Primeiros números e primeiro argumentario. Despois dunha semana de globos sonda máis ou menos concretos este sábado o PP comezou a bosquexar no marco do seu comité de dirección cales serán as ideas forza nas que apoiará en público o seu propósito de deixar en 61 os 75 escanos do Parlamento de Galicia, nunha operación que incrementará o peso electoral das xa sobrerrepresentadas provincias interiores e que dificultará aínda maís a posibilidade de acceder á Cámara para as forzas minoritarias. A través do seu secretario xeral, conselleiro da Presidencia e previsible director de campaña, Alfonso Rueda, os conservadores manteñen intacta a intención de meter a tesoira no lexislativo e xustifícano asegurando que o aforro acadado servirá para financiar escolas infantís e centros de día para persoas maiores.
Despois de que o pasado venres o voceiro da formación no Parlamento, Pedro Puy, evitase concretar cifras por considerar que "ese é un debate pouco relevante", Rueda si falou de números aproximados, que veñen confirmar que o impacto económico da medida se sitúa, como avanzou Praza Pública, no entorno do millón de euros anual. Non obstante, o número dous de Alberto Núñez Feijóo fai contas ante a prensa "por lexislatura" para asegurar que reducir 14 deputados implica deixar de gastar uns 5 millóns de euros en catro anos. Posteriormente, nun comunicado remitido aos medios, a formación conservadora matizou que Rueda "cifra en case seis millóns o aforro do recorte", nun contexto no que non baralla a posibilidade de rebaixar os salarios parlamentarios nunha cantidade equivalente -un 20% menos de soldo evitaría reducir escanos-, senón que só os minguará en proporción cunha paga extra, semellante á que deixará de percibir en decembro o persoal ao servizo da Administración.
Rueda asegura que quen fai "cálculos electoralistas" é a oposición pero evita abordar unha redución de salarios equivalente a reducir escanos
Cos números máis ou menos concretos sobre a mesa chegou o argumentario en boa medida xa agardada nas filas da oposición. Dende o PP tentarase transmitir que PSdeG e BNG se opoñen a minguar a sede da soberanía popular polo seu propio "interese". Socialistas e nacionalistas, proclama, deben "dicir se prefiren" que os millóns "estean nas contas correntes deses catorce políticos antes que dedicalos a crear" prazas de gardaría ou de centros de día para maiores. Ademais, e ante as acusacións de "pucheirazo", Rueda tenta invertir o argumento para asegurar que quen fai "cálculos electoralistas" é, precisamente, a oposición. "Os cálculos electoralistas do PSdeG e do BNG pódenlles interesar moito aos deputados que ao mellor perden o seu escano" pero o PP, asegura, "non entrará no xogo". E tras a acusación, unha advertencia. No caso de que manteñan o seu rexeitamento, "o primeiro que farán" os populares tras aprobar a tesoirada é "pedirlles explicacións" a socialistas e nacionalistas.
O PSdeG ve "populismo facilón" e o BNG anuncia que "non participará na farsa"
Pachi Vázquez: "Nunca caiamos na visión totalitaria de dicir 'mellor sen políticos"
Mentres o PP segue en disposición de mudar o Parlamento en solitario as forzas da oposición seguen alertando sobre o "pucheirazo" que ven por tras desta operación. Tanto socialistas como nacionalistas amosan a súa disposición a abordar calquera medida que implique reducir o gasto do Parlamento sempre e cando esa redución non sexa de "democracia" pola vía, en palabras do secretario xeral do PSdeG, Pachi Vázquez, dun "populismo demagóxico e facilón". "Nunca caiamos na visión totalitaria de dicir 'mellor sen políticos", alertou Vázquez na clausura da escola de verán do seu partido. "Hai moito onde aforrar sen tocar a soberanía nacional" e sen caer na "idea, moi propia da extrema dereita", de que "isto se arranxa acabando coa política". Así e todo, e malia a esta última "triquiñuela electoral", o líder dos socialistas afirma que aos populares "xa lles chegan datos" sobre a intención de voto da cidadanía, dos que se tiran que "van perder cunhas ou con outras regras". "Poden perder con dignidade ou de maneira indigna, tentando dar un pucheirazo" nun contexto no que Feijóo "di que sobra Parlamento" cando "o que sobra é el".
Guillerme Vázquez: "Con nós pode contar para democratizar cunha circunscrición única e para baixar o listón do 5% ao 3%"
Como os socialistas, tamén o BNG se amosan abertos ao "debate" tanto da redución salarial como dunha "reforma electoral en serio", pero "non para gañar eleccións de pucheirazo", di o seu portavoz nacional, Guillerme Vázquez. No marco dun encontro con deputados e cargos municipais da formación frontista Vázquez amosouse convencido de que o presidente "mente cando di que pretende reducir deputados para aforrar". O Bloque, di, demostrará que Feijóo falta á verdade facendo "propostas" para reducir "gasto prescindible" e tamén poñendo sobre a mesa propostas de modificacións electorais "para democratizar". "Con nós pode contar" para, por exemplo, crear unha circunscrición única -toda Galicia, no canto das catro provincias- para que todos os votos teñan o mesmo peso ou para "baixar o listón" de acceso ao Parlamento "do 5% ao 3%" dos sufraxios. "Pero para facer este pucheirazo con nós non contará" e por iso, avanza, o BNG "non participará na farsa democrática que pretende levar adiante" o PP, deixando entrever que os parlamentarios nacionalistas abandonarán o Parlamento no momento en que a reforma se consume.