Antes de reducilo, o Parlamento xa está incendiado. Cando menos, da banda da oposición. Despois de que o PP confirmase o seu propósito non só de levar adiante un recorte de deputados e deputadas -de 75 a 61- senón ademais de facelo antes das vindeiras eleccións autónomicas, PSdeG e BNG saíron ao paso para fixar posición, que non é outra que un rexeitamento frontal por ambas bandas. Se ben, nun primeiro momento, os socialistas se amosaron dispostos a abordar a cuestión malia ver no debate unha "cortina de fume" este martes concretaron para ver no propósito dos conservadores un "escándalo sen paliativos", un intento de "amañar á medida das súas necesidades" a lexislación electoral para "perpetuar a súa maioría absoluta" porque "todas as enquisas indican que a van perder", di o vicevoceiro da formación no Pazo do Hórreo, José Luis Méndez Romeu.
Romeu coida que o PP tenta "ensanchar a súa maioría sen captar votos" e Jorquera ve o plan "impropio" de "demócratas"
"Non están falando do aforro, están falando da perpetuación no poder mentres afunden a economía", afirma Méndez, en cuxa opinión o feito de que os populares non presentasen cálculo ningún sobre o aforro que se conseguiría -como informou Praza Pública, sería arredor dun millón de euros anual- amosa ás claras que tentan "ensanchar a súa maioría sen facer esforzo de captación de votos". Non en van, cuns resultados idénticos aos de 2009 o PP lograría ata tres escanos máis.
E mentres o PSdeG observa nos populares unha intención de "liquidar o sistema democrático" dende o BNG o xuízo non é máis amable. Ben ao contrario, seu candidato á Xunta, Francisco Jorquera, coincide no carácter "escandaloso" da postura do PP por tentar levar adiante unha inciativa "propia de golpistas". Na redución de deputados, explica, o "aforro que representa é moi cativo" polo que, razoa, "o PP non quere aforrar". "Se quixese, tería que defender", por exemplo, "suprimir as deputacións en lugar de reforzalas". "O que pretende é reducir o Parlamento galego para incrementar o grao de distorsión que introduce este sistema electoral entre a representatividade real que acadan as forzas políticas nas urnas e a súa plasmación en escanos", explica, xa que "canto máis reducido, maior é a distorsión".
Ademais da cuestión de fondo, para Jorquera tampouco son menores as formas, xa que, ao seu xuízo, resulta "absolutamente inconcibible" que "se pretendan modificar as regras de xogo na metade do partido" e máis aínda "cando falta un minuto para que remate". Neste escenario, o aspirante do Bloque á Presidencia avanza un rexeitamento frontal a un plan que, di, non tería encaixe en "ningunha democracia". "Un proceso de reforma da Lei Electoral require un diálogo entre todas as forzas políticas e un proceso de reflexión", isto é, o contrario a "impoñer unilateralmente" e a "trocar as regras de xogo no último minuto". Iso, conclúe, son "técnicas golpistas impropias dun partido que se di democrático".