os beneficios dos chamados mercados" a costa dos traballadores e das persoas "con máis necesidades sociais".