O PP confirma que quere reducir o Parlamento antes das autonómicas

Rueda, con Miranda e Rodríguez Arias © PPdeG

A toda présa. En plena treboada financeira sobre o Estado os populares galegos semellan dispostos a capitalizar o debate político do país cunha medida que transcende o concepto de serpe de verán. A redución de membros do Parlamento de Galicia, recuperada a pasada fin de semana polo presidente da Xunta, vén pasar aos postos de cabeza da axenda política dos conservadores galegos, dispostos a pasar a tesoira polo Pazo do Hórreo canto antes e, en todo caso, antes das vindeiras eleccións autonómicas, nas que xa non se elixirían 75 deputados e deputadas, senón un número inferior "no entorno dos 61", en verbas do secretario xeral do partido e conselleiro da Presidencia, Alfonso Rueda.

Rueda insiste en que a cidadanía demanda unha redución no número de deputados, a oposición ve un "pucheirazo"

Tras o lanzamento do globo sonda por parte do presidente da Xunta nunha entrevista Rueda escenificou este martes o inicio da operación cunha xuntanza na sede autonómica do PP dende a que reclamou "responsabilidade e coherencia" a PSdeG e BNG, formacións da oposición que, lonxe de ver na proposta unha medida de aforro, observan unha "cortina de fume" ou, simplemente, a procura dun "pucheirazo", segundo acusou o portavoz nacional do Bloque, Guillerme Vázquez. Os temores de socialistas e nacionalistas diríxense, esencialmente, ás variacións na representatividade e proporcionalidade da Cámara que traería consigo o recorte. Non en van, como informou Praza, con idénticos resultados aos de 2009 os conservadores lograrían ensanchar a súa maioría absoluta nun Parlamento con 15 membros menos.

Pero o número dous de Feijóo foxe das interpretacións políticas para recorrer á omnipresente apelación ao aforro, non cuantificado en público polo PP pero que apenas superaría o millón de euros anual. Segundo Rueda esta non é máis ca unha formulación "coherente coa realidade, comprometida coa austeridade e acorde coas preferencias dos cidadáns". Ese mesmo acordo, asegura, prodúcese tamén no seo do propio Grupo Parlamentario Popular, cuxos actuais 38 membris, afirma, están "absolutamente de acordo" na redución".

Neste escenario, e coa vista posta nos comicios, Rueda anuncia que "canto antes" o voceiro parlamentario do PPdeG, Pedro Puy -este martes ausente da xuntanza por ter que acudir a un debate televisivo- convocará a socialistas e nacionalistas para presentar formalmente a proposta. "En función do desenvolvemento de ditas negociacións iranse activando as seguintes etapas", di, nun contexto que, a priori, non semella propicio para o acordo. Pola banda socialista o pasado luns a súa voceira institucional, Laura Seara, xa avanzou que nun contexto de crise como o actual, cos servizos públicos "en risco", "o problema non son os deputados ou os concelleiros". Mentres, Guillerme Vázquez abondou no seu rexeitamento á "inaceptábel" medida coa que Feijóo, di, tenta "cambiar as normas e gañar as eleccións cun penalti, aínda que sexa mal pitado".

Rueda, con Miranda e Rodríguez Arias © PPdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.