"Non estou dicindo que sexa unha cuestión económica, se entenderon iso, por favor, rectifíqueno. É un problema simbólico, de atención a unha situación de extremada necesidade económica pública". Durante case media hora o voceiro parlamentario do PPdeG, Pedro Puy, tivo que facer fronte a este venres ás preguntas da prensa sobre o propósito do seu partido, con Alberto Núñez Feijóo á cabeza, de reducir de 75 a 61 os deputados do Parlamento galego, nunha operación que lle dará máis peso ás provincias interiores e dificultará aínda máis o acceso á Cámara dos grupos minoritarios. Despois de que, durante os últimos días, tanto Feijóo como o seu número dous, Alfonso Rueda, fixesen do aforro o argumento esencial da iniciativa, Puy matiza agora que os cartos non son o cerne da cuestión, mesmo evitando, malia á insistencia dos xornalistas, cuantificar o aforro da medida -como vén informando Praza Pública, deixaríase de gastar arredor dun millón de euros ao ano-.
Puy evita concretar o importe que se aforraría coa redución e desbota analizar un recorte de salarios que evite a merma de escanos
"O que é importante é que hai aforro e que, sobre todo, lle damos unha mensaxe á sociedade". "Teñen a cifra nos medios", admite o deputado popular, se ben "ese é un debate pouco relevante". "Eu non vou dar unha cifra, porque se poden imputar gastos aos deputados que ao mellor se manteñen aínda que se reduza" o seu número", admite. Por iso, "máis alá do custo", Puy anuncia que o seu partido seguirá adiante co seu plan, que aínda non está redactado e que, en canto o estea, lle será remitido aos grupos da oposición. Ese envío irá con ánimo de "consenso", asegura, se ben a o propósito do presidente non se vai alterar. Tratarase de recortar o número de parlamentarios é só diso, non de "tocar a distribución por provincias", isto é, non de reducir o mínimo de 10 actas que lle corresponden actualmente a cada circunscrición e que, con menos deputados en xogo, beneficiarían o partido maioritario.
Así e todo, Puy rexeita de plano que por tras deste movemento a escasos seis meses do remate oficial da lexislatura estea unha vontade de garantir unha nova maioría absoluta do PP. "Un resultado electoral non depende da mutación das regras, senón que a xente se adapta a esas regras", asegura. "Se un altera o sistema pensando que se van reproducir os resultados" anteriores "equivócase", máis aínda cando, dende o seu punto de vista, esta redución en concreto "non altera significativamente os resultados no que se refire á orientación do Goberno". En todo caso, abonda, o PP tampouco "se queixou" cando o Goberno central ampliou o dereito á nacionalidade española para os netos de emigrados e exiliados da Guerra Civil, modificación que ampliou o número e participación do censo de residentes ausentes.
Pero, non hai alternativas? Non valora o PP a posibilidade dunha redución de salarios parlamentarios para lograr o mesmo aforro sen tocar a representación popular?, preguntóuselle a Puy dende a bancada da prensa. "Eu formulo unha cuestión concreta, se hai alguén que prefire facer outro tipo de propostas, será analizada", aínda que partindo da base de que "a proposta é a que dixo o presidente". Nesta liña, tamén pecha filas con Feijóo para advertir de que a procura do consenso será primeiro "a tres -con PSdeG e BNG-", despois "a dous -só cos socialistas-" e, se non hai acordo, a reforma sairá adiante grazas á maioría do PP, que "é estatutaria", evidencia".
O PSdeG tamén ve un "golpe de Estado", o BNG reitera a acusación de "pucheirazo"
O PSdeG advirte de que non "colaborará" nun "golpe de Estado constitucional" e o Bloque lembra o gasto en publicidade
Pero ese "consenso" ao que, cando menos formalmente, se apela dende as filas populares está lonxe de aproximarse á realidade para un acordo a tres bandas, pero tamén para un pacto a dúas. Despois de que, en días pasados, os socialistas amosasen, dende o rexeitamento, unha certa disposición a negociar o seu voceiro na Cámara, Abel Losada, clarificaba este venres aínda máis o panorama. "Os socialistas coa auasteridade, sempre" e por isto "temos toda a vontade de negociar o aforro na Administración" e "con emendas aos Orzamentos, que é onde hai que facelo". Pero "en ningún caso", di, negociarán "recortes na calidade democrática" e esta redución de deputados é "un atentado democrático", un "exercicio de enxeñaría electoral para perpetuarse no poder" ou, simplemente, "un golpe de Estado constitucional" co que Feijóo se converte nun "caudillo" que "modifica a Constitución ao seu favor para perpetuarse no poder" ademais de tentar tender "unha cortina de fume para agochar unha xestión nefasta". "Aí non vai contar coa colaboración dos socialistas", advirte.
Nun sentido semellante dende o BNG a súa deputada Carme Adán, que comparecía ante a prensa para abordar asuntos en materia educativa, abondou na análise que xa realizaran en días pasados tanto o portavoz nacional da formación, Guillerme Vázquez, como o seu candidato á Xunta, Francisco Jorquera. "Estamos dispostos a calquera austeridade real", tamén a "un recorte de salario dos deputados e deputadas", pero "isto non é un aforro, é unha merma de democracia". Nesta liña, Adán lembra que "simplemento con que non fixesen a última campaña publicitaria" da Consellería de Economía "xa se aforraba un millón de euros", o mesmo que recortando escanos. "Ten medo de perder as eleccións?", pregúntase a nacionalista, para quen "isto significa que o que non se pode gañar de xeito democrático téntase gañar cun pucheirazo".
A polémica chega a Madrid
Óscar López: "Se quere austeridade no Parlamento de Galicia pode recortar gastos"
Mentres en Galicia a actualidade política está xa capitalizada por este asunto a operación dos conservadores galegos chegaba tamén este venres a Madrid, donde o secretario de organización do PSOE, Óscar López, cargaba con dureza contra o que, como a oposición galega, considera tamén un "pucheirazo en toda regra". "O señor Feijóo e o PP de Galicia pretenden cambiar as regras do xogo ás portas dunhas eleccións autonómicas" e proceder, "mesmo abrindo en agosto o Parlamento", a unha "reforma do sistema electoral que non é senón un pucheirazo para gañar as eleccións". Para o número tres de Alfredo Pérez Rubalcaba esta inicaitiva "reflicte ben claro a preocupación que hoxe ten Feijóo ante un posible cambio en Galicia".
Para Óscar López é especialmente grave que o presidente tente "enmascarar" a reforma "nunha suposta política de austeridade". "Se o que quere é austeridade no Parlamento de Galicia pode recortar gastos" e facelo "na mesma proporción" que recortando o número de deputados, di. O que "nunca" aceptarán os socialistas, anticipa, é "rebaixar a representatividade dos cidadáns no Parlamento, que é o que está buscando".