O aforro de recortar o Parlamento, de cartos ou de democracia?

Canto do himno galego no trixésimo aniversario do Parlamento © Xoán Crespo

"Sobran políticos". Esta formulación e outras semellantes repítense con intensidade nos últimos tempos. Ao calor do lume da crise económica dende latitudes ideolóxicas diversas, mesmo opostas, e tamén dende grupos que se auto ubican fóra da "política" lánzase a necesidade de meter a tesoira nos políticos, en xeral, xa sexa no poder executivo ou no lexislativo, todo en aras do aforro. O pasado xuño a presidenta madrileña, Esperanza Aguirre, reciclaba unha proposta inicialmente lanzada polo partido UPyD na mesma comunidade e apostaba, tras anunciar fortes recortes sociais, por reducir de 129 a 65 os asentos da súa Asemblea rexional. Neses mesmos días o presidente da Xunta aseguraba ver con bos ollos a "razoable" idea de Aguirre e, tras varias semanas coa cuestión aparcada nunha beira da axenda política, este domingo recuperábaa no marco dunha entrevista con La Voz de Galicia. Concretamente, a súa opción é a de pasar "de inmediato" dos 75 parlamentarios e parlamentarias actuais ao mínimo de 60 que fixa o Estatuto de Autonomía. "Se pedimos esforzos aos cidadáns e aos funcionarios, teñen que ver que nós tamén os facemos", sinalou.

O aforro da proposta de Feijóo estaría no entorno do millón de euros, pouco máis do que custan, por exemplo, algunhas campañas publicitarias

Con este anuncio sobre a mesa, que o presidente canalizará a través do Grupo Popular, o debate aberto xira esencialmente sobre unha disxuntiva: compensa reducir a sede da soberanía popular para reducir gastos? Un dos aspectos menos comentados tanto por quen defende como por quen rexeita a proposta é o que, a priori, podería ser o esencial. De cantos cartos estamos a falar? Malia ás medidas de transparencia introducidas nos últimos anos que permiten, por exemplo, coñecer as declaracións de bens de cada membro do Parlamento, a cidadanía non pode acceder á nómina detallada de cada deputado ou deputada. En todo caso, a información contida no orzamento anual da institución parlamentaria e o esquema do réxime económico dos parlamentarios si permite ter unha idea aproximada.

En xeral, é posible afirmar que sentar nun escano do Pazo do Hórreo equivale a un soldo medio duns 5.000 euros mensuais, dos cales 1.942 corresponden a "asignación fixa" e algo máis de 2.500 á "axuda de custo", isto é, unha "contía mensual fixa para afrontar os gastos de aloxamento e manutención que orixine a súa actividade parlamentaria" e que está libre de impostos. O resto do soldo fórmano diferentes complementos por, por exemplo, presidir unha comisión. Desta estimación habería que excluír os cinco membros da Mesa, cuxo salario é máis elevado, chegando a algo máis de 9.000 euros ao mes para a presidenta e algo menos de 8.000 para os vicepresidentes, o secretario e a vicesecretaria.

Con estes datos na man xa é posible, polo tanto, aproximarse á cifra que propón recortar Feijóo. Un Parlamento de 60 membros implica quince salarios menos cada mes ou, o que é o mesmo, uns 75.000 euros. Polo tanto, en termos anuais traería consigo deixar de gastar aproximadamente uns 900.000 euros. Dados os mencionados complementos e estimando á alza, cuns 6.000 euros por deputado, o montante total a aforrar sería de 1,08 millóns de euros. Pouco máis do que custa, por exemplo, a campaña publicitaria que a Xunta comezou a tramitar a pasada semana, tendo en conta ademais que, na súa proposta, o presidente non inclúe a posibilidade de aplicar unha redución nos salarios parlamentarios máis acusada que as xa decidias.

Os cambios na composición política

Unha vez visto o aforro tocaría poñer o ollo sobre as súas consecuencias: a proporcionalidade, a representatividade e mesmo a influencia que a medida tería á hora de decidir unhas eleccións. Dos 75 escanos da Cámara 35 correspóndense cun criterio de proporcionalidade pura e 40 responden ao principio fixado no Estatuto de garantir a "representación das diversas zonas do territorio galego", neste caso a provincia, fixada como circunscrición electoral "en todo caso". Así as cousas, e aplicando o mesmo criterio, nun hemiciclo de 60 membros, 32 serían proporcionais e 28 en relación á poboación. Por circunscricións, o reparto sería de 20 para A Coruña, 11 para Lugo, 11 para Ourense e 18 para Pontevedra.

A representatividade do Parlamento reduciríase especialmente nun mapa electoral máis fragmentado que o actual

Con estas condicións de partida o novo escenario favorecería, a priori, as opcións políticas con maior representación, como tamén o fai a barreira do 5% para acceder ao Parlamento, imposta polo PP de Fraga en 1992. Isto sucedería porque, na práctica, na actualidade ese 5% xa se supera nas provincias interiores -Lugo ten 15 deputados e Ourense, 14- a causa do seu escaso número de deputados. Así, a menos postos a elixir, maior custo en votos, podéndose chegar ao caso de que varias formacións políticas superen o limiar esixido e non cheguen ao Parlamento e non participen, polo tanto, na conformación de maiorías. Esta posibilidade influiría especialmente nun mapa electoral máis fragmentado que o actual como o que, segundo apuntan as enquisas realizadas ata o momento, podería saír dos vindeiros comicios, coa entrada de novas forzas pola banda da esquerda e do nacionalismo.

Pero tamén é posible observar os efectos da proposta lanzada por Feijóo sen recorrer a estas hipóteses e, simplemente, botando man dos resultados das eleccións de 2009 e aplicándoos a un Parlamento de 60 deputados e non de 75. Neste caso, os 38 deputados do PP serían 31, os 25 do PSdeG pasarían a 20 e os 12 do BNG quedarían en 9. Os conservadores terían, polo tanto, unha marxe de dous deputados na súa maioría absoluta e non de só un, como acontece agora.

Canto do himno galego no trixésimo aniversario do Parlamento © Xoán Crespo

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.