O 11 de febreiro de 2009, unha semana antes de iniciarse a campaña electoral que o acabaría levando á presidencia da Xunta, Alberto Núñez Feijóo asinou na terraza do Hostal dos Reis Católicos, con Monte Pío como pano de fondo, un “contrato con Galicia” de 14 puntos que se comprometía a cumprir se gañaba aqueles comicios. Sete anos e medio despois, o candidato do PSdeG á Xunta, Xoaquín Fernández Leiceaga, asegurou este luns que aquel compromiso “foi escrupulosamente incumprido”.
Os socialistas admiten de xeito irónico que cumpriu dous puntos: “o austericidio e a baixada de impostos en período electoral logo de subilos antes”
Os encabezamentos dos 14 puntos daquel “contrato con Galicia” de Feijóo eran: emprego, estratexia económica, austeridade, menos impostos, sanidade con garantías, dependencia efectiva, opcións de conciliación, xuventude en primeiro plano, equilibrio territorial, principios medioambientais, innovación, reforma da administración, identidade e liberdade, e rexeneración democrática.
Nunha nota de prensa remitida logo da comparecencia de Leiceaga, os socialistas din de xeito irónico que, de todos aqueles puntos, os populares cumpriron dous, o cuarto e o quinto: “Feijóo só cumpriu co austericidio e coa baixada de impostos en período electoral tras subilos durante os anos anteriores”, critica o PSdeG. Do resto de puntos, os sociaslitas fan un balance demoledor punto por punto e acusan a Feijóo de “liquidar os servizos sociais” ou regalarlle unha maleta aos mozos con mellores expedientes para que emigren, “ata chegar á rexeneración democrática, o principal motivo de orgullo para quen se mantén apoiado na saga dos Baltar a cambio de tolerar os seus desmáns dende a Deputación de Ourense, motivo de chanza e indignación en todo o Estado”, din.
O PSdeG bótalle en cara que prometese acabar co paro en 45 días, algo que nunca dixo
No seu repaso, os socialistas din que Feijóo “fracasou estrepitosamente no seu compromiso de acabar co desemprego en 45 días, cando a realidade é que chegou á Xunta cun 12,88 por cento de desemprego e a deixa no 17,7 por cento”. Porén, Feijóo nunca prometeu acabar co paro en 45 días, como teima en reprocharlle desde hai anos toda a oposición, senón só presentar nese prazo un plan de reactivación económica. De feito, o seu “contrato con Galicia”, no seu primeiro punto, limitábase a prometer “combater o paro como máxima prioridade do Goberno e recuperar a senda de creación de emprego garantindo a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes”. Os socialistas tamén acusan a Feijóo de ter 50 asesores nomeados a dedo no “seu gabinete particular”, cifra que só se obtería engadindo os traballadores de entes dependentes da Presidencia da Xunta pero que non se corresponde coa do seu gabinete.